| 25 de Novembro
Día Internacional para a eliminación
da violencia contra as mulleres
No primeiro encontro feminista de Latinoamérica,
celebrado en Bogotá en 1981, decidiuse declarar o 25 de Novembro
“Día Internacional para a Eliminación da Violencia
contra as Mulleres”. Esta data foi escollida para conmemorar
o asasinato das irmás Mirabel por orde do dictador dominicano
Trujillo en 1960.
As máis de 50 mulleres mortas a mans dos
seus compañeiros no que vai de ano son unha mostra máis
de que este problema segue presente na nósa sociedade. Dende
a Comisión da Muller dos Comités Abertos de Escola
e Facultade (CAF) queremos denunciar as distintas formas de violenza
que seguimos a sofrer as mulleres en tódolos ámbitos
(discriminación laboral, publicidade sexista, empobrecemento,
tráfico de mulleres, distinto acceso á educación
e diferenciación de roles, etc) e, moi especialmente os malos
tratos, os asasinatos, as violacións, o acoso sexual e a
violencia en xeral cara as mulleres.
A discriminación da muller, e a violenza
contra ela como unha das súas manifestacións, responde
á sociedade patriarcal na que vivimos. A súa eliminación
só será posíbel mediante un cambio nos valores
e actitudes que se transmiten dende a educación, os medios
de comunicación e tamén da Universidade, que se atopa
nunha situación privilexiada de cara a contribuír
á plena igualdade da muller en tódolos ámbitos.
É por esto que os Comités seguimos a demandar a implantación
da coeducación na universidade e a eliminación da
imaxe sexista e da linguaxe sexista da docencia e defendemos o ensino
do papel da muller en tódalas áreas do saber. Así
mesmo, reclamamos unha presencia das mulleres nos órganos
de goberno da universidade parella ao acceso das mulleres á
universidade no último tempo.
Por todo isto, convidamos ás mozas do país
a autoorganizarnos, de cara a seguir defendendo a eliminación
de todo tipo de discriminación contra as mulleres, para poder
construir unha sociedade máis igualitaria e xusta.
NEN AGRESIÓNS FÍSICAS,
NEN DISCRIMINACIÓN SOCIAL
Comisión Nacional da Muller
|