Normativa Académica
de Avaliacións, de Cualificacións e de Reclamacións
(Aprobado en Consello de Goberno 02/06/2006)
PREÁMBULO
A presente normativa ten como obxecto a regulación
dalgúns aspectos da organización docente dos centros,
da realización dos exames, da publicidade das cualificacións
e dos procedementos de revisión e de reclamación destas
cualificacións.
Esta normativa seralles de aplicación a todas
as avaliacións que realizaren os/as estudantes matriculados/as
nas titulacións oficiais que se impartan no distintos centros
da Universidade da Coruña.
I. ESTRUTURA DA DOCENCIA
Artigo 1. Cada centro ou cada curso rexerase por
un horario semanal de actividades académicas que, cando menos,
incluirá horas teóricas, horas prácticas e
horas de titoría.
Artigo 2. O horario das actividades académicas,
así como as datas e os horarios dos exames en convocatorias
oficiais debe ser aprobado pola Xunta de Centro ou Comisión
en quen delegar e publicado para cada curso académico con
antelación ao comezo deste.
Artigo 3. Antes do comezo de cada curso académico,
o centro porá á disposición do alumnado a información
que for aprobada polos departamentos sobre cada unha das materias
que se imparten nas diferentes titulacións. Esta información,
remitida polos departamentos, incluirá como mínimo
para cada materia os seguintes datos:
- Profesor/a ou profesores/as que se van encargar
da súa docencia. Indicarase –se for o caso– o/a
profesor/a responsable desta, tanto para as clases teóricas
como para as prácticas ou, de ser o caso, os traballos tutelados.
- Idioma en que se impartirá.
- Obxectivos, programa e bibliografía básica.
- Características, tipo de avaliación que se vai realizar
e criterios requiridos para esta avaliación.
Os centros encargaranse da coordinación docente
a nivel interdepartamental e programarán todos os demais
aspectos necesarios para o bo desenvolvemento da actividade docente.
Artigo 4. Os horarios de titoría e de atención
ao estudantado para cada profesor/a serán publicados polos
centros na primeira semana de cada cuadrimestre. As modificacións
dos horarios de titorías deberán ser autorizadas polo
decanato ou pola dirección do centro e deberanlles ser comunicados
aos alumnos con suficiente antelación á realización
destas mudanzas.
Artigo 5. As titorías realizaranse durante
todo o período lectivo que está establecido no calendario
académico da UDC. De todas as formas, procurarase que estes
horarios garantan unha axeitada atención ao/á alumno/a
e o respecto á quenda (mañá/tarde) en que se
imparta a docencia do curso.
II. AVALIACIÓNS
Artigo 6. Todos/as os/as estudantes matriculados/as
nunha materia teñen dereito a seren avaliados de xeito obxectivo
nesta materia, de acordo cos criterios establecidos e publicados
con anterioridade ao inicio do curso académico. En cada unha
das convocatorias oficiais os criterios de avaliación deberán
quedar claramente establecidos.
Caso de se realizaren exames nunha materia será
de aplicación o previsto nos artigos do 7 ao 16 do presente
regulamento.
Artigo 7. A realización de exames parciais,
a entrega dos traballos, das memorias ou das outras actividades
necesarias para a avaliación dunha materia non deben interferir
no normal desenvolvemento da organización docente do resto
de materias do mesmo curso esteblecida polo centro.
Artigo 8. Os exames deberán levarse a cabo
nas mellores condicións posibles de lugar e de tempo. No
caso de estudantado con discapacidades, deberáselle facilitar
a realización das probas en condicións axeitadas ás
súas capacidades.
Os/as estudantes teñen dereito, se o solicitaren,
a dispor de copia do exame dunha materia en calquera dos idiomas
oficiais da UDC.
Artigo 9. Cando a duración prevista dun exame
for superior a 4 horas dividirase en sesións, entre as que
debe transcorrer un período non inferior a 30 minutos, sen
que ningunha delas exceda das 4 horas.
O/a decanato/dirección do centro poderá,
excepcionalmente, autorizar motivadamente a realización de
exames que non se ateñan a estas limitacións temporais.
Artigo 10. Antes da entrada, ou en calquera momento
dos exames, poderase requirir a identificación dos/as estudantes.
