XIX Asemblea Nacional
TESE POLÍTICA
1. Análise da situación do ensino
O Proceso de Boloña e o EEES
As análises que faciamos en pasadas asembleas nacionais,
sobre todo a máis recente da XVIII Asemblea Nacional de Santiago,
sobre a explicación do contexto político seguen estando
a día de hoxe en plena vixencia. Así non é
obxecto desta tese a reiteración na análise da globalización
nin da mercantilización dos servizos públicos entre
eles o ensino xa que esta segue sendo unha das estratexias fundamentais
do sistema actual en que estamos inseridos.
No que se refire a nível
Europeo a Declaración de Boloña e o Espazo Europeo
de Educación Superior (EEES) fan que o ensino universitario
europeo estea a sofrer unha profunda transformación. Detrás
da equiparación de títulos e do aumento da calidade
do ensino universitario para facelo máis atractivo que se
fan presentar como obxectivos do proceso de Boloña, agóchase
unha forte mercantilización, elitización e homoxeneización
do sistema universitario europeo. A universidade europea está
deixando de ser un servizo público esencial, en que o coñecemento
sexa un valor por si proprio, para transformarse nunha fábrica
de traballadores adaptábeis a un mercado laboral precario
que a empresa demanda.
O plan de Boloña estrutura
os estudos universitarios en dous ciclos: o grao, de tres ou catro
anos de duración e no que se adquiriría un coñecemento
máis xeral, e o posgrao, cunha duración de un ou dous
anos máis, que conduciría á especialización
nun eido profesional ou na investigación, acadando o título
de mestrado. A xeralidade de coñecementos que debe de ter
o grao está a conducir a unha redución das titulacións
ofertadas, ao refundirse ou mesmo eliminarse certos títulos
do actual plano coa consecuente incertidume dos seus xa titulados
e estudantes. No caso do Estado Español a carencia dun catálogo
de titulacións pechado e as novas que van aparecendo ou filtrándose
ao respecto cuestionan o futuro de certas carreiras, a pesar de
que as mobilizacións realizadas ata o momento conduciron
á conservación de certos títulos que, en principio,
semellaban perigar. É notábel o resultado que obtiveron
as mobilizacións dos estudantes de Filoloxía Galega,
Historia da Arte... que pasaron de temer a desaparición da
súa carreira a formar parte do primeiro catálogo de
títulos de grao de implantación asegurada. O temor
deste estudantado así como o das demais ramas das Humanidades
non é inxustificado: a incorporación da empresa privada
á financiación do ensino público outórgalle
a capacidade de decidir sobre a súa organización,
sobre os programas docentes, sobre as liñas de investigación...
A universidade transfórmase polo tanto nunha empresa, e como
tal, debe de ser rentábel: só aqueles estudos que
produzan profesionais válidos para a empresa manteranse,
e deixaranse de impulsar as liñas de investigación
puramente científicas, que non produzan beneficios económicos.
Ademais tendo en conta que o perfil xeralista que van ter os títulos
de grao non vai ser suficiente para acceder á investigación,
así como a non explicitación da existencia de práctica
dificultará a inserción no mercado laboral e sobre
todo a dificultade para o acceso á docencia a través
da reforma do CAP que se analisará posteriormente, será
case inevitábel a obrigatoriedade de facer posgraos por parte
do estudantado destas titulacións.
Outra rama de titulacións
que no Estado Español teñen unha forte incertidume
respecto ao futuro que lles agarda é a das carreiras técnicas.
Estas titulacións non teñen un equivalente na maioría
do países da U.E., polo que dende o primeiro momento temeron
a súa equiparación con estudos de medias, como os
de formación profesional. A última incorporación
ao catálogo de titulacións aparecida no mes de febreiro
parece asegurar a súa continuidade como títulos de
grao, e mesmo con algún posgrao xa confirmado nalgún
caso, a pesar de que os contidos dos títulos propostos están
aínda por definir. Queda aínda pendente, tanto para
estes estudos como para todos os demais, concretar con que título
se recoñecerá aos actuais titulados. Este tema é
especialmente delicado naquelas áreas en que actualmente
coexisten unha enxeñaría xunto a unha ou máis
enxeñarías técnicas na mesma área. Deberá
asegurarse o recoñecemento do grao aos xa titulados das técnicas,
mentres que se lles debería de recoñecer algún
tipo de posgrao (supostamente especializado) aos enxeñeiros.
Isto nas áreas en que a especialización está
nas técnicas e non na enxeñaría, choca co obxectivo
de grao xeral e posgrao especializado que o plano de Boloña
estabelece.
Sería necesario que
dende o goberno se garantise o acceso ao mercado laboral en boas
condicións para as e os estudantes de grao, de maneira que
non sexa imprescindíbel obter o título de mestrado
para obter un traballo na área estudada nunhas condicións
dignas. E que isto non supuxese que na práctica se dese o
caso de diferenciación dos mestrados en canto a prezo, impartición
na Universidade Pública ou Privada e inserción laboral.
Os posgraos trataríanse
por tanto de estudos de especialización, para obter un coñecemento
máis específico nunha área ou formarse de cara
a continuar cunha carreira investigadora. A oferta de posgraos está
deseñada para irse adaptando ao que a empresa demanda en
cada momento, podendo aparecer ou desaparcer titulacións
según se precise. Unha vez realizado o posgrao, a través
doutro curso as e os estudantes poderían acceder ao doutoramento
e empezar así unha carreira orientada á investigación.
As condicións de acceso
entre o título de grao e o posgrao converteranse nunha nova
selectividade de carácter elitista no económico, e
discrecional no académico. Existirá unha selectividade
académica xa que cada centro universitario poderá
fixar arbitrariamente os criterios académicos mínimos
para acceder ao posgrao, así como ao número de prazas
deste que serán un número menor que as de grao: esta
redución xa se observa nas propostas de posgraos nas universidades
galegas. Tamén se producirá unha selectividade económica
apreciábel nos prezos destes títulos de posgrao. Isto
potencia a forte competencia entre universidades que se está
a fomentar e conduce a estabelecer universidades de varias categorías.
Se a isto unimos as incógnitas sobre o prezo que os posgraos
van ter, atopámonos cun sistema fortemente selectivo e elitista,
con universidades de primeira e segunda clase e onde só aqueles
estudantes con recursos económicos suficientes teñen
garantido o acceso aos estudos desexados. É dicir, afástanos
da universalidade de acceso ao coñecemento e aos estudos
desexados que a universidade pública debera de garantir.
No caso do estado español,
a pesar da repetición continua de que os prezos dos posgraos
serán públicos, o único certo de momento é
que terán os mesmos prezos que actualmente teñen os
estudos de doutoramento, e non os do segundo ciclo cos que se deberan
corresponder. Isto supón un incremento de entre un 30 e un
50% no prezo que os estudantes terán que abonar para cursar
estudos equivalentes. Ademais disto, non hai nada mencionado respecto
ao prezo dos posgraos impartidos dende centros privados ou de posgraos
cuxa impartición se decida nun centro universitario, e todo
fai temer que serán notabelmente superiores.
Por outra banda, os posgraos
están pensados para permitir un reciclado do traballador
ao longo da súa vida profesional, formándose naquelas
áreas que a mudábel demanda empresarial precisa nun
momento dado. Resulta paradóxico que a pesar de partir deste
plantexamento, a estrutura interna dos estudos exixe do estudante
unha adicación a tempo completo, resultando imposíbel
compatibilizalos co desenvolvemento dunha profesión: o estudantado
a tempo parcial, ou aqueles que estudan e traballan ao mesmo tempo
quedarían excluídos deste sistema universitario.
Tamén cómpre
sinalar o forte componente homoxeneizador que ten a reforma. Ademais
do impedimento a que Galiza participe neste proceso, e non posibilidade
de definirmos a planificación do noso propio ensino, Boloña
recoñece a compatibilidade entre harmonización de
estudos e respecto pola diversidade cultural, pero non fai ningunha
referencia ás culturas 'cooficiais' ou non recoñecidas
pola UE o que levará a unha acentuación do proceso
de desgaleguización cultural e lingüística no
Sistema Universitario Galego. O feito de contar Galiza cunha cultura
non recoñecida pola UE pon en risco a desaparición
dos seus elementos culturais propios na universidade, notabelmente
da lingua, ao chegaren estudantes doutras latitudes e non ter competencias
lexislativas ao respecto. Mais tamén se producirá
unha desgaleguización nos contidos que sendo xa afastados
da realidade galega por si propios, agora serán aínda
máis uniformizados (ata 50-75% no de contidos comúns
no grao).
Outro aspecto esencial da reforma é a forma de impartir aulas,
primándose o traballo individual do alumno e centrándose
o labor do profesor máis en dirixir os estudos do estudantado
ou en titorías individuais ou pequenos grupos. As notábeis
diferenzas entre este sistema e o que actualmente se emprega na
maioría dos estados europeos, máis baseado en clases
maxistrais, requeriría para unha adecuada implantación
dun incremento da plantilla docente e dun enorme esforzo de adaptación
da xa existente.
Lamentabelmente, non se está
a aportar dende o goberno español ningunha partida económica
que permita solventar estas cuestións, debendo afrontarse
un cambio xigantesco na estrutura das universidades incluído
o xeito de impartir aulas cun custe cero, o que fai pensar que a
adaptación non se fará da maneira axeitada, tendo
en conta ademais que se vai requerir tamén unha maior dotación
en servizos complementares ao aumentar o traballo personalizado
sobre todo en aulas de informática, bibliotecas e laboratorios
coa dotación dun maior número e variedade de manuais
e de material obrigatorio e complementar das materias.
Non existe unha avaliación
do financiamento para esta homologación por parte do goberno
polo que non hai previsións de aumentar o que até
o de agora era insuficiente, para mellorar cara unha docencia e
investigación de calidade. Nin tampouco se contemplan fondos
de nivelación a nível de estado ou europeo o que producirá
unha serie de desigualdades entre as universidades europeas incluso
dentro do propio SUG.
