Reflexións sobre 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres

8 de marzo

Xa pasou máis dun século dende a primeira celebración do día Internacional das Mulleres, e aínda temos que seguir a denunciar a precaria situación na que nos atopamos miles de mozas, máis dun século despois de que no 1911 se conmemorara por primeira vez este día de reivindicación dos nosos dereitos.

Continuamos a ser vítimas dunha crise que se xa se cebou coas clases sociais máis desfavorecidas, e que o fixo de forma máis encarnizada coas mulleres. Isto amósano claramente as estatísticas nas que se ven reflectidas as desigualdades que sufrimos no eido laboral. Produciuse un aumento dos contratos temporais, e unha diminución da estabilidade salarial, cunha media de case 3 contratos por muller ao ano. A perda de poder adquisitivo deuse en maior medida nas mulleres, agudizando así unha diferenza salarial que chega ao 25%. Non esquezamos, ademais, a dificultade para conciliar xornadas laborais que se duplican cando ao chegar á casa son as mulleres quen asumimos os labores de fogar, coidado das crianzas ou dos nosos maiores. Un aspecto máis a ter en conta son as taxas de emigración das mozas, que se dobraron nos últimos cinco anos. Isto fai que os datos das estatísticas non nos mostren a taxa de desemprego real, xa que estas mozas emigrantes “non entran nas cifras”, facendo que os datos de desemprego que manexamos nos parezan menores se non nos fixamos neste factor.

Non queremos ter que emigrar, nin ser vítimas da falta de prestacións, nin da falta de protección social.

Esta situación de desamparo e desigualdade tanto social como institucional, viuse agravada pola chegada do Partido Popular ao goberno central, que se dedican a “recortar” en políticas de conciliación de familia e traballo ou no relativo aos programas de dependencia, que reducen drasticamente as partidas do gasto social mentres se rescatan bancos, o cal empeora as condicións laborais daquelas que teñen a sorte de manteren o seu posto de traballo mediante o abaratamento dos despedimentos.

Non estamos dispostas a aceptar que o día 8 de marzo quede “etiquetado” como un día de simple conmemoración formal, e que se dilúan as nosas reivindicacións, facendo que semellen asuntos cun peso menor ou de importancia secundaria subordinada ao capital. Non queremos un mundo onde ser muller sexa motivo de discriminación de ningún tipo, non queremos seguir sendo as vítimas do acoso sexual, da economía somerxida, do teito de cristal. Non queremos ter que emigrar, nin ser vítimas da falta de prestacións, nin da falta de protección social.

As estudantes galegas, fartas do patriarcado!

Non queremos un mundo patriarcal e opresivo que limite ou directamente corte a oportunidade de que unha muller decida o que quere ser e como acadalo. Debemos persistir na defensa dos dereitos que as mulleres fomos conquistando e dos que aínda temos que reivindicar.

É hora xa de pórlle fin a esta situación e de berrar unha vez máis que estamos FARTAS!