A identificación realizarase mediante calquera documento
oficial ou mediante a tarxeta de estudante.
En calquera caso, o/a profesor/a debe ter constancia
da identidade do alumnado que se presenta a un exame.
Artigo 11. Os/as estudantes teñen dereito,
se o solicitaren, a un xustificante documental asinado polo/a profesor/a
que acredite que se presentaron ao exame.
Artigo 12. Na realización dos exames estará
presente o/a profesor/a responsable da materia, agás nos
casos que estiveren xustificados ou autorizados. Nestes casos, a
persoa que o substitúa será un/unha docente, preferentemente
da mesma materia ou da mesma área de coñecemento,
e debidamente informado/a sobre o exame.
Artigo 13. De se producir algunha das seguintes causas,
debidamente xustificada, enfermidade ou lesión que incapacite
para a realización do exame, falecemento dun familiar ata
o segundo grao, citación xudicial que coincida coa data do
exame, asistencia a unha sesión do Claustro ou do Consello
de Goberno da UDC que coincida coa data do exame, o/a estudante
terá dereito a realizar o exame nunha data distinta da ordinaria.
A nova data do exame, que en ningún caso será
posterior á data límite establecida para a entrega
das actas desa convocatoria, fixarase por acordo entre o/a profesor/a
e o/a alumno/a; caso de desacordo, decidirá o decanato ou
a dirección do centro, tras seren consultados os/as alumnos/as
e os/as profesores/as implicados/as.
Entre as datas de acordo e de realización
do exame deberá transcorrer un mínimo de 48 horas.
O novo exame terá unhas características en todo similares
ao realizado na data ordinaria.
Calquera outra circunstancia quedará ao criterio
do profesor. En caso de conflito decidirá o/a decanato/dirección
do centro.
Artigo 14. Os exames das convocatorias oficiais (tanto
ordinarias como extraordinarias) deberán ser realizados nas
datas e nos horarios que foren aprobados pola Xunta do Centro ou
Comisión en quen delegar con anterioridade ao comezo do curso
e conforme ao calendario académico xeral da Universidade.
No caso de imposibilidade sobrevida, o decanato ou a dirección
do centro resolverá sobre a realización do exame,
que haberá de realizarse, agás por imposibilidade
manifesta, dentro do período de exames que estiver establecido,
despois de seren escoitadas as persoas representantes do alumnado
e o profesorado responsable da materia ou, de ser o caso, o departamento.
A este acordo daráselle publicidade no taboleiro
oficial e na páxina web do centro para o coñecemento
de todo o estudantado afectado coa antelación suficiente.
Artigo 15. Se a realización dun exame se atrasar
(sen aviso previo ao centro) máis de sesenta minutos por
ausencia do/a docente ou se a súa realización se vir
interrompida sen posibilidade de continuala, o estudantado poderá
solicitar que o exame teña lugar nunha data distinta previamente
acordada co/coa profesor/a. Caso de conflito, decidirá o
decanato ou a dirección do centro a data de realización,
á que se lle dará a oportuna publicidade coa suficiente
antelación.
Caso de incomparecencia, o decanato ou a dirección
do centro requiriralle por escrito ao profesor a oportuna xustificación.
Artigo 16. Se durante a realización dun exame
os/as profesores/as responsables que se acharen neste detectan fraude
ás normas establecidas por parte do/a estudante, poderán
proceder á súa expulsión, sen prexuízo
das responsabilidades disciplinarias ás que puidese haber
lugar.
III. CUALIFICACIÓNS
Artigo 17. O estudantado ten dereito a ser avaliado
con garantías de equidade e de xustiza e mais de acordo co
programa que se impartiu.
No caso de se realizaren exames orais, estes terán
carácter público ou deberán ser gravados. Antes
do inicio das probas orais faranse públicas as quendas para
a súa realización.
Artigo 18. No momento de realizar o exame o/a profesor/a
deberá especificar os criterios de puntuación da proba
e a duración desta.
Artigo 19. As probas, as prácticas, as memorias,
os traballos e os exames que sirvan para a avaliación do/a
estudante deberán ser corrixidos e cualificados na súa
integridade; as cualificacións destas probas, das prácticas,
dos traballos ou dos exames deberán facerse públicas.