A desaparición das clases
maxistrais require un cambio na maneira de valorar o esforzo que
supoñen as materias e, consecuentemente, o seu número
de créditos. Con este fin preténdese implantar un
novo sistema de créditos, común para toda Europa e
teoricamente máis baseado no traballo da e do alumno que
nas horas de clase. Son os chamados créditos ECTS. Á
marxe da cuestión do custe económico destes créditos,
está o labor aínda non concretado de como mediren
o traballo do alumno, sobre todo tendo en conta que non o mesmo
esforzo nos conduce a todos a adquirir os mesmos coñecementos
ou os mesmos resultados. Teoricamente, valorouse que o traballo
que un alumno medio debía realizar para superar un curso
académico será de 40 horas semanais, incluíndo
nestas horas as aulas, estudo, traballos e prácticas que
o alumno debe de realizar. E en base a isto, deberán de definirse
os créditos ECTS. Á marxe de que isto non permite
compatibilizarmos traballo e estudo, está a cuestión
de que en moitas titulacións isto non permitiría no
actual sistema superar as materias. Ademais de que non aparece por
ningures a avaliación do traballo do profesorado. O paso
do actual sistema de créditos ao novo está aínda
por concretar, aparecendo as principais incógnitas no relativo
á valoración do traballo práctico da e do alumno
nalgunhas titulacións, para as que aínda non se presentou
ningún modelo. No Estado Español preténdese
afrontar este cambio a custo cero, non se preve ningunha partida
económica que solvente estas cuestións tendo en conta
que a adaptación supón unha maior dotación
en servizos e infraestrutura, todo isto fai pensar que a adaptación
farase dunha forma deficiente.
Por outro lado, o modelo europeo
universitario que se nos presenta incorpora a homologación
de prácticas en empresa como parte do programa nalgunhas
titulacións; porén, e en consecuencia, a máis
que probábel aparición de situacións encubertas
de explotación laboral do alumno, así como a suposta
potenciación da mobilidade xeográfica, que non se
contempla a desigualdade de condicións de ponto de partida
das universidades nen dos níveis de renda do estudantado,
tendo en conta que o sistema de bolsas é do máis baixo
de Europa en contía e en eficacia. Así, a situación
de emigración encuberta no noso país é consecuencia
dunha mala situación de inserción laboral dos titulados
e tituladas e dunha desvantaxe comparativa respeito aos estudos,
servizo e calidade ofrecido polo SUG con respecto a outras Universidades.
A previsíbel pequena chegada de extranxeiros ao SUG pode
ser usada como excusa para reducir aínda máis a presenza
da nosa lingua nas aulas, a pesar de que nun sistema de cualidade
este factor non sería un atranco.
Por último, tamén convén sinalar a nula capacidade
de decisión da Galiza no proceso tendo determinadas competencias
en materia de educación e que ademais non se tivese contado
durante todo o proceso, nin tan sequer agora, co estudantado e as
organizacións representativas do sector como a nosa.
Esta reforma da universidade
europea conduce polo tanto a unha universidade privatizada, mercantilizada,
elitista e homoxeneizada, e supón un paso atrás no
dereito universal de acceso a unha educación de calidade,
verdadeiramente participativa e democrática como a que demandamos,
polo que os CAF considerámola fortemente perxudicial para
o ensino universitario público, así como para a sociedade
en xeral.
As reformas educativas a nível do Estado
Español
A nível do Estado son xa dous os anos pasados dende que outra
vez o PSOE chegou ao goberno do Estado. Mais esta chegada non produciu
que se modificase no substancial o modelo de ensino. O goberno do
PSOE continuou fielmente a política do goberno anterior do
Partido Popular a través das sucesivas reformas que se levaron
a cabo neste período, sen modificaren no esencial a nosa
visión histórica do PSOE e evidenciando así
a corrección das nosas análises.
En primeiro lugar a tan alardeada
derogación da LOU que o PSOE utilizara nas mobilizacións
en contra da política educativa do anterior goberno e sobre
todo como promesa eleitoral para así supostamente contentar
as aspiracións sociais, non foi unha prioridade política
unha vez asumido o goberno do Estado.
Así, mostrando claramente
cales son os seus aliados (grande empresa, banca, CRUE) o PSOE eliminou
da súa axenda política un dos temas máis controvertidos
e sensíbeis, que tiña provocado a maior convulsión
da universidade no último período, especialmente na
nosa nación, para así conseguir que pasasen a un primeiro
plano medidas de forte capacidade propagandística como son
o recoñecemento formal de certos dereitos individuais. Deste
xeito o PSOE pretendeu reforzar entre a xente nova un suposto perfil
de esquerdas.
Mais iso non conseguiu ocultar
a súa política enmarcada dentro do conxunto de políticas
neoliberais europeas facendo que as concrecións do tan publicitario
“talante” amosasen que o cambio de goberno non respondía
máis que a unha alternancia política. Así,
as organizacións do ensino, tamén a nosa, puidemos
observar como neste período o tan vendíbel diálogo
social foi un dos grandes ausentes no deseño político
do vernizado PSOE.
Non foi de estrañar
que a reforma da LOU, se presentase sen diálogo coas organizacións
máis representativas do noso País ao conxunto de Universidades.
Fomos poucas as organizacións que nos opuxemos xa que agás
no caso do profesorado, nos demais aspeitos son poucas as modificacións
tanto cuantitativas como cualitativas respecto ao anterior proxecto
do PP. Foi por iso polo que malia ser tildada de “limitada,
parcial e mesmo contradictoria” polo informe da ponencia de
estatutos da USC a reforma da LOU foi apoiada por todos aqueles
sectores que interesadamente saíran á rúa.
A nível xeral, segue
sendo unha Lei que ningunea a participación do estudantando
e onde aparecemos infra-representados, non hai unha vasculación
de competencias dos órganos unipersoais aos órganos colexiados,
sobre todo ao claustro universitario, non se establecen maiores
esixencias para a creación de universidades privadas como
se fai coas públicas, non se estabelecen as bases necesarias
para a integración no proceso de Boloña minimizando
a importancia que este proceso ten para as universidades, e aínda
que se eliminan as probas en cada facultade séguese mantendo
a selectividade, proba que sempre temos denunciado por ser un atranco
no acceso a un ensino público.
Por último, enúnciase
“a aprobación dun Estatuto do Estudante universitario,
que deberá de prever a constitución funcións,
organización e funcionamento dun Consello dos Estudantes
universitarios” sen contar cando menos coa organización
estudantil maioritaria na Galiza para as aportacións a ese
estatuto (dereito a folga, a unha axuda ao estudo, a unha praza
nas residencias públicas...) e constituíndo este Consello
de costas á realidade estudantil do que no pasado decembro
se aprobaron os seus Estatutos.
Artellándose de costas
ás organizacións estudantís, este Consello
Estatal De Estudantes promove unha suposta representación
aséptica e sen organizacións de estudantes, negando
así a posibilidade de que a nosa organización, maioritaria
nas tres universidades galegas, ao igual que outras organizacións
do noso entorno, puidese participar convenientemente dese debate
sobre participación e representación estudantil promovido
polo Ministerio.
Búscase o individualismo
e a docilidade aos postulados do goberno de turno e a diminución
da capacidade de acción das organizacións estudantís
a través dun órgano mandatado pola LOU á que nos
opuxemos sempre. Non parecéndolle suficiente ao goberno que
se diminúa a nosa representación nos órganos universitarios,
preténdese agora descafeinar a nosa capacidade de incidencia
cun órgano onde participan “os máximos representantes
dos estudantes” avalados polas correspondentes universidades
e que se erixe “ como interlocutor válido dos estudantes
coas administracións públicas”.
Os CAF-CAEF manifestamos así
a nosa oposición máis rotunda e a non participación
neste órgano xa que ademais de pretender introducir dinámicas
alleas de participación á nosa realidade universitaria
para tentar diluír o noso discurso ou a nosa capacidade de
acción, considerámolo así mesmo contrario á
nosa práctica política e á defensa que sempre
fixemos da democracia participativa que quere o colectivo estudantil.
Tamén, no que se refire
ás reformas a nível do Estado que afectan ao ensino
universitario aínda que non plenamente, non podemos deixar
de comentar o debate e posterior aprobación da LOE. Tras
o cambio no goberno do Estado, a LOCE foi paralizada e comezouse
a anunciar por parte do goberno do PSOE a través dos medios
de comunicación a elaboración dunha nova Lei de Educación
o mesmo que previamente xa foi analizado sobre a reforma da LOU
e que, tanto no proceso como no resultado final, ten moitas semellanzas
coa LOU, aínda que a súa aplicación sexa no
Ensino Medio.
Nunha actitude responsábel
as organizacións nacionalistas que se mobilizaron contra
a anterior LOCE, incluídos os CAF-CAEF, criticamos contundentemente
o proceso oscurantista que o goberno do PSOE levara a cabo para
a elaboración da nova Lei e criticamos as poucas modificacións
de calado que se facían con respecto ao proxecto anterior.
Nese sentido considerabamos que o proxecto que o goberno español
presentaba non era máis que a continuidade dos postulados
neoliberais que privatizan, elitizan e deterioran cada vez máis
o ensino público, e que continuaba coa involución
centralizadora do anterior goberno diminuínindo a capacidade
do goberno galego para fixar os currículos escolares e negando
a posibilidade de planificar e ordenar o ensino dende as propias
nacións que conforman o Estado en base ás nosas necesidades
e problemáticas. Por outra banda increméntanse as
ratios estabelecidas nun 10%, amplíanse as prerrogativas
das direccións elixidas pola Administración, en detrimento
dos órganos colexiados, confírmase e amplíase
a privatización da educación a todos os níveis
educativos, consolídase definitivamente a dobre rede de centros,
públicos e privados concertados, mediante concertos educativos
desde a Educación Infantil, mentres a educación pública
sofre diferentes carencias e necesidades e non se garante a gratuidade
e unha ensino de calidade para todos e todas. O mantemento da materia
de relixión no currículo escolar e a non definición
dun financiamento suficiente que facilite os recursos necesarios
para reducir as ratios, reforzar as titorías, facer os desdobres
das diferentes materias, minimizar o fracaso escolar, ampliar os
cadros de persoal para un ensino personalizado e de atención
á diversidade, ou mesmo estender os servizos complementares
a todos os centros e dotalos de profesorado suficiente e outros
especialistas, fai que esta Lei continúe na liña do
xa exposto con referencia á LOU, de privatización,
elitización e españolización do ensino sen
que o PSOE tivera mudado o rumbo no esencial con respeito á
política do goberno anterior.
Dentro das reformas do PSOE
temos de sinalar algunhas que teñen que ver cos atrancos
que van ter os titulados para acceder ao mercado laboral: CAP, MIR
ou Lei de Acceso á Avogacía.
