|



|
O idioma
na Universidade Galega
Ao achegarmonos á situación
do galego nas tres universidades debemos ter en conta tanto os usos
como as actitudes dos colectivos que as integramos: non só
o alunado, mais tamén especialmente o uso na docencia, xa
que este marca muitas veces o uso do galego entre os estudantes.
De revisarmos os dados que
nos fornecen as proprias universidades, podemos observar que a competencia
en galego é praticamente total o alunado, mais só
é lingua habitual de aproximadamente um terzo dos estudantes,
uns dados bastante homoxéneos en todo o país. Estes
dados contrastan co menor uso na escrita, o que leva a constatar
non só un uso ainda diglósico, senón tamén
o fracaso da Xunta na sua política lingüística
e a falta de apoio das Universidades ao noso idioma para facilitar
o uso escrito dos galegofalantes, como os escasísimos textos
técnicos á sua disposición, logo de muitos
anos. Entre o profesorado nas aulas a situación varía
por universidades: mentres o da U. Vigo ten uns índices de
uso perto do 30% na docencia, a USC non pasa do 17%, mentres que
a UdC só o 12% se imparte na nosa lingua.
Mais estes dados na docencia
non se corresponden coas actitudes favorábeis á lingua:
todo o alunado galego mostrase a favor de incrementar a docencia
en galego, até esta ser a lingua maioritaria do ensino. Así
o reflecten os estudos, o que unido á demora histórica
na normalización por parte das sucesivas reitorias, que non
teñen redactado planos de normalización até
hai escasos anos, mesmo a UdC sen un nesta altura, debido a máis
de dez anos de Meilán Gil como reitor, fan urxente unha implicación
total para converter en realidade algo que na nosa organización
levamos reclamando con todo o estudantado desde sempre: um ensino
en galego. Así, as perspectivas son boas se existe un compromiso
real, e as medidas imediatas son muitas: á parte da total
galeguización interna e externa de todo o material da Universidades
ou de garantir onde se desdobren grupos que sempre exista un en
galego, criar comisións de normalización a nível
de centro ou planos a nível de universidade como medidas
iniciais, nas aulas é hora de criar prazas de perfil lingüístico
vinculadas á docencia en galego para garantir un direito
que é sistematicamente vulnerado: estudar no nosso país
no nosso idioma.
Os CAF-CAEF, desde o noso
compromiso absoluto coa lingua desta nación, seguiremos a
exixir o cumprimento de todos as medidas xa existentes, seguiremos
apoiando todas as iniciativas que xurdan a prol do idioma e seguiremos
reclamando os nosos direitos lingüísticos até
termos, ademais de púbico e de cualidade, un ensino galego.
|