| Contra a imposición
do Decanato!
Paremos o Plano!
Os CAF-Políticas informan sobre o cambio
de plano de estudos. Ante a caótica situación que
a nosa facultade está a padecer, os CAF queremos denunciar:
1º.-Que a nosa postura sempre estivo,
está, e estará en contra da imposición antidemocrática
e homoxeneizante do denominado Espazo Europeo de Educación
Superior.
2º.-Que en lóxica co anterior, votaremos
en contra de calquera proposta de cambio de plano de estudos, que
se efectúe baixo o auspicio de Boloña.
3º.-Que o proceder da actual equipa decanal
revela un nivel de incompetencia preocupante por:
· Porque se nos convidou a participar dunha
“reunión informal” para facer achegas ao novo
plano con menos dun día de marxe. Ante esta situación,
negámonos a participar dunha pantomima orquestada coa intención
de dotar ao proceso dun berniz participativo, que servira para lexitimar
un procedemento que para nós, está irremediabelmente
viciado de nulidade.
· Porque ademáis de prescindir do estudantado
para un tema que nos afecta de cheo, centra todos os seus esfozos
en silenciar sistematicamente as fatais consecuencias dun eventual
cambio de plano, fomentando entre o estudantado unha sensación
de incertidume e un máis que xustificado alarmismo.
· Porque nun exercicio de malintencionado
oscurantismo, pretende abordar a reforma do plano sen contar con
ninguén, procurando para isto a peor das datas, durante a
campaña electoral das eleccións á Xunta de
Facultade.
· Porque detrás da selección
deste procedemento, subxace a inequívoca intención
de amordazar ao estudantado con insinuacións máis
ou menos veladas, e desmovilizalo con constantes apelacións
ao carácter presuntamente “inevitabel” da devandita
reforma.
· Porque o procedemento empregado respecto
da decisión de cambio de plano estudos, foi realizado ao
marxe non só das canles de toma de decisión correspondentes
(Áreas, Departamentos, Xunta de Facultade…) senon tamén
dos resortes non institucionais da faculdade, axentes dos que en
ningún caso se pode prescindir.
· Porque pretende acometer en menos dunha
semana, unha reforma que afectará a 705 estudantes de CC.
Políticas, co único desexo de satisfacer os compromisos
adquiridos con organismos alleos aos órganos de goberno da
USC, en detrimento dos dereitos do estudantado
· Porque a equipa decanal, ofreceu en sacrificio
a nosa facultade, para que fora empregada como probeta de experimentación
de Boloña nun proxecto piloto deseñado, non en órganos
universitarios, senón en plataformas españolas que
responden a intereses corporativistas, cando non a intereses persoais
da propia equipa decanal.
· Porque en ningún caso a equipa decanal
está sendo quen de garantir cales serán as consecuencias
reais e efectivas da implantación do novo plano en cada un
dos cursos.
· Porque o único que garante a equipa
decanal, é que para o vindeiro curso se establecerá
o chamado “volcado”, isto é, a implantación
non gradual do plano, obrigando ao estudantado a escoller entre
cambiarse ao novo plano ou quedar co vello. Agora ben, o decanato
ocúltalle de xeito malicioso ao estudantado, que aquelas/es
que non se sometan ao novo plano perden o seu dereito a docencia,
e con este perden, as titorías, os puntos das prácticas…Unicamente
garanten, o dereito a exame.
Por todo isto, os CAF, queremos deixar claro:
1º.-Que os membros dos CAF na xunta de faculdade,
nunca serán cómplices, por acción ou omisión
dos atropelos da actual equipa decanal.
2º.-Que nos negamos rotundamente a ser empregados
como coellos de indias polos poderes fácticos da faculdade,
que nos embarcaron pola súa conta, nun proxecto piloto sen
contar coa opinión do estudantado, única e exclusivamente
para alimentar o seu insaciabel ego e ansias de protagonismo provinciano.
3º.-Que non existe ningún argumento que
sirva para atenuar ou eximir ao decanato do 100% da responsabilidade
do acontecido e das eventuais repercusións que se poidan
derivar da súa xestión. As reformas necesarias para
a implantación do Espazo Europeo de Educación Superior
son por todas/os coñecidas dende fai tempo, e só se
xustifica a actual situación, dende a consciencia para facernos
comulgar co seu credo, ou dende a máis absoluta das neglixencias
4º.-Que dende os CAF chamamos ao profesorado
a que adopte unha posición de forza en contra desta clase
de actuacións. Non facelo, sería outorgarlle carta
de natureza a vindeiras actuacións do decanato, que quedaría
blindado ante futuras críticas. Non se trata de promocionar
motíns ou conxuras palaciegas, trátase porén,
en non darlle patente de corso a unha equipa decanal en franca decadencia.
5º.-Que á vista das circunstancias, os
CAF entendemos que o proceso está viciado de nulidade, polo
que non aceptaremos participar de ningún diálogo co
que se pretenda subsanar unha desfeita que xa non ten volta atrás,
e que en todo caso, pretende ser realizado dende un clima de imposición
e autoritarismo.
6º.-Que ao noso entender, a actual equipa decanal
carece de credibilidade para levar adiante ningunha reforma de calado
na facultade, máxime cando procurando converterse nunha sorte
de vangarda inquisidora, fai deixación das súas funcións
de velar polo bo funcionamento da Facultade.
|