A aprobación da LOCE
(Lei de Calidade) por parte do goberno do PP, antes das eleccións
que perdeu e, fiel ao seu costume, foi a escusa perfecta para introducir
novamente a reforma do CAP vía Real Decreto 118/2004 polo
que se estabelecía o Título de Especialización
Didáctica (o CAP de sempre mais que agora duraría
2 anos sen posibilidade de facelo con algunha materia suspensa ).
O cambio de goberno a nível estatal e o anuncio de paralizar
a LOCE, levou aos CAF-CAEF a retomar as presións, esta vez
sobre o PSOE, para que cumprise as súas promesas e derogase
a LOCE ao completo, incluído o Decreto do CAP. Mais outra
vez sen previo diálogo coas organizacións do sector
e despois de reiteradas preguntas de como ía ser o novo sistema
de capacitación do profesorado de secundaria tras o anuncio
da súa reforma sen resposta clara, o PSOE volvendo facer
gala dos métodos máis reaccionarios aprobou a reforma
do CAP.
Unha reforma que leva ao CAP
a ser un posgrao máis con motivo da aplicación de
Boloña, con prezos elevados coma os propios posgraos e cunha
duración maior do que o anterior; de seis meses pasa a un
ano e ademais o acceso a este posgrao dende certos graos, provocará
a súa extensión de facto a dous anos. Ademais segue
sen recoñecerse o dereito a unha axuda ao estudo para poder
cursalo e a remuneración das prácticas no centro de
ensino onde se realizaren, así como que non se garante tanto
a mellora dos medios materiais e humanos para impartilo e a garantía
de rematar coa necesaria capacitación para un bo exercicio
da futura docencia. Tamén convén sinalar que no proxecto
actual estabelécese unha selección en base a distintos
criterios das persoas que poidan cursar o novo CAP (económica
e académica) poñendo aínda máis trabas
para o seu acceso. Xa que os CAF-CAEF opuxémonos sempre á
súa existencia entendendo que se deberían de incluír
os seus contidos dentro dos propios planos de estudo en forma de
materias optativas e/ou libre elección sendo a formación
para a docencia un dos posíbeis itinerarios que o estudantado
puider escoller dende determinados cursos da titulación.
Canto a realización das
prácticas en centros de ensino seguimos a propor un sistema
integrado no plano de estudos semellante ao dos prácticum
nas carreiras do ámbito das ciencias da educación.
Deste xeito unha vez titulado o estudantado estaría xa preparado
para a incorporación ao mercado laboral e non se prolongarían
máis os estudos e o pago por eles, xa que non hai dereito
a bolsa durante o CAP, cuestión que se dificulta moito máis
con esta nova reforma e que fará que doutra volta a nosa
organización se mobilice na súa contra.
Por todo isto, ao igual que
no ano 1999 onde os CAF-CAEF convocamos mobilizacións que
conseguiron o compromiso da Xunta de non aplicar no Sistema Universitario
Galego ningunha reforma do CAP que aumentase a súa duración
anterior, opoñémonos a todo este proxecto porque vén
a supor un empeoramento do anterior non dubidándomos en exercer
a mobilización para paralizar a súa aplicación.
En canto á regulación
dos médicos en proceso de formación vía-MIR,
é importante seguir de cerca as negociacións que se
están a producir. Despois de moitos anos de funcionamento
do sistema de residencia, este debe de aportar garantías
aos profesionais da saúde mediante a elaboración dun
regulamento que determine as condicións laborais e formativas,
así como a progresiva adquisición de responsabilidades
que deben de ir adoptando os médicos. Sería por isto
imprescindíbel que os CAF-CAEF implicásemos o estudantado
neste proceso que vai ser a súa vía de formación
posterior á Universidade.
O anteproxecto de Lei sobre
o acceso ás profesións de avogado e procurador supón
a continuación da política privatizadora e elitista
que xa intentou implantar o Partido Popular en numerosas ocasións,
con beneprácito e asentimento dos Colexios de Avogados.
A súa redacción
foi levada cun escurantismo desmedido tentando evitar as mobilizacións
do estudantado xa que se teñen dado noutros procesos semellantes.
Este proxecto disfraza baixo supostas prácticas de formación,
a restrición ao acceso das profesións, xa que supón
a obrigatoriedade de realización de dous anos de prácticas
en que, ademais de non estar definido cal vai ser o seu custo para
as e os estudantes, imposibilítase a percepción de
calquera tipo de axuda económica. Estas “prácticas
non laborais” teñen a súa culminación
coa realización final dunha proba única para todo
o Estado, o que suporá unha clara homoxeneización
dos contidos.
A desculpa da implantación
de Boloña e a adaptación ao ensino europeo, supón
a aceleración deste proceso mercantilista que non é
máis que o reflexo da política educativa elitista
e centralizadora dos sucesivos gobernos estatais.
Nova situación política
na Galiza
Con respeito ao noso País, as pasadas eleccións do
19 de Xuño ao Parlamento Galego modificaron a correlación
de forzas existente ininterrompidamente durante 16 anos, onde se
tiña deseñado un modelo de afogamento económico
progresivo do SUG para así conseguir a súa submisión
no plano político. A falla de interlocución, iniciativa
politica, e mesmo defensa e lexislación nas competencias
propias, fronte ás inxerencias a nível estatal, o
non entendemento do SUG como un todo fomentando a súa interrelación
en base á competitividade, a ausencia dunha planificación
e coordenación en materia de ensino universitario e a diminución
do financiamento universitario foron os piares básicos da
política do PP. Así, o pasado novembro de 2004, a
Xunta do PP aprobaba o Plano de Finaciamento Plurianual das Universidades
Galegas que non era máis que unha nova hipoteca para o SUG.
Ademais de ser acordado de costas a determinados sectores como o
propio estudantado, os CAF-CAEF temos criticado o Plano de Financiamento
Plurianual (2005-2010) xa que é insuficiente e non garante
os recursos necesarios para que as universidades galegas se poñan
á altura en investimento público coas universidades
do estado e europeas. Tendo en conta que o ano 2010 é a data
límite para a converxencia co Espazo Europeo de Educación
Superior, as universidades galegas parten dunha desvantaxe comparativa
moi grande, xa que se prevé un investimento público
do 0,75% do PIB. Os CAF-CAEF temos reclamado reiteradamente un investimento
público na media europea, aproximadamente un 1’5% do
PIB, cando a media do Estado no 2000 era do 0’96% do PIB.
E por se for pouco non foi unha negociación o que levou á
asunción deste plano polas universidades senón a chantaxe
da Xunta do PP e a propia covardía dos gobernos Universitarios
de non enfrontarse contra quen pretendía aplicar o vello
financiamento a quen non o aceptase, e mesmo a necesidade de subsistir
e parchear unha crise económica como a da USC, tan criticada
polos CAF-CAEF. Así tampouco é estraño que
as universidades tivesen de buscar recursos financeiros por outras
vías tales como a entrada de capital privado na Universidade,
o recurte de servizos básicos á comunidade universitaria
(aumento do prezo das prazas no SUR) ou mesmo defender unha suba
das taxas universitarias que nos últimos 10 anos representa
un aumento dun 40%.
O novo panorama político abre expectativas
para que as políticas anteriores do PP sexan corrixidas e
para que se faga unha verdadeira política universitaria que
consiga invertir a involución do SUG e a desconfianza existente.
Mais para iso cómpre que a consellaría amose un compromiso
claro e que se modifiquen determinadas cuestións e actitudes
que se manteñen do anterior goberno. A primeira delas, o
fomento do diálogo e a participación cos sectores
sociais implicados no ensino e que malia ser solicitado reiteradamente
pola nosa organización segue sen haber un cambio de posicións
que si se teñen dado noutras consellarías. Así
mesmo, os CAF-CAEF tamén consideramos grave a falla do financiamento
necesario para o SUG que denunciamos tamén este ano, xa que
o PSOE cando gobernaba o PP na Xunta, votou en contra do Plano de
Financiamento e agora deféndeo na consellaría nos
orzamentos da CAG para o 2006, sendo insuficientes para paliar os
problemas das universidades e as reformas con motivo do axeitamento
ao Espazo Europeo de Educación Superior, entre outras cousas.
Estas e outras cuestións serán as que nos preocupen
e nas que seguiremos defendendo as nosas alternativas como organización.
Dende a nosa organización este Plano de Financiamento Plurianual
foi contestado a fins de 2004.
Mais o cambio electoral tamén posibilitou
que por vez primeira se producise o acceso do nacionalismo ao goberno
da Xunta, e aínda que non é o encargado da Consellaría
de Educación e Ordenación Universitaria, a posibilidade
de que o nacionalismo conte con consellarías propias achéganos
unha ferramenta máis da que servírmonos, complementar
a nosa acción política e nas que crear unha forte
incidencia no Sistema Universitario Galego e na mocidade (a Dirección
Xeral de I+D+i, a Consellaría de Vivenda, a D.X de Mocidade,
a Consellaría de Cultura...) coas que si poderemos ter unha
interlocución e unha capacidade de incidencia máis
nídia e mesmo capacidade de influenza na toma de decisións
doutras consellarías do PSOE.
Entendendo que as mudanzas políticas estruturais
na Galiza nunca van vir dadas pola acción exclusiva do goberno,
os CAF-CAEF como organización nacionalista preocupada pola
situación do ensino comprométense a formular as nosas
propostas, alternativas e críticas de xeito atinado sen caer
na simplicación para mellorar esta situación en busca
de solucións reais que modifiquen as políticas anteriores.
E é por iso que os CAF-CAEF seguiremos mantendo a nosa iniciativa
mobilizadora e reinvindicativa independentemente de quen estea no
goberno, para seguir a defender unha mellora nas condicións
do estudantado galego e un ensino público galego e de calidade.
Sendo innegábel que vivimos unha situación
colonial non é dificil apreciar como a Universidade segue
desenvolvendo a función españolizadora que temos analizado
noutras asembleas nacionais.
A nível lingüístico séguese
tratando con desleixo a nosa lingua, con poucas iniciativas institucionais
efectivas e son mínimos os avanzos que se producen en canto
a horas lectivas impartidas, proxectos de investigación ou
de fin de carreira, teses doutorais... e mesmo a represión
por parte do profesorado segue condicionando a realización
dos exames en español. Os contidos curriculares seguen sen
ter a súa plasmación e consonancia coa realidade galega,
por iso non é de estrañar que a día de hoxe
sexan máis importantes as fazañas da España
imperialista do que a realidade dun pobo con historia de seu, ou
que non existan tiulacións adicadas a estudos que se adapten
ás condicións socioeconómicas da nosa nación.
