
|
LOIS DIÉGUEZ AGASALLOUNOS CON ISTE CONTO-POEMA
Vinte pétalas
Ia desfollando, a moza, pétalas dunha antiga história de amor e
desamor. Non coñecia o nome daquel rapaz. Nen tampouco o da
rapaza dun ano florecido. Os nomes eran plurais, fermosos,
colectivos. Iso lle dicia a rosa de tenra cor de mencer, e cada
pétala, agora que xa contaba vinte, facia-a deter-se na sua história
de recordos.
Gardou no primeiro libro a pétala do comezo. Ela tiña paixón por
abrir os libros e recoñecer o arrecendo de cada unha, tan diferente.
Tamén o acedo a entusiasmaba, ese perfume agre, forte, intenso
como un dia afogado pola calor. Alguns foran asi, alguns anos, ou
alguns dias de calquera ano.
E no segundo gardou a sua correspondente pétala de ton e
arrecendo diferente. E no terceiro, e no cuarto, e asi seguido até
chegar ao vinte, que era o que daba a flor antiga que agora
desfollaba.
Cando a moza rematou o seu traballo sentiu-se tan feliz como se o
balanzo desa vida lle sorrise. Seguirian, no seu Centro, novos
compañeiros e compañeiras a compoñer a rosa de outros vinte
anos, para que, á sua vez, outra moza ou mozo, ao desfolla-la,
iniciara a seguinte xeira, e asi continuamente até que xa non
fixese falta construir rosas de vinte anos porque o xardin quedara
para sempre florecido.
|