|


|
Ademais de cuestións
relacionadas co ensino, os CAE centran a súa actividade en
cuestións moi diversas. Como nacionalistas, defendemos unha
Galiza libre, á que se lle recoñezan os seus direitos
como nación e que poda gobernarse a si mesma, falar a súa
lingua, promover a súa cultura e decidir sobre a súa
economía. Defendemos un mundo máis xusto e solidario,
no que os pobos se relacionen entre si en pé de igualdade,
no que se conte coas nacións e as persoas e non cos intereses
dos grandes estados e das multinacionais. Opoñémonos
á globalización que ignora os pobos, acentúa
as desigualdades sociais e impón o pensamento único.
Solidarizámonos cos pobos do mundo que loitan pola súa
liberdade e pola xustiza, desde Palestina até Cuba e desde
Venezuela até o Irak.
Defendemos unhas condicións de vida dignas para a xente nova,
onde se garanta o dereito a un emprego estábel e ben pagado
ao rematar os estudos, o acceso á vivenda, alternativas para
o tempo de lecer...
En definitiva, somos parte dunha sociedade que compre
cambiar, e dunha nación negada, Galiza, que queremos axudar
a transformar desde as aulas.
As demandas dos CAE para o ensino deste país
- Pola catalogación do ensino non universitario
como ciclo único educativo público, gratuito e obrigatorio
ate 18 anos, cuxos obxectivos básicos sexan:
a) Dotar ao estudantado duns coñecementos e capacidades básicas
que o formen a partir do contexto e contorno máis próximo
até, gradualmente, outro máis universal.
b) Permitir, a partir dun determinado momento, unha especialización
relativa en áreas de coñecemento teórico/prácticas
que posibiliten a entrada do estudantado na universidade ou no mundo
laboral.
- Pola integración dos centros privados e de carácter
especial na rede única de ensino público.
- Pola galeguización do ensino, en canto ao idioma e aos
contidos.
- Pola supresión da selectividade.
- Pola gratuidade dos libros de texto.
- Pola renovación dos actuais sistemas de avaliación
e verificación do desenvolvemento formativo do estudante,
que suprima os actuais exames.
- Por un ensino laico, sen adoutrinamento relixioso.
- Pola reciclaxe do profesorado e o control da docencia.
- Por unha especialización profesional que posibilite a entrada
dos estudantes no mundo laboral ou a súa libre incorporación
á educación universitaria.
- Por unha ampla oferta educativa (secundaria, bacharelatos e ciclos
formativos) en base á realidade das comarcas galegas, e que
dea cobertura á demanda social.
- Polo estabelecemento de axudas aos estudantes de servizos complementarios
que posibiliten o acceso maioritario ao ensino.
- Pola democratización dos órganos de goberno e xestión
escolar, asegurando a representación estudantil paritária
cos demais sectores en todos os niveis.
- Polo recoñecemento dos direitos democráticos dos
estudantes, en concreto a realización de asambleas e folgas.
|