Desgaleguización que, como xa se ten analizado, se acentuará
coa adaptación ao EEES.
A desconexión existente entre a formación
universitaria e o acceso ao mercado laboral é máis
que evidente a consecuencia dun mapa de titulacións non adaptado
ás condicións socio-económicas da Galiza, da
inexistencia de suficientes traballos cualificados e mesmo da aparición
de novos ciclos formativos que teñen unha maior “saída
laboral”. Isto ten producido un incremento do paro e que moitos
mozas e mozos titulados teñan que emigrar para atopar unha
estabilidade laboral. Esta situación pódese dar tamén
coas bolsas de mobilidade, sobre todo no caso das de investigación.
Mais nesa mala situación de acceso ao mercado
laboral tamén inflúe a pouca renovación pedagóxica
e a falla de control sobre o traballo do profesorado, que moitas
veces redunda nunha falla de formación práctica e
de coñecementos e en máis fracaso educativo. Por outra
banda tamén as sucesivas trabas que pon o Ministerio, como
a Lei de Acceso á Avogacía, o MIR ou a propia reforma
do CAP non responden máis que a retardar este acceso ao mercado
laboral.
Outro dos problemas que ten contribuído a
unha cada vez maior elitización da Universidade é
a situación dos servizos complementares. Os CAF sempre os
entendimos como servizos públicos imprescindíbeis
para garantir un acceso igualitario ao ensino universitario. Unha
política pública de aloxamento universitario, un transporte
público eficaz e a dotación de infraestruturas nos
campus (comedores, bibliotecas, salas de estudo...) son condicións
básicas para un ensino público de calidade.
As universidades galegas teñen unha situación
máis que precaria no que se refire a aloxamento público
para o estudantado. Na Universidade de Vigo tan só existen
dúas residencias públicas (a das Burgas no campus
de Ourense e das Lagoas Marcosende no campus de Vigo) e na UdC non
existe nin unha soa praza en residencias públicas, son todas
privadas ou concertadas. Só a USC conta cun Servizo Universitario
de Residencias, porén a súa situación é
complicada dado o seu encarecemento progresivo e o peche da residencia
do Monte do Gozo, consecuencia da crise económica e que significou
unha perda de máis de 350 prazas. O pasado curso o MEC decretou
ademais, a incompatibilidade das bolsas que concede este Ministerio
a efectos de residencia coas subvencións que a propia USC
oferta ás rendas máis baixas. Este feito, sumado á
menor importancia que cada vez teñen os criterios económicos
fronte aos académicos, lévanos cara a unha elitización
do servizo público de residencias que incumpre a súa
finalidade básica: contribuír a reducir a desigualdade
de oportunidades por motivos económicos.
O estudantado galego padece ademais un transporte
público claramente deficiente e mal estruturado. A nível
nacional o número de prazas é reducido, os prezos
abusivos e os servizos de transporte urbano nalgúns campus
do País tamén destacan pola súa ineficacia.
No caso da UdC, nin tan sequer existe un bono-bus estudantil subvencionado
polo Concello, como si ocorre nas outras dúas universidades
do SUG, e na Universidade de Vigo o número de autobuses urbanos
que conectan o Campus coa cidade é insuficiente.
Os CAF-CAEF demandamos tamén unha mellora
nas infraestruturas de cada Universidade. Cómpre un aumento
do número de comedores universitarios que contén cuns
prezos axeitados ao poder adquisitivo dos estudantes. Debe de aumentar
tamén a dispoñibilidade das bibliotecas e producirse
unha ampliación dos seus horarios, sobre todo nos meses de
exames. Reclamamos tamén, sempre coa vista posta cara unha
Universidade realmente pública, a xestión dos servizos
de reprografía polas propias universidades.
Somos conscientes de que a situación é
grave, máis ao igual que non é indiferente quen goberne
na Xunta da Galiza tampouco é o mesmo quen o faga nas institucións
universitarias xa que pode agravar máis ou menos esta situación.
E aquí tampouco parece haber consonancia. A evolución
sofrida polas Universidades de Vigo e da Coruña nestes últimos
anos non parece que evite na USC a combinación dos intereses
persoais, o amiguismo ou mesmo o tráfico de favores nas alianzas
dos sectores máis rancios da Universidade cos que defenden
un pseudogaleguismo, a cambio do silencio ante as irregularidades
e a nefasta política levadas a cabo pola actual equipa reitoral
da USC.
Con respecto ás outras dúas Universidades,
a entrada no goberno mesmo do sector nacionalista non se reflicte
moitas veces na asunción dos posicionamentos da primeira
organización estudantil, e iso fai que en determinados proxectos
non se teñan en conta as nosas propostas ou simplemente as
nosas prioridades como organización estudantil, no caso da
UdC, aínda que a interlocución ten mellorado, sobre
todo na Universidade de Vigo.
2. O movemento estudantil na
Galiza
A situación do ensino coa reestruturación
progresiva da Universidade cunha maior carga lectiva e de traballo
personalizado (reforma das titulacións, créditos ECTS...)
e cunha regresión continua das cuestións que determinan
as posibilidades de estudo (aumento das taxas, endurecemento das
condicións para acceso a unha bolsa, encarecemento dos servizos...)
entre outras cuestións, explican a diminución da implicación
fóra do estritamente académico como noutras épocas
e que non se tivesen dado procesos mobilizadores importantes que
combulsionasen o ensino despois da aprobación da Lei Orgánica
de Universidades.
Vivimos nunha etapa complexa, onde o confusionismo
a partir da dualidade de mensaxes entre a mocidade para combater
o nacionalismo, e a desmobilización da man do ideoloxismo,
do acriticismo ou do pasotismo están á orde do día.
É por iso que os CAF-CAEF son máis
conscientes que nunca da importancia e potencialidade de contármonos
con organizacións estudantís nacionalistas.
Son escasas as organizacións estudantís
que existen cun funcionamento estábel e normalmente fano
dende o terreo do poder, cun marcado carácter asistencial
e favoritista, fomentando prácticas supostamente “apolíticas”,
amarelistas e prosistema. Neste momento político onde o sistema
ten dilapidado moitas organizacións, as organizacións
estudantis nacionalistas son quen de existir evidenciando o noso
peso político, a permeabilidade do nacionalismo entre a xente
moza e a idoneidade do noso traballo e do noso discurso político
que nos teñen dotado de capacidade para poder actuar socialmente.
Mais sermos capaces de analisar esta importancia
non agocha os problemas que presentan neste caso os CAF-CAEF e a
vontade de iniciativa para a súa solución, entre eles
o impulso do debate nas organizacións sobre a idoneidade
da nova organización do estudantado galego. Como previamente
nos temos referido, a situación do asociacionismo estudantil
de febleza e atomización que o caracterizaba tense agravado
nos últimos anos deixando un panorama que evidencia a necesidade
de invertir esta situación, imprimindo un novo ritmo ao movemento
estudantil nacionalista. Tanto os Comités Abertos de Estudantes
como os Comités Abertos de Escola e Facultade consideramos
que a nova organización do estudantado galego é a
ferramenta imprescindíbel para poder mellorar esta situación.
Así o demostran os pasos que temos dado no último
período interasemblear sendo conscientes de que este traballo
será o mellor contributo para o movemento xuvenil nacionalista
e que o seu traballo redundará na mellora do ensino e do
propio País.
3. A alternativa estudantil nacionalista
Seguimos a ser os CAF-CAEF a única organización
estudantil nacionalista con presenza en todo o País consciente
de que hoxe por hoxe, son máis vixentes que nunca os obxectivos
que historicamente defendimos, pular por un ensino público,
galego, democrático e de calidade.
Un ensino público e de calidade : impulsando
a unidade e complementación do SUG. Con respecto a Boloña
os CAF-CAEF defenderemos que se oferten todas as titulacións
universitarias que neste momento se poden estudar no Estado. Por
iso cremos que os debates respecto a titulacións e posgraos
non deben circunscribirse a cuestións localistas fomentando
a confrontación, o importante é que a Universidade
Galega conte con novas titulacións e dispoña dos medios
necesarios, como tamén que exista unha colaboración
real entre as Universidades do SUG. Así os posgraos débense
de ofertar a prezos axeitados e sempre respondendo a criterios de
racionalidade pondo en común o capital material e humano
das tres universidades para ofrecer un ensino equilibrado e de calidade.
Fronte a unha multiplicación das carreiras clásicas
que moitas veces deriva na mala inserción dos/as titulados/as,
seguimos botando en falta a existencia de titulacións especificamente
relacionadas coa nosa realidade nacional e co desenvolvemento socio-económico
da Galiza.
A nosa organización aposta porque o alumnado
poida estudar no seu propio Pais nunhas universidades de iguais
condicións e servizos para que non teñan a necesidade
de estudar fóra (emigración encuberta-fuga de cerebros).
Os estudantes que elixan estudar fóra deben de contar, non
obstante, coas axudas ao estudo suficientes para poder axeitarse
ao nível de vida do país de acollida.
Así tamén, de nada vale falar da implantación
de novos títulos, posgraos ou mesmo especialización
de campus se non se fai sobre unha base de financiamento público
suficiente por parte da Xunta pois cómpre dotar de medios
humanos e materiais e de máis e mellores servizos ao SUG
para que se produza unha adaptación ao EEES en condicións
dignas. Por iso os CAF-CAEF propoñemos a elaboración
dun novo Plano de Financiamento Plurianual que non afogue económicamente
as universidades e que conte co acordo da comunidade universitaria.
Este novo Plano de Financiamento entre outras cousas posibilitaría
unha mellora na política de infraestruturas e servizos das
Universidades (laboratorios, bibliotecas, comedores, aulas de informática...)
así como mellorar na política de vivenda das Universidades
(mellora das condicións do SUR, creación de residencias
públicas na Coruña e en Ferrol, reapertura do Monte
do Gozo como residencia estudantil, non incompatibilidade de bolsas...).
Os CAF propoñiamos xa hai tres anos, no Encontro Nacional
sobre o proceso de Boloña, unha serie de alternativas concretas
no que a este proceso se refire: opómonos á aparición
de selectividades e probas de interciclos ao final do grao e do
posgrao. Así mesmo, defenderemos a non limitación
de prazas nos cursos de posgrao, ademais dun financiamento total
con fondos públicos destes estudos, a fin de evitar discriminacións
por razóns económicas e fomentar o acceso universal
aos mesmos.
