Os Comités somos a organización do estudantado galego, un punto de referenza para moitas e moitos estudantes que veñen desde os anos oitenta establecendo unha alternativa nacionalista contra as agresións deliberadas cara o ensino público galego.

Falar dos Comités é falar dunha loita clara e sen ambigüidades contra os recortes no ensino público, contra a precarización e a elitización do mesmo e contra a redución e privatización dos servizos. Falar dos Comités implica ter sobre a mesa unha morea de alternativas, tanto para institutos como para facultades, en defensa dun ensino galego, público, democrático e de calidade. 

Os Comités sempre nos caracterizamos por entender o ensino como un servizo público, de calidade e non discriminatorio e polo tanto, na loita contra a concepción establecida deste como unha mercadoría máis coa que poida comerciar.