|



|
Os
CAF reclamamos o inicio da reforma dos Estatutos do SUR
Debemos garantir, con este reordenamento, a pervivencia
e funcionamento democrático das residencias públicas
da USC.
Gran parte do futuro das residencias públicas
da Universidade de Santiago pasa pola vindeira reforma dos estatutos
do Servizo Universitario de Residencias (SUR). Este reordenamento
atinxe a aspectos clave no mantemento das condicións básicas
desta infraestrutura, esencial para aqueles estudantes que non poden
acceder a un aloxamento en Compostela por causa dos seus escasos
recursos económicos, así como a outras cuestións
das que dependerá en gran medida que se garanta a democracia
nos órganos de decisión dos diferentes centros do
SUR.Dende os órganos de goberno da Universidade –a
Vicerreitoría de Estudantes ata o pasado curso e a de Extensión
Cultural na actualidade, así como a propia Reitoría-
veñen adiando ano tras ano as reformas e, simultaneamente,
están a mostrar gran parte dos seus proxectos de futuro de
cara ao mantemento e mellora das condicións das residencias
públicas.
Dende os Comités Abertos de Facultade reclamamos o inicio
dun proceso de revisión estatutaria no SUR transparente e
democrático, que procure coma prioridade esencial a garantía
de acceso ás prazas públicas de aloxamento aos estudantes
que máis o precisan. Do mesmo xeito, consideramos que é
estremadamente urxente que os procedementos de goberno que pouco
ou nada teñen que ver coas formas democráticas varíen
substancialmente. Así, reclamamos que a reforma dos estatutos
do SUR serva para que os órganos de goberno en que os residentes
están representados, os Consellos de Residentes, deixen de
posuír un carácter consultivo e se lles outorgue a
capacidade de decisión que lles corresponde.
Por outra banda, é inxustificábel que centros pertencentes
a unha institución pública como son as residencias
baseen o seu funcionamento en direccións designadas directamente
dende a correspondente Vicerreitoría. Así, atopámonos
con que os principais afectados polas decisións das persoas
situadas á fronte de cada un dos centros, os residentes,
son privados do dereito a facer escoitar a súa voz, xa sexa
directamente ou por medio dos seus representantes nos Consellos.
Dende os CAF esiximos, unha vez máis, o estabelecemento de
mecanismos democráticos de elección nas direccións
e subdireccións das residencias, coa fin de garantir que
estas son administradas por persoas realmente válidas para
a tarefa e, ademais, eliminar definitivamente os cargos mantidos
por medio de designacións directas, que en gran parte das
ocasións constitúen un verdadeiro mecanismo de pago
de favores e un auténtico mercadeo de intereses entre persoas
de determinadas tendencias e organizacións.
En síntese, os Comités Abertos de Facultade continuaremos
pulando pola reforma integral dos estatutos do SUR, así como
pola recolleita, nestes novos estatutos, de aspectos básicos
como son:
• Garantía de acceso ás prazas aos estudantes
con menores recursos económicos.
• Atribución de capacidade de decisión real
aos Consellos de Residentes.
• Estabelecemento dun proceso de elección democrático
das direccións dos centros.
Somentes deste xeito poderemos garantir o futuro dun servizo esencial
na universidade pública, tanto no que atinxe ao mantemento
e ampliación de prazas, coa fin de que estas sexan suficientes
para todos os estudantes que as precisen, coma no referido ao funcionamento
transparente das institucións e órganos directores
que as substentan.
|