A Historia dos Estudantes
Revolucionarios Galegos ERGA
Os Comités Abertos de Escola e Faculdade consideramo-nos
herdeiros direitos de ERGA e sabemos que moitas outras organizacións
teñen tamén parte herdanza que xerou esta organización
xuvenil nacionalista. E hoxe, máis que nunca, os obxectivos
de ERGA seguen a estar vixentes, ainda que adaptados ao contexto
actual: Ensino galego, público, democrático e de calidade.
|
| I Congreso dos Estudantes Revolucionarios Galegos
no salón de actos de Económicas de Compostela
|
ERGA, Estudantes Revolucionários Galegos,
foi a organización máis influinte na mocidade galega
desde os anos 70 até a sua desaparición no ano 88. Desta
organización sairon importantes cadros do nacionalismo galego
polítco e sindical e foi baluarte fundamental das loitas que
o nacionalismo galego levou até os nosos dias. Nesta breve
história pretendemos dar a coñecer unha organización
e agradecer a todos e todas as suas militantes o seu contributo á
causa da liberación nacional e a tranformación social
de Galiza. O nacionalismo galego, que através
da F.E.U.G. (Federación Universitária Galega) fora
quen de hexemonizar o Movimento Estudantil nos dias da II República
terá que esperar a decembro do 72 para encetar o camiño
que lle permita recuperar a hexemonia perdida tras o alzamento militar
fascista.
Ainda que presente nas grandes mobilizacións
de marzo do 68 e nas loitas do curso 71-72 a dirección e
a iniciativa corria da man da esquerda española abafada dun
teoricismo sectarizante que imposibilitaba a articulación
dunha acción de masas e totalmente insensíbel a nosa
identidade nacional.
1972-1975: COA CLASE APRENDENDO A PÁTRIA
ERGA (Estudantes Revolucionários Galegos)
impulsada pola Unión do Povo Galego (UPG), xurde logo da
necesidade de dotar ao estudantado dunha organización nacionalista
e reivindicativa, respondendo o seu á mesma formulación
que nos anos posteriores dará vida ás Comisións
Labregas ao sindicalismo obreiro,á Asemblea Nacional-Popular
Galega (AN-PG); isto é a autoorganización dos diferentes
sectores sociais que conforman o povo galego como condición
imprescindíbel para a autodeterminación de Galiza.
A sua aparición pública acelerada tras
o asasinato a mans da policia do estudante de Medicina Chema Fuentes,
dá-se nun contexto de profunda conflictividade na nación
(tras as mobilizacións obreiras de Vigo e Ferrol) e no marco
dunha universidade que como consecuéncia do crecimento económico
dos anos 60 estaba a abrir-se a sectores sociais máis populares
de procedéncia vilega ou rural. Será precisamente
este segmento do estudantado onde mellor calle historicamente a
mensaxe da nova organización e de onde saia o groso da sua
militáncia.
ERGA imprimirá dende as suas orixes unha nova
dinámica ao movimento estudantil, misturando as revindicacións
académicas con aquelas de carácter máis xeral
que daquela hexemonizaba a práctica deste.
Asi, entre os cursos 72-73 e 74-75 levarán-se
adiante campañas pola mellora da docéncia (reivindicación
da especialidade de Psicodiagnóstico, novo plano de estudos
para Filosofia...), contra o autoritarismo do profesorado (críticas
a Lois do CUVI, De Pablos en Biolóxicas, Pablito en Lugo....),
de boicote e oposición ás probas de selectividade
que vai provocar a incorporación do Ensino Meio á
loita estudantil; a implantación de ERGA fora de Compostela
é froito da concepción do ensino como un problema
global e da necesidade de criar unha dinámica de masas en
todo o país.
Á sua par colabora-se activamente nas mobilizacións
do conxunto do nacionalismo: en oposición ás celulosas
(Ourense...), no dia da Pátria, no 1º de maio, polas
liberdades democráticas e contra a represión (solidariedade
cos alunos expulsados do instituto Coia, volta a Galiza de Francisco
Rodríguez desterrado en Cádiz ...). Particular importáncia
vai ter a laboura desenvolta no ámbito cultural (apoio ás
Asociacións Culturais, homenaxe nacional a Castelao en 1974)
e no lingüistico, o galego era perseguido nas aulas polo réxime
e nas asembleas pola esquerda española, limitando-se o seu
uso sistemático aos membros de ERGA.
A pesar dos prexuízos seculares, dos prantexamentos
importados, da represión franquista e da pouca experiéncia,
a alternativa patriótica descoñecida nas aulas só
tres anos antes pasa a ser un referente fundamental no estudantado
universitário e hexemónico nas ensinanzas médias
ao final deste período.
