|
Manifesto: Polo dereito a vivirmos en galego
As persoas e entidades que
apoiamos a manifestación nacional “Polo dereito a vivirmos
en galego” este 18 de maio de 2008, declaramos:
1) Consideramos que vivir en
galego é un dereito inalienábel das persoas na Galiza,
e un dos dereitos humanos elementais que temos como pobo. Lembramos
que o galego é o único idioma natural de Galiza, e
que mesmo o Estatuto de Autonomía o cualifica como “a
lingua propia” do país, o que nos une como galegas
e como galegos. O pobo galego ten dereito a que a súa lingua
ocupe todos os ámbitos da vida social propios de calquera
idioma, con dignidade e con normalidade.
2) Consecuentemente, deben
existir as garantías para podermos vivir en galego, o que
exixe compromisos, así como a aplicación e a adopción
das disposicións legais necesarias por parte das Administracións
públicas.
3) Denunciamos e alertamos
contra os que, apuntándose agora á defensa dun suposto
bilingüismo, un bilingüismo dunha soa cara, pretenden
unicamente o mantemento da diglosia e a desaparición do galego.
Ou, o que é o mesmo, a negación do dereito colectivo
á normalidade de usos da nosa lingua en todos os ámbitos.
4) Chamamos ao compromiso persoal de todas e todos
coa lingua galega. Usémola en todos os ámbitos: comezando
pola familia, coas nosas nenas e nenos, no noso traballo, nas relacións
coa administración, no noso tempo de lecer, etc. O futuro
do galego depende de nós.
|