Rexeitamos o aumento da troncalidade que supón
unha maior centralización, así como a redución
da optatividade: defenderemos o dereito do estudante a elaborar
o seu propio currículo.
Defendemos a asunción das competencias de aprobación
e homologación de novos títulos por parte dun órgano
galego, e non por parte dun órgano estatal (ANECA). No tocante
á extinción dos planos actuais, defenderemos o dereito
á docencia na totalidade de materias en todos os planos a
desaparecer durante todo o tempo que dure o proceso de transición.
Con esta reforma tamén reinvindicamos a inmediata
integración dos centros adscritos nas súas respectivas
universidades sobre todo para que non se dean situacións
discriminatorias e irregulares entre o estudantado, que ten que
pagar máis matrícula e onde non contan cunha regulación
e representación igual que a das universidades públicas.
Un ensino galego: xa que os CAF-CAEF consideramos
de vital importancia a inversión do proceso de desgaleguización
da Universidade. Falándomos do proceso de desgaleguización
nun sentido amplo e non exclusivamente polo feito lingüístico
de anormalidade que vivimos. É por iso que os CAF-CAEF reinvindicamos
a adaptación dos currículos, a investigación...ao
noso País, e seguimos botando en falla a existencia de titulacións
especificamente relacionadas coa nosa realidade nacional e co desenvolvemento
socio-económico da Galiza. Así mesmo, os CAF-CAEF
tamén defenderemos a estrita regulamentación do uso
do galego para lograr a súa plena implantación en
toda a vida universitaria, así como defender que todas as
prazas que se crean no SUG teñan perfil lingüístico.
Un ensino democrático: onde os criterios de representación
dos sectores se modifiquen con respecto á actual LOU, para
que así o estudantado estea convenientemente representado
por ser o sector maioritario e poida ter unha incidencia real na
toma de decisións sobre o SUG. Así tamén estamos
en contra das delegacións de estudantes da UdV e da UdC,
do Consello Estatal de Estudantes e de calqueira outro órgano
amarelista pois o que perseguen é a descafeinación,
control e burocratización da participación estudantil
e a diminución do traballo e da incidencia política
práctica das organizacións estudantís como
os CAF-CAEF.
Por último, nun contexto político
onde o debate sobre as competencias estatutarias é tan importante,
os CAF-CAEF como organización nacionalista que reclama o
recoñecemento da Galiza como nación e do seu dereito
á autodeterminación, as competencias exclusivas sobre
todas as cuestións que lle afectan ao noso País, e
en concreto ao ensino e tamén un financiamento que nos autoresponsabilice
e nos proporcione autosuficiencia a nível financeiro, non
podiamos deixar de reflexionar sobre as melloras que isto tería
sobre as condicións materiais de estudo das galegas e galegos.
É así, como os CAF-CAEF defendemos un Estatuto que
nos permita deseñar todo o ensino e planificalo segundo as
nosas caracaterísticas e necesidades para así podérmonos
dotar de respostas específicas para os nosos problemas (titulacións,
planos de estudo, posgraos...) e podérmonos ensinar a nosa
propia cultura, historia, lingua etc.
Tamén é importante a cuestión
de dotármonos da competencia para poder regular o prezo das
taxas e da competencia en materia de bolsas para así poder
xestionar de xeito áxil e eficaz as axudas ao estudo e poder
adaptalas ás necesidades do estudantado galego (primacía
de criterios económicos, modificacións nos baremos
de renta, das profesións, das implicacións do Imposto
sobre Bens e Inmóbeis...) aumentando a súa contía
e as/os súas/seus beneficiadas/os (estudantes CAP, MIR, 2ª
carreira...).
Asemade entendemos necesaria a competencia da regulación
dos criterios de acceso á universidade para a supresión
da selectividade e demais trabas, tanto na entrada ao ensino universitario
como para a capacitación profesional en determinadas titulacións
para acceder ao mercado laboral (MIR, Proxecto de Acceso á
avogacía, LOPS..). E especialmente a nova reforma do CAP
que criticamos en apartados anteriores.
Así como cómpre a blindaxe de competencias
en materia de vivenda para poder desenvolver unha política
de vivenda universitaria pública. Por último sinalar
tamén a mellora que isto tería para podérmonos
regular a situación do transporte no noso País, o
control e intervención do propio goberno da Xunta nesta materia
así como a mellora tanto en número de liñas
para a conexión interna da nosa nación como no propio
prezo, das que se beneficiaría o estudantado, poñendo
en consonancia todas as administracións implicadas.
Os CAF-CAEF como organización estudantil
nacionalista levamos máis de 23 anos reclamando a mellora
do noso ensino e adaptando o noso discurso ás novas realidades
para así podérmonos dotar dunha incidencia real práctica
entre o estudantado. O feito de térmonos alternativas serias
e rigorosas para o estudantado acompañadas de marcos máis
amplos como son a defensa dun novo Estatuto poden servirnos como
unha ferramenta máis, á que non debemos renunciar
pola súa utilidade de servizo ao País e para así
verdadeiramente acadar un ensino público, galego, democrático
e de calidade que foi o que sempre defendimos dende a nosa creación,
así como un futuro digno na nosa Nación.
TESE DE ORGANIZACIÓN
1. Introdución
Xa nos imos achegando aos 25 anos dos Comités
Abertos de Escola e Faculdade, a organización máis
antiga da Galiza e a única organización estudantil
nacionalista que co paso dos anos segue a manter a actividade e
o compromiso indubidábel de organizar ao estudantado galego
na defensa dos seus intereses.
Dende que naceron os CAF-CAEF, alá polo curso
82-83, foron moitos os momentos importantes que lles tocou vivir
como por exemplo: a implantación do Sistema Universitario
Galego (S.U.G) do que xurdiron as Universidades de Vigo e A Coruña,
a Lei de Reforma Universitaria (LRU) onde se inicia a privatización
do ensino e a máis recente reforma universitaria, a Lei Orgánica
de Universidades (LOU) que provocou na Galiza as mobilizacións
do estudantado máis grandes dos últimos tempos, chegando
a paralizar a actividade universitaria. Estas son só un exemplo
das moitas loitas que os CAF-CAEF teñen iniciado na defensa
dun ensino público, galego, democrático e de calidade.
Dende sempre o nacionalismo galego apostou pola
creación de estruturas propias promovendo a autoorganización
do pobo nos diferentes ámbitos da sociedade. Os CAF-CAEF
somos froito desta análise e actuamos na universidade, pola
necesidade de traballar non só por un ensino público,
democrático e de calidade hoxe con importantes reformas,
dirixidas cada vez máis á elitización e mercantilización
do ensino. Senón tamén por defender unha universidade
galega, cos pés postos na Galiza e onde a nosa cultura e
lingua non sexan desprezados e desterrados na práctica das
aulas. É por isto que nós, xunto coas demais organizacións
do nacionalismo, formamos o movemento nacionalista galego e traballamos
conxuntamente coas organizacións do nacionalismo galego na
procura da liberación nacional e social da Galiza.
2. O noso funcionamento interno
- Homologación do noso funcionamento e actuación.
Papel dos órganos.
Aínda que as funcións dos órganos nacionais virán
máis explicitadas noutro apartado da tese onde se tratan
os principios organizativos, é conveniente incidir en determinados
aspectos importantes do funcionamento interno da organización
para tentar corrixir futuras eivas.
A asemblea nacional dos CAF-CAEF é o máximo
órgano da organización, mais en períodos interasembleares
ese papel é desempeñado polo consello nacional, que
é o órgano que ten de deseñar as campañas,
executar as liñas emanadas pola asemblea nacional, ser a
canle de interlocución con organizacións, colectivos
ou plataformas sociais e garantir que se cumpla o funcionamento
dos CAF-CAEF en base aos principios organizativos dos que nos temos
dotado.
Sermos, así, unha organización estudantil nacional,
tal e como vén recollido nos nosos principios organizativos
implica que actuemos en base a un discurso e a unha liña
política e de actuación común nos sete campus
galegos. Principio este que se deu en chamar unidade de acción
ou liña única e que corresponde ao consello nacional
impulsar xa que é o único órgano en período
interasemblear que de xeito democrático ten representación
de todos os campus e pode coñecer a organización e
coordinala de xeito efectivo. Así, todos os membros do consello
nacional, ostenten ou non a responsabilidade de campus participan
da definición das políticas, e campañas a nível
nacional tendo en conta a súa repercusión e aplicación
nos diferentes campus. O feito de ter reunións periódicas
axuda a unha mellor información, seguimento e mesmo revisión
da evolución dos acordos tomados e a súa plasmación
en cada campus.
O consello nacional ademais de permitir o coñecemento
de todas as realidades e problemáticas que se dan nos distintos
campus cunha fluidez de información dos campus ao consello
nacional tamén posibilita que os campus estean informados
polas persoas que forman parte do órgano a maiores do responsábel
de campus. Esta información das asembleas de campus ao consello
nacional e viceversa, pode verse complementada ademais pola aportación
de todo aquel membro dos CAF-CAEF que desexe asistir ás reunións
do órgano (tendo no Consello Nacional voz e non voto) ou
que desexe tratar determinado tema que sexa de importancia no campus
ou no seu comité. Sendo ademais importante a posibilidade
de que calqueira membro dos CAF-CAEF se poida dirixir aos membros
do seu campus que formen parte do consello nacional cando se orixinar
calqueira dúbida con respecto ao enfoque que o consello nacional
fai sobre determinado asunto e así ter información
dos debates e acordos de primeira man.
O feito de sermos unha organización nacional
conxúgase co principio de flexibilidade que nos permite adaptar
o noso discurso á realidade concreta de cada campus sen modificacións
nos contidos esenciais. É por iso que as evolucións
nunha tendencia a traballar de xeito moi diferente en cada campus
non son as convenientes na nosa organización porque poden
producir a sensación de estarmos diante de organizacións
distintas en cada campus. Defendermos un mesmo modelo de ensino
implica facérmolo co mesmo discurso e liñas de traballo
en todos os campus reforzando a nosa imaxe como organización
nacional nun tempo en que, como xa temos analizado anteriormente,
ao sistema non lle interesa a consolidación de organizacións
cunha estrutura interna como a nosa.
