á portada
á portada de de onde vimos?

á portada

envíanos un correo

imprimir

voltar

Que non te CAPen, paremos a reforma do CAP!

QUE É O CAP?

O CAP (Curso de Aptitude Pedagóxica) é un complemento de formación que teñen que realizar obrigatoriamente @s estudantes que rematen a carreira para acceder a un posto de traballo no ensino secundario. Neste momento a súa duración e de 6 meses ( 150 horas + prácticas en centros de ensino). Normalmente, é nas carreiras humanisticas – as que teñen como saída principal a docencia – onde máis xente cursa o CAP, aínda que cada vez son máis @s titulad@s doutros ámbitos @s que tamén o cursan diante da carencia de saidas profesionais dignas. Dende que existe, o CAP cambiou varias veces de nome e foi obxecto de distintas reformas aínda que ningunha delas serviu para corrixir as deficiencias detectadas dende o comezo nin variar a sensación de inutilidade do CAP, como instrumento formativo para o labor docente, que teñen as persoas que xa o cursaron.

QUE FIXO O GOBERNO DO PP?

Dende a chegada ao poder do PP no Estado en 1996, comezou a circular nos centros máis “afectados” polo CAP o constante rumor dunha inminente reforma que non só lle mudaria o nome ao CAP unha vez máis, senon que tamén o ampliaría de 6 meses a 2 anos. Dende ese momento, curso tras curso, milleiros de estudantes se mobilizaron nas rúas galegas rexeitando unha reforma que convertiría ao CAP nun xeito de perpetuar os estudos universitarios e retardar o acceso d@s titulad@s ao mercado laboral. Ao final en 1999, os CAF conseguíamos o compromiso da Xunta de Galiza de non aplicar no sistema universitario galego ningunha reforma do CAP que aumentase a súa duración. Malia esa importante vitoria, os rumores da reforma non pararon producindose unha grande matriculación en todos os cursos posteriores.
A aprobación da LOCE (Lei de Calidade) por parte do goberno do PP foi a excusa para introducir novamente a reforma do CAP. O goberno de Aznar aprobaba, poucos meses antes das eleccións que perdeu e fiel ao seu costume, sen nigunha información ou diálogo previo, o Real Decreto 118/2004 polo que se establece o Título de Especialización Didáctica. Este será o novo nome do CAP de sempre pero que agora durará 2 anos, sen posibilidade de facelo con algunha materia suspensa.

E QUE PASA AGORA CO GOBERNO DO PSOE?

O cambio de goberno a nivel Estatal e o anuncio de parlizar a LOCE levou aos CAF a retomar as presións, esta vez sobre o PSOE, para que cumprise as súas promesas electorais e derrogase a LOCE ao completo, incluido o Decreto do CAP. Despois duns meses de silencio os CAF conseguimos que a Ministra asegurara en resposta parlamentaria, que a paralización de entrada en vigor da LOCE afectaría tamen ao Decreto do CAP, de xeito que se manterá, por agora, o actual CAP de 6 meses. Pero a Ministra tamen anunciou un novo sistema de capacitación do profesorado de secundaria do que ainda a dia de hoxe non se coñece nada, nin o diálogo cos distintos sectores afectados, especialmente o estudantado.
Por iso os CAF consideramos que a reforma do CAP continúa a ser para o estudantado galego unha ameaza, xa que as vagas promesas do goberno do PSOE non garanten nada polo de agora, sendo a nosa labor, seguir a presionar ao novo Ministerio para que o novo sistema que se prepara non sexa unha hipoteca para o futuro laboral d@s estudantes e sexa realmente un instrumento de formación capaz de garantir unha docencia de cualidade.

A POSICIÓN DOS CAF

Os CAF opuxémonos sempre á existenza do CAP como tal, pero sempre presentando alternativas concretas: a inclusión dos seus contidos dentro dos propios planos de estudo en forma de materias optativas e/ou libre elección sendo a formación para a docencia un dos posíbeis itinerarios que @ estudante podería escoller dende certos cursos da carreira. En canto á realización das prácticas en centros de ensino seguimos a propor un sistema integrado no plano de estudos semellante ao dos practicum nas carreiras do ámbito das Ciencias da Educación. Deste xeito, unha vez titulad@s estaríamos xa preparad@s para incorporarnos en condicións ao mercado laboral e non prolongar máis os nosos estudos e o pago por eles xa que durante o CAP non temos dereito a bolsa.
Máis mentres o CAP exista seguiremos a defender unha serie de esixencias ante a Xunta e o Ministerio de Educación:

· Non ao aumento da duración do CAP.

· Máis medios materiais e humanos para a realización do CAP.

· Axudas públicas para cursar o CAP por parte das administracións, dado o seu elevado custo xa coa duración actual.

· Remuneración das prácticas nos centros de ensino.

· Equiparación dos dereitos das persoas matriculadas no CAP xa tituladas cos do resto da comunidade universitaria, incluido o acceso aos servizos básicos como bibliotecas.

· Validez permanente do título de CAP unha vez obtida a condición de APTO.

· Coordinación entre a Xunta e o ICE para que o adianto das oposicións non impida que as persoas que están facendo o CAP se poidan presentar as oposicións, como pasou este ano, xa que os prazos de presentación de solicitudes remataban antes de que os/as estudantes remataran o CAP.