|



|
Os
CAF denunciamos a incompatibilidade de bolsas no SUR.
Segundo a convocatoria do Servizo Universitario de
Residencias publicada pola USC para o curso 2005-06, todos aqueles
residentes que sexan beneficiarios dunha bolsa da convocatoria xeral
do Ministerio de Educación e Ciencia serán incluidos,
de xeito automático, na cota F (a máis alta, sen ningún
tipo de subvención). Esta medida vén motivada pola
definición, por parte do MEC ,da incompatibilidade das devanditas
bolsas coas subvencións das residencias públicas.
Porén, os residentes beneficiarios das cotas máis
baixas, aqueles cuns ingresos menores, deberían renunciar
á súa bolsa e, polo tanto, ao seu medio básico
para a subsistencia e de mantemento do seus estudos- para poderen
continuar coas súas actuais cotas.
Isto conduce ao Servizo Universitario de Residencias a unha situación
segundo a cal todos os estudantes cuns ingresos baixos, e polo tanto
con dereito a percibir unha bolsa do MEC, non poderán acceder
a unha praza subvencionada, prazas destinadas aos estudantes con
menor renda. Dende os Comités Abertos de Faculdade reclamamos
a inmediata retirada desta medida, que convertería ás
residencias públicas en aloxamentos só ao alcance
daquelas persoas que, polas súas elevadas rendas, non precisen
dunha bolsa para costear os seus estudos. Non debemos esquecer que
as bolsas que dende a administración do Estado se destinan
aos estudantes universitarios teñen coma principal destino
o pagamento de transporte e aloxamento, polo que a incompatibilidade
que agora se impón sobre as prazas subvencionadas é,
de seu, un ataque contra os propios principios do SUR, definidos
no seu regulamento.
No caso de que se manteña a incompatibilidade que agora se
anuncia, as persoas que perciban unha bolsa do MEC deberán
pagar a mesma cota que aqueles estudantes cunha renda superior aos
9000€ anuais e que, polo tanto, non precisan unha bolsa para
costear os seus estudos.
|