|
En galego! Pasado
xa un mes de aulas, os Comités Abertos de Estudantes
na comarca da Coruña veñen de denunciar a
falta de compromiso dalgúns profesores e profesoras de Ensino
Medio e Bacharelato que non están a cumprir o decreto 124/2007
do 28 de Xuño, polo que se regula o uso e a promoción
do galego no sistema educativo, que entrou en vixencia neste mesmo
curso.
Este Decreto contou dende o primeiro momento co apoio
desta organización, proporcionándolle ao alumnado
unha boa competencia en lingua galega repercutindo de forma máis
que positiva no seu uso, cousa que até o de agora, non sucedía.
Con todo isto, os Comités Abertos de Estudantes
da Coruña, veñen de presentar unha campaña
de galeguización do ensino, desta volta, adicado
ao profesorado para animarlles a cumprir a lei e deixar de colaborar
co etnocidio cultural que supón a escasa presenza do galego
no ensino. Estamos ante a mellor situación posíbel
para que a situación cambie.
O ensino galego, grazas a este Decreto, avanza considerabelmente
cara o obxectivo final de termos un ensino esencialmente en galego.
Para os Comités Abertos de Estudantes da Comarca da Coruña
é importantísimo a normalización da lingua
neste ámbito, pois do ensino depende en gran medida o emprego
do galego polas novos.
A normalización lingüística ven
avalada polo recoñecemento que o galego ten no Estatuto como
lingua propia de Galiza, isto é, como lingua autoxerada polo
pobo galego e falada no seu territorio durante séculos
Esta organización, dentro da campaña
que se está a desenvolver na Coruña, organizarán
un envío masivo de cartas aos seminarios dos institutos desta
comarca, animando aos profesores e profesoras a sumarse a
loita por un ensino en galego.
|