Artigo 20. O procedemento de avaliación das
materias deberá especificar en que condicións o/a
estudante obterá a cualificación de apto, non apto
ou, se for o caso, non presentado.
Artigo 21. A realización fraudulenta dun exame
implicará a cualificación de suspenso (nota numérica
0) na proba, con independencia do proceso disciplinario que se puider
seguir contra o/a alumno/a infractor/a.
Artigo 22. Caso de substitución do/a profesor/a
encargado/a da materia, os seus procedementos de avaliación
e de control, así como os programas e os seus obxectivos
docentes, manteranse ata a finalización do curso académico.
Artigo 23. A realización dos exames de 5.ª,
de 6.ª e, de existir, de sucesivas convocatorias levarase a
cabo dentro do marco normativo vixente e do procedemento que, dentro
das súas competencias, establecer a Xunta de Facultade ou
Escola.
Artigo 24. As cualificacións dos exames parciais,
das probas, das prácticas, dos traballos e das memorias que
sirvan para a avaliación do/a estudante publicaranse, como
mínimo, sete días antes da realización do exame
final da materia, se o houber.
Artigo 25. As cualificacións provisionais
finais de cada materia deberán facerse públicas con
anterioridade á data máxima que está fixada
para a sinatura das actas da correspondente convocatoria.
Artigo 26. Caso de que un/unha profesor/a considere
que un exame é ilexible, deberá solicitar do/a alumno/a
a súa lectura antes de o cualificar.
IV. REVISIÓN DOS EXAMES
Artigo 27. Deberá publicarse a data, o lugar
e o horario en que os/as estudantes terán dereito a revisaren
as probas, os traballos e os exames que sirvan para a súa
avaliación, e a recibiren explicación razoada da cualificación
que obtiveron. A data de revisión deberá anunciarse
como mínimo dous días lectivos antes da súa
realización.
En todo caso, o período de revisión
deberá permitir que todos/as os/as estudantes que o desexaren
poidan estar presentes e ver o seu exame. A revisión terá
lugar antes da data límite de entrega de actas.
Artigo 28. A revisión levarase a cabo perante
o/a profesor/a ou perante o tribunal que corrixiu a proba, o traballo
ou o exame, agás nos casos que estean debidamente autorizados
pola dirección do departamento e do centro. O/a profesor/a
poderá solicitar a sinatura do/a alumno/a no exame que se
revisou. O/a estudante que así o desexar poderá solicitar
un xustificante de que acudiu á revisión.
Artigo 29. Unha vez que finalizou o prazo de revisión,
o/a profesor/a ou o tribunal publicará as cualificacións
definitivas.
Artigo 30. Caso de que desaparecese o material dun
exame antes de finalizar o prazo de revisión, o/a alumno/a
poderá solicitar a realización dunha nova avaliación
nunha data previamente acordada co/a profesor/a. Caso de conflito,
decidirá o decanato ou a dirección do centro a data
de realización.
V. RECLAMACIÓNS
Artigo 31. Os estudantes poderán reclamar
contra as cualificacións que obtiveron nas convocatorias
oficiais.
Artigo 32. Unha vez que se realizou a revisión
correspondente, se o/a alumno/a está desconforme coa cualificación
que lle concedeu o/a profesor/a ou o tribunal, poderá presentar
unha reclamación perante o decanato ou a dirección
do centro.
Artigo 33. As reclamacións perante o decanato
ou a dirección do centro poderán presentarse a partir
da data de publicación das cualificacións definitivas
e ata 10 días hábiles despois do remate do prazo establecido
no calendario académico oficial para a entrega de actas.
As reclamacións faranse mediante un escrito
que se dirixirá ao decano(a)/director(a) do centro que se
presentará no rexistro dese centro. O escrito deberá
motivarse na alegación dalgunha/s da/s seguinte/s circunstancia/s:
- Inadecuación entre os contidos do exame
e os previstos na guía docente (art. 3 deste regulamento).
- Utilización de procedementos/criterios de avaliación
distintos dos establecidos na guía docente da materia (artigo
3 do presente regulamento).
- Erros obxectivos na cualificación.
- Falta de cumprimento do establecido no artigo 27 deste regulamento.
