|



|
Podemos Acabar coa
Violencia Machista cada quen desde a súa Responsabilidade
25 de novembro, Día Internacional para a
eliminación da Violencia as Mulleres.
Son moitos os cambios nos últimos anos: novas
leis, programas específicos nas administracións, visibilización
nos meios de comunicación, distinta valoración na
opinión pública, novos valores nas relacións
persoais... aínda así, o número de mulleres
asasinadas, as denuncias de mulleres agredidas e as condenas por
agresións, seguen aumentando. E o que é aínda
máis preocupante, a violencia machista perpetúase
na xente máis nova.
Somos conscientes de que muitas estruturas económicas
(Banco Mundial, Fondo Monetario Internacional, multinacionais...)
, estruturas políticas (G-8, gobernos, exércitos...),
e estruturas relixiosas (Vaticano, conferencia episcopal española,
aiatolas, imáns, consellos relixiosos...) están mantendo
e perpetuando unha organización patriarcal da sociedade onde
se encontra enraizada a violencia machista. Unha realidade implantada
en todo o planeta, e que mostra a súa face máis descarnada
en situacións de guerra, tráfico de persoas e explotación
sexual.
Aínda así, desde a Marcha Mundial das
Mulleres temos o convencemento de que para rematar coa violencia,
non chega coa denuncia e loita contra todas estas institucións
e estruturas. Partindo da nosa realidade máis inmediata,
fai falta que confluamos nunha mesma dirección todos os sectores
sociais que aspiramos a transformala,
porque cada quen debe analisar e asumir a responsabilidade que lle
corresponde para rematar con esta lacra social:
*As organizacións políticas e as persoas
que teñen responsabilidades e presenza nas administracións
e nos poderes públicos, que deben tomar consciencia de que
este non é un problema só daqueles departamentos,
secretarías, concellalias... específicas, senón
que é algo que atinxe de xeito global a todos os estamentos
e implica reformulacións organizativas e de "boas práticas",
destinando máis recursos para a aplicación das leis,
creación e mantemento de servizos de atención e recuperación
das vítimas, aplicando consecuentemente políticas
de prevención e compromenténdose, máis aló
do papel, nas políticas de igualdade. Enfrontándose
aos grupos políticos que dean o seu apoio a alternativas
ou práticas sociais, económicas, relixiosas e culturais
que niguén a igualdade de dereitos para todas as persoas
e favorezan relacións de marxinación e opresión.
*As persoas que traballan nos medios de comunicación,
tanto públicos como privados, que teñen a responsabilidade
de elaborar e divulgar unha información obxectiva e libre
de estereotipos sexistas, tanto en relación coas vítimas
de violencia como a visibilización das mulleres en todos
os ámbitos sociais. Asumindo a responsabilidade que lles
corresponde na creación dunha opinión pública
inspirada nos valores da igualdade.
*Os sindicatos, que teñen a responsabilidade
de loitar contra a segregación e a discriminación
no mundo laboral e de asumir a defensa da seguridade e a saúde
de todas as traballadoras e traballadores. Deben aplicar unha perspectiva
de xénero na sua acción sindical, utilizando todas
as ferramentas na loita contra a discriminación, e o acoso,
e na mellora das condicións laborais, especialmente dos sectores
máis precarizados e vulnerábeis, tanto no ámbito
rural como no urbano. Correspóndelles, como un dos máis
importantes axentes sociais, un papel fundamental na sensibilización
social a prol da igualdade, a corresponsabilidade e de rexeitamento
do machismo e a misoxinia.
*A comunidade educativa, que ten a responsabilidade
de detectar e atallar, no seu ámbito, actitudes machistas
e situacións de violencia, formando en valores de igualdade,
solidariedade, xustiza, liberdade e paz. Xerando dinámicas
própias de renovación pedagóxica que garanticen
unha educación en igualdade.
*O movimento veciñal, cultural, ecoloxista...
que conforman un tecido social moi activo no noso país e
de compromiso transformador, que teñen a responsabilidade
de transmitir e aplicar os modelos de igualdade na hora de elaborar
as súas alternativas, a súa práctica e o seu
modelo organizativo, monstrando a súa solidariedade e irmandade
co feminismo.
* As persoas crentes, que tenhem a responsabilidade
de rexeitar o machismo e a misoxinia que emana, tanto das estruturas
relixiosas, da doutrina, ou dos textos sagrados, buscando un novo
modelo de espiritualidade que non perpetue a exclusión e
opresión das mulleres.
* Os homens, que teñen a responsabilidade
de amosar o seu rexeitamento, no día a día, ás
actitudes machistas, desenvolvendo novos modelos de masculinidade,
implicándose na sensibilización e concienciación
social pola necesidade dun novo modelo de relacións afectivas
e sexuais baseadas no respecto, a igualdade e a liberdade. Asumindo
a corresponsabilidade no coidado (crianzas, persoas enfermas e de
idade, traballo doméstico...), tan imprescindíbel
para as persoas.
As mulleres, que temos a responsabilidade de non
perpetuar un sistema que nos marxina, de rexeitar unhas relacións
baseadas na sumisión e na desigualdade, que debemos implicarnos
no proceso de empoderamento individual e colectivo, criando alianzas
e cumplicidades que nos axuden a avanzar.
DOMINGO, 25 DE NOVEMBRO, ACUDE ÁS MOBILIZACIÓNS
CONVOCADAS
Vigo, ás 12hs saída de Urzaiz (entrada a Príncipe).
A Coruña, ás 12hs no Obelisco.
Ferrol Terra, ás 12hs, Praza de Galiza, en Narón.
Pontevedra, ás 13hs Praza “8 de marzo”.
Costa da Morte, ás 12hs na Praza “8 de marzo”
en Cee.
Compostela ás 12:30 na Praza “8 de marzo”.
|