Por iso o reforzamento dese carácter nacional da nosa organización
implica necesariamente o reforzamento dos campus en base a determinadas
cuestións que se tornan fundamentais.
Por unha banda está a homologación
nas estruturas orgánicas das que nos temos dotado ao longo
do tempo en todos os campus do País. O feito de térmonos
distintas realidades organizativas nos campus fai que sexa imprescindíbel
a valorización do comité como peza chave para a consolidación
da organización, así como a celebración periódica
de asembleas de campus e a consolidación onde for posíbel
do consello de campus como órgano básico para a coordenación
entre comités, o seguimento da execución práctica
dos acordos asembleares e a resposta áxil aos problemas ou
cuestións inmediatas. Esta homologación progresiva
de estrutura é parella a unha mellora no noso funcionamento
interno. A regularidade, participación e información
e a propia dotación de responsabilidades ou de determinadas
áreas de traballo (finanzas, secretaría, institucional),
de potenciar as reunións dos membros do Claustro ou outros
órganos ou das propias asembleas de Universidade como órgano
para a aplicación dunhas liñas comúns na Universidade
á que pertencen eses campus son cuestións fundamentais
a consolidar internamente, porque isto fará que a nível
externo teñamos unha mellor incidencia e que tamén
se produza a homologación da nosa acción.
Así mesmo tamén é importante reforzar o papel
coordenador e planificador do Consello Nacional como órgano de
referencia encarregado de coordenar e facer seguimento do traballo
dos campus. Garantir a representación dos campus, o reparto
do traballo, a asunción de responsabilidades individuais
internas e o intercambio de análises, debates e experiencias
entre os distintos campus é moi importante. Mais tamén
o son as reunións de organización regulares, coas
asembleas de campus, ou cando así o requiran por unha problemática
específica, para coordenar o traballo en todos os campus
e sobre todo para reforzar e prestar apoio de todo tipo aos campus
máis febles ou en situación de consolidación.
Por último a fluidez de información
vólvese tamén fundamental para coñecer todo
o que acontece no ensino do noso País e as cuestións
que afectan á actuación dos distintos campus. Alén
de seguir tendo actas, informacións sobre os acordos, circulares
concretas ou mesmo a información sobre campañas, actividades
e posicionamentos na páxina web, é necesario que os
comités de centro a través da interlocución
fluída nas asembleas de campus ou cos membros do consello
de campus ou do consello nacional teñan toda a información
e que recorran ás canles xa explicitadas cando así
o precisaren porque ese será o mellor xeito para potenciar
a nosa vida interna e que iso teña unha incidencia positiva
no xeito de actuar das e dos membros da organización.
- Responsabilidades individuais e colectivas:
Aínda que se analizará posteriormente, e conveniente
incidírmonos na idea de que os CAF-CAEF somos unha organización
asemblearia onde as decisións son tomadas dunha forma democrática.
Por iso as decisións que se toman nos órganos, dos que
nos temos dotado, tanto comités, como asembleas e Consello
Nacional entre outros, deben de ser posteriormente levadas á
práctica por todas e todos os membros dos CAF-CAEF. Mais
sendo isto importante, e sendo esencial a implicación e o
compromiso individual como membros dos CAF-CAEF á hora de
poñérmonos en práctica os acordos tomados tamén
nos temos dotado de responsabilidades individuais que asumen en
primeira instancia e máis directamente determinadas funcións
sobre diversos ámbitos baixo a continua supervisión
e control dos órganos competentes.
Estas persoas que ostentan determinadas responsabilidades
teñen a obriga de responder ante todas as cuestións
que teñan a ver co cargo que desempeñaren, sendo da
súa competencia coordinar, xestionar e analizar as cuestións
que se crean convenientes. Así mesmo o exercicio da responsabilidade
tamén ten unha compoñente persoal como incentivador
da propia responsabilidade, impulsando iniciativas nesa área
que afecten ao conxunto da organización para que repercutan
no seu mellor funcionamento. Estas responsabilidades poden ser revocadas
polo órgano que o concedeu se este así o estimar.
Mais independentemente das responsabilidades específicas
que se ostenten e ante as cales se debe de responder diante da organización,
as responsabilidades individuias van da man das colectivas, xa que
todos nós temos unha responsabilidade colectiva nas nosas
accións, ou de implicación da organización,
independentemente das responsabilidades especificas que se ostenten.
Todas e todos os membros dos CAF-CAEF formamos parte
dunha organización e debemos ser responsábeis na nosa
práctica política, e ao igual que os nosos acertos
son consecuencia do traballo colectivo, os nosos erros tamén
o son. A corresponsabilización no traballo teñen que
ser fundamentais para así evitármonos o voluntarismo
ou a excesiva carga de traballo en determinadas persoas que normalmente
son as que ocupan as responsabilidades, xa que pode derivar nunha
práctica viciada onde se desvirtúe o traballo de cada
un das e dos membros dos CAF-CAEF e onde se poidan considerar os
acertos como individuais e os erros como colectivos.
Valorando negativamente esa forma de actuar todas
e todos os membros dos CAF-CAEF debemos de exercer sempre a crítica
de xeito construtivo e a autocrítica nos órganos onde
participamos do debate e da posterior toma da decisión para
que a organización avance como consecuencia desas análises
e opinións sinceiras, sen desentendérmonos dos debates
e acordos, nin despreocuparnos por estar informados do que acontece
na nosa organización e nas aulas.
A combinación da responsabilidade individual
coa seriedade organizativa son o mellor contributo para que a nosa
organización funcione de xeito normalizado e rigoroso a nível
interno e que iso teña a súa repercusión cunha
maior fluidez nas reunións, cun maior debate e participación
e cunha maior concreción e claridade na toma de acordos que
fagan as reunión máis funcionais para unha mellor
incidencia política práctica dos CAF-CAEF.
- Tratamento das e dos novos membros dos CAF-CAEF:
O normal cando unha persoa se achega aos CAF-CAEF é que non
coñeza a organización, que só teña como
referencia a actividade que realizamos e queira saber máis.
É aquí onde o comité xoga un papel chave para
a súa integración e formación porque é
no seu seo onde vai poder participar e incidir máis directamente.
É por iso que debe ser preocupación
de todas e todos os membros e en especial das e dos responsábeis
de comité explicarlle cal é a nosa andaina histórica
polas aulas da Galiza, cales son os nosos principios ideolóxicos
e organizativos e a nosa actividade (a través de textos asembleares
e panfletos) sendo o máis pedagóxicos posíbeis,
para así involucralo no traballo diario e fomentar a súa
participación nos debates sendo esta a mellor formación:
comprobar diariamente por si mesmo o que son os CAF-CAEF.
Unha vez feito este traballo, todas as actividades
que dende os CAF-CAEF se acorden para a formación dos seus
membros serán positivas podendo dende as Asemblea de Campus
propor actividades de formación interna, tales como charlas,
debates ou a edición de material, para informar a todas aquelas
persoas que desexaren incorporarse á nosa organización
e para o resto dos seus membros.
- Mínimos de todas e todos os membros dos
CAF: A nosa organización é ABERTA. Calquer estudante
que o desexar poderá formar parte dela, sendo o requisito
básico exixíbel a calquera membro dos CAF-CAEF compartir
o noso proxecto e liña política na defensa dun ensino
galego, público, democrático e de calidade. Tamén
se considera un obxectivo a tentar cumprir por parte de todos os
nosos membros o monolingüísmo en galego e a defensa
pública do noso idioma, de acordo coa nosa política
a favor da plena normalización do galego.
De acordo coa natureza dos CAF-CAEF, baseados no
asemblearismo, é de vital importancia a asistencia e participación
activa en todos os foros de debate internos (comités, asembles,
etc.), de todos os membros da organización. É tamén
moi importante a participación e asistencia nas actividades
desenvolvidas pola organización, xa que estas son un medio
de contacto co estudantado, ao que lles trasladaremos as nosas posturas
e dirixiremos as nosas actividades.
3. Nova organización do estudantado galego
Para nós ten unha grande importancia a creación
da nova organización do estudantado galego, como ten demostrado
a multitude de análises, debates e documentos que se teñen
realizado por este motivo neste período interasemblear, e
en concreto neste último ano.
Non é obxecto desta tese repetírmosnos no xa de sobra
debatido e aprobado máis é importante que fagamos
fincapé en determinados aspectos.
O cambio contínuo das condicións económicas,
sociais e políticas do noso País obriga a unha revisión,
actualización e posta a punto das organizacións que
nel actúan, tanto dende o ponto de vista estrutural como
metodolóxico.
Unha adecuación das organizacións
aos novos reptos que se nos presentan nun contexto cada vez máis
complexo e adverso con contínuos ataques ao ensino, cunha
desestruturación e progresiva eliminación do tecido
asociativo estudantil e cun baixo grao de participación e
autoorganización que a través deste novo proceso temos
que ser quen de corrixir.
Esta nova organización estudantil nacionalista
de carácter unitario, aberta e plural que catalice e recolla
a capacidade mobilizadora que ten demostrado o estudantado galego
- LOU, LO(C)E, Nunca Mais- é máis imprescindíbel
que nunca para imprimir outro dinamismo ao ensino e ao movemento
estudantil no seu conxunto, recollendo a herdanza ideolóxica
das organizacións estudantís nacionalistas dende o
nacemento de ERGA, e garantindo a continuidade e a experiencia política,
a nível organizativo, en toda a etapa estudantil na loita
por un ensino galego, público, democrático e de calidade.
A creación dunha organización onde
se aglutine ao estudantado de ensino medio e universitario vén
de vello, e é un debate que nas organizacións se ten
dado durante moitos anos en forma de unificación dos CAE-CAF.
Mais neste último período apostamos por dar un salto
cualitativo e cuantitativo no deseño e obxectivos que debe
de cumprir esta organización. Sabedores de que cunha mera
unificación non chegabamos a todo o estudantado que tivese
ganas de organizarse ou que potencialmente puidese loitar por un
ensino público, galego, democrático e de cualidade
foi polo que nos decidimos a apostar pola creación da nova
organización do estudantado galego.
Así temos definido que o modelo de participación
nela siga a ser o modelo aberto, que agora teñen ambas organizacións,
tendo de base a estrutura do comité, que posibilite a colaboración
e integración do estudantado que queira participar e sendo
o foro de debate dos problemas do ensino en xeral e de cada centro
en particular.