Se a reclamación incumprir os requisitos especificados
neste artigo, o decanato ou a dirección do centro requirirá
ao alumno a súa emenda nun prazo de 5 días hábiles
que se contarán desde a súa notificación; se
transcorrido ese prazo non se proceder á emenda o decanato
ou a dirección do centro terá por desistido ao alumno
da súa reclamación.
Artigo 34. Dentro dos 2 días hábiles
seguintes á admisión a trámite da reclamación,
o decanato ou a dirección do centro solicitará ao/s
departamento/s responsable/s da materia un informe sobre a reclamación.
Para a elaboración do informe o departamento
nomeará unha comisión, que estará formada por
tres profesores/as de áreas competentes na materia obxecto
de reclamación (da área de coñecemento da materia
ou, de non ser posible, de áreas afíns) En ningún
caso poderá participar o/a profesor/a responsable da cualificación
da materia que se reclama, o cal, no entanto, deberá estar
informado da existencia da reclamación.
Para a constitución da comisión e a
elaboración do informe o departamento disporá de 7
días hábiles contados desde a recepción do
pedimento do decanato ou dirección.
Artigo 35. Dentro dos 5 días hábiles
seguintes á recepción do informe do departamento,
o decanato ou a dirección someterá o asunto á
comisión académica/docente do centro, que decidirá
tendo en conta as alegacións do/a estudante, do/a profesor/a
e o informe do departamento. En ningún caso poderán
participar na decisión nin o/a profesor/a responsable da
cualificación nin o/a estudante recorrente.
Artigo 36. A decisión adoptada notificarase
á persoa recorrente no prazo máximo de 5 días
hábiles desde a data da súa adopción.
Artigo 37. Cando unha reclamación for estimada,
o/a secretario/a do centro estenderá unha dilixencia en que
se faga constar a nova cualificación, o órgano que
resolveu e a data da resolución. Esta dilixencia contará
co visto e prace do/a decano/a ou do/a director/a do centro.
Artigo 38. Contra a resolución desestimatoria
da reclamación poderá interpoñerse un recurso
de alzada perante o reitor no prazo dun mes que se contará
a partir do día seguinte ao da súa notificación.
Artigo 39. A resolución do reitor porá
fin á vía administrativa. Contra ela, de conformidade
co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime
xurídico das administracións públicas e do
procedemento administrativo común, cabe interpoñer
un recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, que
se contarán a partir do día seguinte ao da súa
notificación, sen prexuízo de poder interpoñer
calquera outro recurso que se estimar procedente.
Artigo 40. Os/as profesores/as deberán conservar
os exames e o material que se utilizou para a avaliación
dos estudantes dun curso académico ata a finalización
do seguinte curso académico.
Os/as estudantes poderán solicitar a devolución
dos traballos e das memorias, que lles serán entregados unha
vez que finalice o prazo de custodia que se fixou con anterioridade.
As solicitudes realizaranse no último mes do prazo de custodia,
durante o mes de setembro.
Artigo 41. Caso de se interpoñer unha reclamación
ou un recurso, os exames e o material que se utilizou para a avaliación
da persoa que reclama deberán conservarse ata a resolución
do último dos recursos. Neste caso, a persoa encargada da
custodia será o/a decano/a ou o/a director/a do centro.
DISPOSICIÓNS ADICIONAIS
PRIMEIRA
Agás con fins exclusivamente docentes, e citando
inequivocamente a súa orixe, non se poderán empregar
os traballos orixinais que entreguen os estudantes para a súa
cualificación sen a autorización expresa dos/as alumnos/as.
SEGUNDA
O presente regulamento debe integrarse e interpretarse
no que está disposto nos Estatutos da Universidade da Coruña
e nas normas legais e regulamentarias sobre ensino universitario.
TERCEIRA
Os centros e os departamentos, atendendo ás
súas especificidades, poderán regular calquera outro
aspecto mentres que non contraveña o establecido neste regulamento.
DISPOSICIÓN DERROGATORIA
Quedan derrogadas as disposicións anteriores
que foren contrarias á presente normativa.
DISPOSICIÓN FINAL
O presente regulamento entrará en vigor na
data de comezo dos exames da convocatoria de xuño aprobada
polo Consello de Goberno da UDC para o curso 2005/06.
|