|

Grazas a masiva mobilización do estudantado
galego o 31 de Outubro pasado e á recollida de máis
de 10 000 sinaturas de estudantes dos sete campus galegos contra
a suba das taxas de matrícula para o presente curso, abriuse
un proceso de negociación entre a nosa organización
e Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema
Universitario Galego para o Decreto Galego de Prezos Públicos
2008/2009, mais a Consellaría de Educación non pon
en cuestión que as taxas teñan que subir (incluso
por riba do IPC) nin o mantemento dos recargos na 2ª, 3ª
e 4ª matrícula.
Por este motivo a mobilización do estudantado
galego é máis necesaria do que nunca, a Consellaría
de Educación ten que saber que as e os estudantes galegos
non estamos dispostos a dar un paso atrás nas nosas xustas
reivindicacións e non se nos pode impoñer unha nova
suba para o vindeiro curso.
1. Porque a Consellaría
de Educación ten intención de volver a subir as taxas
para o vindeiro curso, o sétimo por riba do IPC, e manter
os recargos por sucesivas matrículas
O goberno do PP na Xunta de Galiza tirouse toda a lexislatura pasada
subindo as taxas por riba do IPC coa excusa de que a nosa Comunidade
Autónoma tiña unhas das máis baixas do estado,
sen querer fixarse en que tamén as rendas galegas son das
máis baixas. Portanto non atopamos diferenzas entre a política
de taxas do PP e a do PSOE chegando incluso a superar este ano os
ritmos de crecemento máis exaxerados da etapa anterior.
2. Porque as bolsas non están
sendo efectivas nun acceso igualitario ao ensino superior
Só as bolsas do MEC eximen do pago das taxas logo non ten
sentido xustificar unha suba tan brutal dos prezos públicos
en base a un aumento das bolsas, afirmación que tamén
é falsa xa que non é a mesma Administración
a que sube as taxas que a que xestiona as bolsas. É absolutamente
regresivo subir as taxas por riba do IPC e máis ainda se
non podes xestionar a política de bolsas. A transferencia
de esta competencia está aínda sen efectivizar e o
estudantado galego necesitamos a inmediata posta en marcha dunha
bolsa galega de axuda ao estudo (grao, posgrao, cursos como o CAP
ou MIR, segundas carreiras...) onde primen os criterios económicos
sobre os académicos, se recoñezan as profesións
especificamente galegas, se incremente tanto o número como
a cuantía das bolsas e se corrixan os retrasos que se producen
na súa concesión e pagamento.
3. Porque pagamos máis
por menos e peores servizos
Recente temos todos o desmantelamento do Sistema Universitario de
Residencias da USC coa supresión de 380 prazas de residencias,
a externalización de todos os servizos de comedores, reprografias
e incluso aulas de internet. Temos unha Universidade cada vez máis
cara e con menos e peores servizos.
4. Porque é mentira que
estas subidas non se noten
Sempre nos venden que unha suba progresiva coma esta, sen grandes
saltos (segundo o criterio de quen o mire) non se nota. Pois ben,
é rotundamente falso tamén, só nunha xeración
de licenciados (5 anos) a diferencia entre a primeira matrícula
dun estudante que comezou hai cinco anos e a dun que comece agora
é de máis de 120 € (crédito non experimental,
é dicir, o máis barato).
5. Porque o estado segue a ser
quen fixa o incremento mínimo no IPC estatal
Tampouco entendemos que o estado poña límites por
baixo ás Comunidades Autónomas, evitando que poidan
exercer unha mínima política de taxas. O baremo estabelecido
non permite que ningunha Comunidade Autónoma poida corrixir
aumentos excesivos das taxas en base a unha conxelación da
súa suba.
6. Porque o financiamento das
universidades ten que incrementarse con cargo a un PLANO DE FINANCIAMENTO
e non aos prezos públicos
Non é comprensíbel que tres anos despois do acceso
do PSOE a Consellaría de Educación e Ordenación
Universitaria non se tivera reformulado o Plano de Financiamento
das Universidades do SUG, ao que por certo se opuxeron no seu día
e o único que se lles ocorre para aumentar os recurso das
Universidades é subir o prezo que pagamos por elas.
Ante as continuas agresións que esta a sufrir
a nosa universidade como servizo público o mecanismo máis
efectivo para parar as consecuencias máis nocivas da creación
do Espazo Europeo de Educación Superior son: a conxelación
das taxas de matrícula, que os posgraos teñan o mesmo
prezo que os graos e a garantía dun finaciamento público
suficiente para as universidades galegas.
|