á portada
á portada de de onde vimos?

á portada

envíanos un correo

imprimir

voltar

Anteproxecto de LOU do PSOE:
Máis do Mesmo

No curso 2001- 2002 presentábase a Lei Orgánica de Universidades, unha lei centralizadora, privatizadora, que recurtaba os dereitos do estudantado e que suscitou as maiores mobilizacións do estudantado, e da comunidade universitaria en xeral, dos últimos anos e nas que Galiza foi modelo mobilizador a nível de todo o Estado.

Gobernaba o Partido Popular naquela altura e isto xunto coa propia Lei, servíu para que determinados sectores da Univesidade interesada e corporativamente ( CRUE- conferencia de reitores das universidades españolas, partidos políticos como PSOE, o profesorado...) se aglutinaran baixo o paraugas da loita anti-LOU. Os CAF, mobilizámonos dende o primeiro momento contra esta Lei e fomos dos impulsores deste movemento entre o colectivo estudantil, incluso no curso anterior cando non era máis ca un anteproxecto e participamos na Folga Xeral convocada pola CIG e UGT en Galiza, manifestándonos en contra dela. O PSOE daquela mobilizábase contra esta Lei e propugnaba a súa derogación se acadaba o goberno do Estado de boca de quen é hoxe Presidente do Goberno en Madrid. Mais as primeiras percepcións sobre a realidade de todas as afirmacións que se fixeran durante as mobilizacións comprobáronse no momento en que houbo que redactar os Estatutos das Univesidades despois da LOU, onde se visualizaron as diferencias e os verdadeiros intereses de determinados colectivos. Case dous anos pasaron, desde que o Partido Socialista Obrero Español chegou ao goberno do Estado e catro xa das mobilizacións anti-LOU e a derogación non é que non chegase, senón que ficou na presentación dun anteproxecto por parte do goberno con moi poucas mudanzas respecto da LOU que se rexeitara.

Pouco hai de novo neste anteproxecto do PSOE que se está a trasladar aos claustros universitarios xa que:

- Segue sendo unha lei que ningunea os órganos de goberno colexiados da univesidade (claustro e consello de goberno) e que menospreza o colectivo estudantil limitando a súa representación.

- Segue mantendo a centralización en determinados aspectos como as bolsas ou os planos de Estudo.

- Minimiza a atención que debería haber sobre Boloña e as reformas estruturais que van cambiar a Universidade nunha Lei de Ordenamento Univesitario para os próximos anos.

- Segue mantendo a Selectividade como proba de acceso á universidade situándonos na LOGSE de 1990, demostrando que non houbo ningún avance aínda que o ensino si que cambiou, e aínda que se eliminan as probas específicas de acceso de cada facultade (modelo Ianqui) séguese mantendo esta proba única á que sempre nos opuxemos xa que supón un atranco máis para o acceso do estudantado ao ensino superior.

- Por último prevé a elaboración dun Estatuto do Estudante en que prevé a creación dun Consello dos Estudantes Universitarios (artigo 46 apartado 5), organismo ao noso entender amarelista e co que non podemos estar de acordo xa que cremos na autoorganización do estudantado, cremos en mecanismos que reflictan a democracia directa e participativa (non teledirixida) que quere o colectivo estudantil, e coidamos que o goberno quere calar con este órgano que tampouco reflictirá a pluralidade existente e as diferentes realidades sociais que viven as e os estudantes do Estado.

Por todo isto os CAF posicionámonos en contra deste anteproxecto, seguimos mantendo o espírito anti-LOU, porque esta Lei non recolle ningunha das aspiracións do colectivo estudantil polas que se manifestou daquela.

Os CAF non imos facer caso dos cantos de serea do goberno e faremos chegar a opinión do estudantado galego a todos os foros onde se discuta sobre ela, sabendo que esta reforma non supón un cambio respecto da anterior LOU e que teremos que mobilizarnos para acadar un verdadeiro ensino galego, público, e de calidade.