á portada
á portada de de onde vimos?

á portada

envíanos un correo

imprimir

voltar

Estante Timando!

O transporte universitario na Universidade da Coruña vén sendo unha vella teima dos CAF desde hai xa moitos anos, non por un capricho da nosa organización, senón por tratarse dun problema endémico e real que vén afectando a millares e millares de estudantes desde a creación da Universidade en 1990 e o inicio da súa expansión até a situación actual: catro campus só na cidade da Coruña e con 15 centros universitarios distribuidos entre eles. Tal cantidade de estudantes (ao que hai que engadirlle os traballadores da Universidade, profesorado e PAS) ten xerado unhas necesidades de mobilidade que ao longo dos anos tanto a situación de acceso aos propios campus como a realidade do servizo de transporte non foron quen de solventar.

A historia do transporte público universitario na UDC ao longo destes anos é unha historia de avances e retrocesos, case curso tras curso, canto á situación do servizo ofertado pola Compañía de Tranvías á comunidade universitaria. O que si é innegábel recoñecer é que se todos eses avances se produciron, aínda que poidan parecer cativos, foi grazas á permanente mobilización da comunidade universitaria, moi especialmente o estudantado, á volta deste tempo, case sempre da man dos CAF aínda que sen faltaren experiencias unitarias como a Plataforma pola Mellora do Transporte Público Universitario (PMTPU), finalmente autodisoltas porque á hora da verdade determinados colectivos estudantís que a integraron acabaron optando pola desmobilización por non enfrentarse ao goberno de Francisco Vázquez, á Compañía de Tranvías e á reitoría da Universidade naquela altura. Nestes anos tivemos e perdemos un servizo de buses de bairro, buses articulados que prestaban servizo aos campus e eran fundamentais nas horas punta… Noutro nivel, significou tamén un grave retroceso a supresión de distintas liñas de transporte entre os campus e as localidades da comarca ou a que comunicaba a Universidade con Bergantiños.

A Compañía de Tranvías sempre entendeu a prestación dos seus servizos como un negocio, non como o que realmente debe ser, un servizo público dirixido a toda a sociedade, e no caso universitario, maioritariamente ao estudantado, de aí que sempre fose remisa a negociar calquera tipo de mellora alén do desprezo que sempre manifestou cara a este sector, tratándonos de sempre como usuarios de segunda en relación con outras liñas. Neste sentido, os universitarios vémonos obrigados a empregar un bono-bus xeral de 63 céntimos mentres que só un grupo reducido de estudantes pode acceder a un bono-bus universitario a 40 céntimos onde os criterios de adxudicación son os mesmos que exixe o Ministerio de Educación á hora de conceder as bolsas para estudantes universitarios, co conseguinte problema de papeleo acarreado. Sen embargo, tanto en Compostela como en Vigo, o Concello asume a subvención dun bono-bus universal do que se pode disfrutar só pola condición de ser estudante universitario.

A historia do transporte público universitario na UDC tamén foi durante anos o aberto pasotismo do equipo de goberno do ex–reitor Meilán Gil no apoio ás demandas da comunidade universitaria, e especialmente do estudantado. O actual equipo de goberno, cando menos, leva demostrado unha maior sensibilidade a respecto tanto da problemática do transporte como doutras cuestións como os accesos á Universidade ou a mobilidade, se ben entendemos que en todos estes ámbitos é moito o camiño que aínda queda por percorrer e moitos os puntos que a Barja lle quedan por cumprir do seu programa electoral.

As nosas demandas e reivindicacións, a modo esquemático, veñen a ser a creación dun bono-bus universal para todos os universitarios, a existencia de liñas de buses ás zonas máis afastadas da cidade e a creación dunha liña intercampus. No tocante ao transporte comarcal, os CAF desexamos mudar a situación de precariedade actual mediante a exixencia de que a UDC encabece a creación dun servizo diario de baixo custo para os estudantes que viven fóra do termo municipal da Coruña así como unhas liñas que cheguen directamente aos campus. Por outra banda, moitos estudantes da nosa Universidade proceden de distintos puntos do País aos que volven na fin de semana sen disfrutar de ningún tipo de desconto ou rebaixa específico, polo que a nosa reivindicación é que existan tarifas especiais mediante o uso do Carné Universitario, equivalentes ás do Carné Xove, tanto para o servizo de buses como para o transporte ferroviario. Con respecto a isto último, na Universidade da Coruña atopámonos cunha situación especialmente curiosa: contamos cun apeadoiro no campus de Elviña cunha oferta de servizos absolutamente reducida. Os CAF exiximos un aumento da frecuencia de trens tendo en conta ademais que a vía que pasa polo campus é a mesma que vai até Lugo ou Monforte. Ademais, entendemos que o apeadoiro de Elviña debe ser o xermolo dun futuro tren de cercanías para a comarca da Coruña.

A día de hoxe, os CAF vémonos na obriga de chegar novamente ás aulas cunha campaña pola mellora do transporte público universitario para lembrar que este non é nin moito menos un tema solucionado. Será unha campaña longa no tempo para tentar ter unha maior incidencia no estudantado a respecto das problemáticas que lle afectan directamente. Nun primeiro momento, os CAF levamos a cabo reunións institucionais con Miguel Ángel Simón, Vicerreitor de Estudantes; con José Nogueira, Concelleiro delegado de Tranportes e José Prada, xerente da Compañía de Tranvías, sendo esta última especialmente salientábel pola desgana e pasotismo amosado polos nosos interlocutores. Así mesmo, seguimos á espera de resposta por parte de Margarida Vázquez da Deputación da Coruña e de José Carlos Baños, Director Xeral de Transportes da Xunta de Galiza nas que os CAF exporemos as nosas demandas para a mellora do tranporte público universitario.

Noutra orde de cousas, e como dixemos anteriormente apostando pola mobilización e o traballo de base, os CAF faremos unha campaña de contacto directo co estudando que consideramos especialmente importante, sobre todo no que respecta ao paso por aulas e á convocatoria de Asembleas de Centro nas que o estudantado poderá expresar libremente as súas necesidades ou a proposta de determinadas actuacións que se consideren apropiadas para a mellora do transporte. As mesas informativas nos centros será outra das actividades a realizar, xunto coa edición de cartaces, trípticos, autocolantes e postais que os estudantes a título individual poderán enviarlle ao Concello da Coruña na demanda dun bono-bus universitario para todos.

Os Comités Abertos de Escola e Faculdade non deixaremos de estar da man do estudantado en temas coma este que consideramos de especial importancia, na procura dun ensino público, galego, democrático e de cualidade.

A Coruña, Maio 2006