á portada


á portada

envíanos un correo

imprimir

 


10 de Novembro / Paro Xeral

Hoxe estamos aqui para facer pública a nosa protesta contra un novo proxecto educativo como é a Lei Orgánica de Educación (LOE).

Unha reforma que é continuista doutras leis aprobadas no seu día polo Partido Popular, como a LOU e a Lei de Calidade, que promociona a privatización e elitización do ensino, e que non responde ás nosas demandas.

As e os estudantes galegos consideramos prioritario substitui r a Lei de Calidade promovida no seu día polo Partido Popular por un novo modelo educativo. Pero non é isto polo que tanto loitamos. A nova Lei Orgánica de Educación (LOE), non responde ao que desde hai tempo vimos demandando as e os estudantes, senón que é continuísta nos principais aspectos; o modelo non só non soluciona as carencias do ensino público galego -que existen e son moitas-, senón que moitas das "novidades" introducidas son claramente regresivas.

Non estamos a favor de que o ensino privado, máis unha vez, sexa millonariamente subvencionado mentres o ensino público esmorece, mentres non se recoñecen o ensino público como un dereito fundamental e gratuito, no que entran tamén as infraestructuras, os meios de transporte, os libros de texto. É hora tamén de superar o modelo de selectividade que agora se endurece: con aprobar o bacharelato temos dereito a estudar na Universidade. Tampouco nos parece xusto que se manteñan os itinerarios e a segregación imposta polo PP, se ben se manteñen dun xeito encuberto. Queremos a relixión fóra do ensino. A fé relixiosa de cada un non tén cabida nun ensino laico. Por último, se nós estudamos, nós debemos decidir e participar, democraticamente, do ensino. O estudantado debemos ter voz e poder falar e decidir sobre os problemas dos nosos centros.

En consecuencia, EXIXIMOS:
-Unha Lei de Financiamento adecuada ás necesidades do ensino público
-A supresión dos concertos co ensino privado
-A supresión das trabas de acceso á universidade
-A eliminación da relixión como asignatura e dos privilexios da relixión católica
-A xestión democrática dos centros
-A descentralización e adaptación do ensino á realidade nacional galega.

É claro que ante esta reforma non podemos ficar calados. Os nosos direitos están en xogo.
Debemos-lle facer chegar ao goberno a nosa oposición perante este novo ataque ao ensino público.
O estudantado do noso país debemos demostrar na rúa a nosa rotunda oposición a unhas reformas que agravarían o deterioro do ensino público, mobilizándonos unha vez máis para reclamar un ensino galego, público, democrático e de cualidade.
Non á LOE!!!