1975-1981: SOÑANDO A RUPTURA
As espectativas criadas tras a morte do xeneral Franco
sobre as posibilidades dunha ruptura democrática que permiti-se
unha reformulación do Estado van provocar unha importante
expansión do nacionalismo e unha intensificación das
loitas populares vivindo ERGA unha época dourada que ten
o seu momento álxido en xaneiro do 78 coa celebración
diante de 1000 delegados/as do seu I Congreso en situación
de ilegalidade (ate 1987 non vai ser legalizada).
O estudantado vai-se amosar especialmente receptivo
á participación en conflictos de carácter xeral
nutrindo as manifestacións máis senlleiras deses anos
(Xove, Baldaio, Encrobas...) colaborando coas reivindicacións
das restantes organizacións nacionalistas (oposición
á industrialización irracional, contra a cuota empresarial....);
o apoio de ERGA á xornada de loita contra os Pactos da Moncloa
convocada polas Comisións Labregas (CC.LL.) e a ING para
o 27 de xaneiro do 78 salda-se coa mobilización de 60.000
estudantes apesar do boicote do resto das formacións actuantes
no sector.
A partir do curso 78-79 a medida que se vai consolidando
o proceso de cámbio de réxime, as loitas por cuestións
académicas pasan á primeira orde máis cun enfoque
novo onde a dinámica de centro vai primar sobre a nacional.
Atrás quedaban as mobilizacións pola ampliación
do prazo da matrícula, contra os ciclos e as catro convocatórias,
en oposición ás taxas con paros na práctica
totalidade dos centros universitários; abre-se unha nova
páxina onde a excepción ven representada polas loitas
no Ensino Médio esixindo a derrogación do Estatutos
de Centros e na universidade a LAU, expresións legais do
novo marco xurídico-político.
O golpe militar do 23 de febreiro marca ás
claras o rumo reaccionário que toma o estado español
e a imposibilidade dunha evolución democrática o que
provoca unha grave crise no conxunto das forzas rupturistas e por
extensión no nacionalismo galego. Tanto é asi que
a organización estudantil patriótica, cuxo 2º
congreso é proibido, perde boa parte da sua militáncia
e presenza territorial ficando como a única forza actuante
no moivimento universitário e de médias.
1981-1987: O DESENCANTO DA II RESTAURACIÓN
A necesidade de actuar, ser úteis, nunha situación
de hostilidade social e institucional como a xurdida tras a consolidación
do réxime democrático burgués vai obrigar a
articulacións unitárias entre as forzas e indivíduos
que se salvaron do naufraxio da transición. O proceso vivido
en 1982 coa fundación do Bloque Nacionalista Galego (BNG)
no que ERGA participa pasando a converter-se nun colectivo máis
da frente garda similitude co acontecido no movimento xuvenil e
no ensino en particular.
No cámpus de Compostela partindo das debilitadas
estruturas unitárias criadas nalguhas faculdades ao calor
das loitas do curso 79-80 os Comités de Faculdade, enceta-se
unha iniciativa xunto a outras organizacións e persoas sen
militáncia partidária encamiñadas ao seu afortalamento
e expansión ao resto dos centros de distrito e da universidade
(Nova Escola en Ourense, Escola Aberta en Vigo e Pontevedra ). Xurden
asi os Comités Abertos de Faculdade (CAF) no curso 83-84
aos que ERGA lle adicarón até a sua desaparición
os seus mellores esforzos veiculizando através deles todas
as reclamacións de tipo académico en aras de non distorsionar
o papel dos comités a ollos da comunidade educativa.
A escasa implantación coa que contaban no
Ensino Médio limitou o seu labor a conflictos pontoais (FP
no Carballiño,transporte na Coruña...) e dificultou
o lanzamento dunha estrutura homóloga da que operaba con
grande éxito no ensino superior. Apesar disto foi-se quen
de respostar con creces a reforma educativa elaborada polo goberno
do PSOE através da PAEGA (Plataforma Aberta de Estudantes
Galegos) que entre os anos 86-87 levou adiante as máis importantes
mobilizacións realizadas polo alunado de medias. Esta experiéncia
parella á criación dos Comités Abertos de Estudantes
(CAE) que aparecen coincidindo coas eleicións aos consellos
escolares do ano 86.
A actividade pública de ERGA durante estes
anos,case na totalidade das ocasións,derivará-se da
sua responsabilidade como organización xuvenil do nacionalismo.
Participará do movimento anti OTAN, apoiará as folgas
xerais dos anos 84-85 realizando paros e manifestacións de
estudantes e denunciará os intentos de manipulación
de Rosalia de Castro e de Castelao coincidindo co traslado deste
a Galiza, e solicita o voto para o BNG para as campañas electorais
e consegue integrarse (non sen moitos problemas ao ser alegal) no
Consello da Xuventude de Galiza.
O movimento nacionalista que viña de viver
nos anos anteriores as horas máis críticas da sua
xeira contemporánea a forza de ter fe, volta a ter fe no
noso povo.
|