Mais unha organización estudantil como a
que pretendemos sería afuncional sen unha diferenciación
interna dos dous ámbitos claros de actuación da mesma
(tal e como xa temos aprobado a través do seu modelo organizativo
na asemblea dos CAF-CAEF de Coruña e CAE en Santiago no ano
2000) : ensino meio e universidade. Estes dous ámbitos responden
á especificidade das problemáticas e dinámicas
que neles se manifestan. Por esta razón o esquema organizativo
máis axeitado e o dunha organización de carácter
federal, con estruturas propias de ensino meio e universidade pero
con órganos de dirección común a nível nacional
e comarcal.
Debemos ser capaces ademais de saber aproveitar
as posibilidades que este proceso nos pode ofrecer: un reforzamento
do nacionalismo estudantil a todos os níveis, mais especialmente
no ensino non universitario (que agora mesmo vive un momento de
febleza organizativa e carencia de recursos). Garantir un movemento
estudantil forte en ensino medio garante tamén a continuidade
do proxecto no ámbito universitario e a entrada de novos
militantes nacionalistas xa formados. É preciso asumir tamén
que este proceso constituínte debe ir paralelo a un reforzamento
do traballo en ambas organizacións (CAF e CAE), polo que
aínda concedéndolle a este a importancia que se merece,
non debe eclipsar o día a día da súa actuación.
É fundamental portanto, dende os CAF, marcarse
como obxectivo superar anteriores dinámicas viciadas e dar
pasos en firme conxuntamente cos CAE, de cara a non adiar máis
o debate e constituír o antes posíbel a nova organización
do estudantado nacionalista.
Impulsando, orientando e formando parte activa deste
proceso con seriedade organizativa, valorización da capacidade
de actuación social e co aumento da incidencia política
práctica baseada na interrelación co estudantado e
na resposta contundente dende unha perspectiva nacionalista aos
problemas que lles afectan, son o mellor contributo dos CAF- CAEF
á creación desta organización. Pois non só
somos conscientes de que aporta unha solución á situación
actual sendo froito da necesidade, da súa utilidade instrumental
e do seu carácter vocacional de servizo ao País senón
que tamen fai que o proxecto nacionalista continúe dando
os seus froitos no ensino e para que as organizacións xuvenís
nacionalistas sigamos sendo referencia na defensa dun ensino galego,
público, democrático e de calidade.
4. Finanzas
Na última Asemblea Nacional dos CAF-CAEF discutiamos
varios aspectos do noso funcionamento respeito ás finanzas
e entre outras cuestións analizabamos que a escaseza de cartos
a nível nacional derivaba nun sobre esforzo do campus de
Compostela que era o que maioritariamente asumía eses custes,
facendo que aínda se rematasen de pagar o ano pasado as débedas
acumuladas, froito dunha mala previsión na tiraxe de exemplares
para as campañas.
Así, naquela Asemblea Nacional analizáronse
estes problemas entre outros, e tomáronse unha serie de decisións
en vista a que posibilitaran maiores ingresos e unha mellor xestión
dos cartos cos que conta a organización.
Un destes acordos foi o da creación da caixa
nacional onde cada campus aportase na medida das súas posibilidades
unha cantidade de cartos que permitise contar con diñeiro
líquido a nível nacional. A dificultade de que os
campus teñan cartos en metálico polo tipo de funcionamento
que teñen as universidades á hora de concedernos as
subvencións levounos a que cada campus asumira rotatoriamente
as campañas ou actividades que a nível nacional se
fosen facendo. Isto foise cumprindo en maior ou menor medida ao
longo destes anos mais temos que seguir na liña da mellora
neste funcionamento, xa que somos unha organización nacional
e estas actividades son tan propias dos campus como as que cada
campus elabora. Ademais, temos que ter presente que na medida en
que unifiquemos campañas a nível nacional estaremos
reducindo os costes das mesmas e aumentando a rendibilidade das
limitadas subvencións (sirva como exemplo o feito en campañas
eleitorais).
É por iso que temos que ser conscientes da
importancia de contar con un cantidade de cartos a nível
nacional para facer fronte a calquer improviso que poida surxir
ou a calquera necesidade que algún campus poida ter nun determinado
momento, como xa ten sucedido como cando se lle negaban as subvencións
aos CAF-CAEF da Coruña no período de Meilán
Gil, xa que somos unha organización a nível nacional
e dende a organización tense que apoiar tamén económicamente
aos campus que teñan problemas, máis febles organizativamente
ou con menos recursos.
Outra das liñas de traballo que melloramos
neste último periodo é a das subvencións. A
nível nacional, e nos propios campus fomos aumentando o número
de subvencións e mantendo unha constancia en cada unha delas,
máis temos que seguir mellorando a nível dos campus
na solicitude das ofertadas polas universidades e preparándoas
adecuadamente xa que de aquí provén o groso do finanzamento
dos CAF-CAEF e coordinándose a través das Asembleas
de Universidade para mellorar nos proxectos e evitar a duplicidade
por campus.
Tamén neste período cun novo goberno
na Xunta da Galiza debemos solicitar todo tipo de axudas que oferten
as administracións públicas e as que a nosa organización
poida acollerse, ademais tendo en conta as importantes áreas
que ostenta o nacionalismo, xa que o anterior goberno do PP non
apoiaba as organizacións estudantís e moito menos
recoñecía que os CAF-CAEF somos a primeira organización
estudantil do noso País non só por representación
institucional senón por traballo real nas Universidades.
Así mesmo debemos mellorar o noso traballo na petición
de subvencións a outro tipo de institucións, a nível
local, ás propias deputacións ou mesmo a nível
europeo.
No referido a venda de material propio xa temos
analizado que non sendo a nosa fonte de ingresos principal, e incluso
en ocasións unha fonte de inversión e gasto, é
necesario que sigamos elaborando, e sempre de xeito racional, material
para pór á venda e incluso para distribuír
de balde (en charlas, actos, concertos...) como unha forma de propaganda
da nosa organización e como axuda para financiar futuras
edicións de material propio.
5. Principios organizativos
Os principios organizativos que nos definen son:
1. Democracia: Os CAF-CAEF adoptan o principio de
democracia como raíz de toda a súa actuación.
Consecuencia del e tamén condición previa é
a participación activa de todas e todos os membros. Este
principio, non se pode entender restrinxido a toma de decisións
en órganos asemblearios ou colexiados, ou ao control que
de ditas decisións se faga, senón que exixe a participación
na execución dos acordos e nas actividades que deles se deriven
pois democracia e tamén responsabilidade.
É condición necesaria para todo isto a circulación
fluída de información entre os distintos ámbitos
e órgaos que compoñen a nosa organización de
xeito que se garanta o maior fundamento posíbel nas posicións
a tomar e nas actuacións, así como maior amplitude
e pluralidade nos debates. A democracia interna como principio reitor
do noso funcionamento, admite a discrepancia interna e pública
e o respeito ás opinións maioritarias.
2. Asemblearismo: o funcionamento democrático
da organización recae noutro principio básico como
é o asemblearismo.
a) O máximo órgano de decisión e participación
dos CAF-CAEF é a Asemblea Nacional, sendo no ámbito
de cada campus a
Asemblea de Campus. Todas/os os membros dos CAF-CAEF teñen
dereito a participación na A.N e cada campus na correspondente
A.C
b) Son membros dos CAF-CAEF todas aquelas que desenvolvan a súa
actividade no seo da organización, compartan os seus principios
políticos e organizativos e sexan así recoñecidas
polo seu respectivo comité.
c) Para garantir e efectivizar os acordos das asembleas, os CAF-CAEF
dótanse de óganos colexiados de carácter executivo:
Consello Nacional e Consello de Campus.
Tamén se poderán dotar de órganos de carácter
técnico-organizativo para unha mellor execución do
traballo como comisións estábeis ou conxunturais de
traballo.
d) As responsabilidades serán de tipo persoal. Sen prexuízo
da responsabilidade xenérica e individual de cada membro
dos CAF-CAEF, existirán unhas responsabilidades concretas
e estábeis asignadas a persoas determinadas. Deste xeito
reforzarase o compromiso individual e permitirase unha mellor avaliación
dos obxectivos que se teñan marcado, así como unha
información máis fluída. Estas responsabilidades
serán revocábeis e controladas polos órganos
competentes da organización.
3. Autonomía: Na aplicación deste principio,
diferencianse dous planos.
a) Creación e planificación dun proxecto político
estudantil propio definido integramente dende os CAF-CAEF. Autonomía
polo tanto de toda institución, partido político ou
colectivo alleo aos propios CAF-CAEF.
b) Autonomia dos Comités de Centro: gozarán de plena
soberania á hora de definir e actuar no ámbito do
seu centro, tanto para os temas con unhas competencias que lles
sexan exclusivas como para a aplicación das liñas
políticas emanadas da A.C que lle corresponda e da A.N no
seu centro. Deste xeito garántese unha mellor adaptación
das actuacións dos CAF-CAEF á realidade existente
de cada centro.
Non obstante a súa actuación estará condicionada
polo respeito ás liñas políticas que nos órganos
superiores se teñan elaborado.
4. Liña única:
a) Os CAF-CAEF dotaranse dunha única liña de traballo
que orientará a sua actividade entre Asembleas Nacionais
ou de Campus no seu caso. A liña única será
a plasmación das posicións maioritariamente asumidas
pola organización sen prexuízo de que no proceso de
definición o obxectivo inicial sexa a busca do consenso.
b) A liña única non exclúe a pluralidade, todas
as posturas poderán ser definidas en todo momento no seo
dos CAF-CAEF. garantíndose ademais da discrepancia interna
a pública, excluíndo os casos concretos en que isto
implique unha actuación contradictoria ou imposibilitadora
dos obxectivos maioritariamente definidos. Entendemos este principio
como un dos avais fundamentais do carácter democrático
dos CAF-CAEF.
5. Flexibilidade: A estrutura organizativa, a toma
de decisión e as actuacións dos CAF-CAEF deben de
adaptarse as necesidades que en cada momento se determinen e a realidade
en que nos involucramos facendo da nosa organización un verdadeiro
instrumento de intervención social, áxil, dinámico
e creativo. Flexibilidade é, en definitiva, a adaptación
a situacións variábeis tanto internas como externas.
Respectando as decisións adoptadas pola Asemblea Nacional.
6. Organización nacional:
a) Os CAF-CAEF son a organización nacional do estudantado
universitario galego e desenvolve a súa actividade en todo
o territorio nacional.
b) Para dar operatividade a este principio a organización
estrutúrase nos sete campus da Galiza: Ferrol, A Coruña,
Lugo, Santiago de Compostela, Pontevedra, Vigo e Ourense.
c) Dentro de cada campus a organización estrutúrase
por centros ou agrupacións de centros segundo aconsellen
as circunstancias.
6. Dos órganos internos dos CAF-CAEF
1. Asemblea nacional(A.N):
a) É o máximo órgano de decisión dos
CAF-CAEF. Reúnese con caracter ordinario unha vez ao ano
e con carácter extraordinario cando así o convoque
o CN a petición dos 3/5 do mesmo ou dos 2/3 dunha asemblea
de universidade.
b) Son competencias da A.N:
· Definir os principios políticos e organizativos
dos CAF-CAEF
· Elaborar e aprobar a liña política que orientará
a actuación dos CAF-CAEF entre A.N.
· Elixir o C.N, así como controlar o seu traballo.
· Decidir sobre todas aquelas cuestións que como máximo
órgano de decisión nacional se lle poidan apresentar.
2. Consello nacional (C.N):
a) C.N é o máximo órgano executivo entre A.N
e é polo tanto o encargado de efectivizar a liña política
emanada da A.N.
b) O C.N é un órgano colexiado que se compón
de doce membros eleitas/os pola A.N e polos responsábeis
de cada campus, que son as e os membros natos do propio C.N con
dereito a voto.
c) As responsabilidades persoais do C.N serán cando menos:
Organización, secretaría, finanzas, publicacións,
institucional e relacións internacionais.
d) O/A responsábel nacional de finanzas poderá reunir
as/os responsábeis de cada campus co obxectivo de acadar
unha mellor distribución dos recursos entre todos os campus.
e) O C.N celebrarase ordinariamente no local nacional, aínda
que poderá transladarse a outros emprazamentos cando se estime
necesario.
f) As xuntas do C.N serán convocadas por escrito pola secretaria/o
do CN, facendo constar a orde do día que non poderá
ser modificada sen acordo dos membros do mesmo. Ditas xuntas serán
abertas.
3. Asembleas de universidade:
É o órgano de coordenación entre os distintos
campus de cada universidade, sendo competente no marco de actuación
que lle é propio. A súa periodicidade dependerá
das necesidades que en cada caso se estimen oportuno, aplicándose
neste caso o principio de flexibilidade. Poderá ser convocada
cando exista acordo entre as A.C afectadas.
4. Asembleas de campus (A.C):
a) A A.C é o máximo órgano de decisión
do ámbito de cada campus.
b) Reunirase como mínimo unha vez cada mes, e será
convocada pola propia A.C, polo C.C ou a petición de 1/3
dos Comités. Dita convocatoria deberá incluír
unha orde do día que será transmitida con antelación
suficiente as/os membros dos CAF-CAEF. c) Son competencias da A.C:
· Executar as liñas políticas emanadas da A.N
así como as resolucións do C.N
· Definir a liña política no ámbito
do campus
· Elexir as responsabilidades de campus
· Controlar o labor do C.C.
· Crear aquelas comisións ou responsabilidades persoais
no C.C que estime precisas.
5. Consellos de campus (C.C)
a) É o organo de coordenación básico entre
comités e o máximo órgano entre A.C.
b) Son membros natos do C.C as/os membros do C.N, unha/un representante
que será estábel por cada comité de centro
e aquelas que sexan nomeadas pola A.C para encarregarse de responsabilidades
individuais. O C.C dotarase daquelas responsabilidades persoais
que precise.
c) Son competencias do C.C:
· Executar a liña politica da A.N e da A.C así
como as resolucións do C.N no seu ámbito.
· Representar no seu ámbito aos CAF-CAEF entre asembleas.
· Dotarse daquelas comisións de traballo que sexan
convenientes.
· Tomar aqueles acordos necesarios para acadar os obxectivos
que os CAF-CAEF teñan fixado.
· Coordenar a actividade dos comites de centro.
· Todas aquelas que expresamente deleguen nel os órganos
de rango superior. d) O C.C tenderá a xuntarse unha vez á
semana, as súas reunións serán abertas e constarán
dunha orde do día estabelecida na sesión anterior.
6. Comités de centro:
a) Os comités de centro son as estruturas básicas
de participación e discusión e que constitúen
o eixo organizativo dos CAF-CAEF.
b) Reuniranse coa periodicidade que establezan as/os membros, pero
sempre con regularidade tendendo a facerse unha vez por semana,
sempre no mesmo local e anunciándoo publicamente
c) Os comités organízanse internamente como decidan
pero seguindo o principio de horizontalidade e os principios organizativos
dos CAF-CAEF.
d) Son funcións dos comités de centro:
· Servir de encadre ao conxunto de estudantes que o compoñan.
· Discutir previamente a política a aplicar pola organización
nos diversos ámbitos do seu centro.
· Aplicar no seu ámbito a liña politica emanada
A.N, da A.C e os acordos do C.N e do C.C
· Tomar decisións no seu ámbito sempre que
estas non contradigan os principios xerais definidos no ponto anterior.
En xeral son soberanos na aplicación das liñas aprobadas
nas A.N e A.C no que respeita ao seu centro, menos naqueles temas
que, aínda sendo de aplicación no seu centro, respostan
a unha actuación global no conxunto do campus, da universidade
ou das tres universidades.
· Nomeadamente son de ámbito dos comités desenvolver
as tarefas dentro das institucións do seu centro, a política
revindicativa específica do seu ámbito, a política
cultural e organización interna do comité, así
como outras campañas sempre e cando e para todos os casos
non estén en contradición coas liñas marcadas
polos órganos superiores.
· Elixir unha representante estábel para o C.C.
TESE DE ACCIÓN ESTUDANTIL
Temos analizado en liñas anteriores, concretamente
ao longo da tese política, os cambios e tamén os problemas
aos que se enfronta o estudantado galego e nomeadamente os CAF-CAEF
como organización estudantil nacida para defender os intereses
do estudantado que progresivamente demostra menor implicación
na vida universitaria fóra do estritamente académico;
ademais de actuar baixo un perfil en que o pasotismo e/ou o acriticismo
semellan un imperativo do actual sistema universitario.
A tese de acción estudantil ten como obxectivo
concretar a metodoloxía de traballo dos CAF-CAEF baseada
nuns principios ideolóxicos e organizativos. É dicir,
consiste na definición dos distintos ámbitos de traballo
sobre os que actuamos así como os mecanismos de actuación
e ferramentas empregadas coa finalidade de trasladar ao estudantado
os obxetivos que nos plantexamos e de conquerir avances prácticos
na loita por un ensino galego, público, democrático
e de calidade; atendendo sempre ao momento político e á
situación do movemento estudantil que analizamos.
Deste xeito, artellaremos un protocolo de actuación
e incidencia estudantil, co fin de tentar equiparar as reivindicacións
da maioría das universitarias e universitarios coas exixencias
da organización.
1. Ámbitos de actuación
dos CAF-CAEF
Escolas e facultades
Os centros son o lugar onde os estudantes desenvolven a maior parte
da súa vida na universidade. Alí é onde teñen
as aulas e onde se relacionan entre si. Polo tanto é nos
centros, onde se produce a interrelación dos CAF-CAEF co
estudantado e por iso os comités abertos de centro son a
base da estrutura dos CAF-CAEF, xa que é nos centros onde
a nosa presenza debe ser visíbel e referencial, e as nosas
campañas e actividades unha realidade.
O traballo de centro debe focalizarse na dinamización
da vida do centro, en buscar a implicación e a participación
do estudantado e en dar a coñecer o proxecto político
do nacionalismo ao mesmo conseguindo a súa identificación
con el a traves do noso traballo. Cada comité debe traballar
coa problemática específica do seu centro: analizar
as eivas de instalacións e material, os plans de estudo,
as reformas que afecten ás carreiras impartidas alí,
os servizos (cafetaría, reprografía...), os problemas
co profesorado... Ademais correspóndelle aos comités
o desenvolvemento final das campañas de campus e nacional
no seu centro, cunha participación activa nestas e non limitándose
só á colada de cartaces ou non implicándose
de toda esta actividade.
É por iso que os comités deben de manter
unha periodicidade moi curta para a colectivización do traballo
e o seu seguimento continuado. É importante que se formalicen
as reunións do comité, tendo unha data e unha periodicidade
fixa, publicitándose no centro e preparando os asuntos a
tratar. Despois cada membro dos CAF-CAEF debe de traballar a prol
dos obxectivos marcados de forma comprometida na medida das súas
posibilidades.
Hai que pular pola consecución de locais e
facer deles lugares abertos de participación real de todo
o estudantado. Os CAF-CAEF debemos de transformar este espazo nun
lugar de actividade, participación, información, asesoramento,
axuda... Debemos de estar presente nos locais e transformalos en
puntos de referencia para todo estudantado, confrontando este modelo
participativo ao delegacionismo.
Campus
A estrutura de campus é a estrutura que dá cohesión
aos CAF-CAEF. Por iso hai que garantir o funcionamento de asembleas
e consellos de campus, para non ter un funcionamento atomizado e
irregular.
É necesario pular pola asistencia regular dos membros dos
CAF-CAEF ás asembleas para garantir un debate rico e unha
boa definición das liñas de actuación. Porén,
o consello de campus debe de ser un órgano áxil para a
colectivización do traballo de campus, o seguimento e a coordenación
do traballo dos comités e a resposta inmediata a cuestións
puntuais.
O consello de campus é o que ten de responsabilizarse do
impulso e apoio daqueles comités máis febles e da
realización de actos e a difusión das campañas
naqueles centros onde non temos presenza. Dentro do consello de
campus hai que destacar o papel dos reponsábeis de comité
como enlaces fundamentais que garanten a vertebración da
organización.
Nacional
Os CAF-CAEF somos unha organización máis no movemento
nacionalista na loita pola liberación nacional e social da
Galiza. Isto implica a necesidade de sermos unha organización
nacional para poder darmos unha resposta conxunta ás agresións
á Universidade Galega e aos dereitos do estudantado. Isto
quer dicer, que ser unha organización nacional vai máis
alá que unha mera coordenación da actividade dos campus
e que é preciso contestar aquelas cuestións que afectan
a todo o país. De non cumprirmos isto o |