|



|
A suba das taxas
O SUR ten como finalidade esencial
a de contribuír a reducir a desigualdade de oportunidades
por motivos económicos, a través da convocatoria de
prazas subvencionadas de aloxamento
Isto que acabas de ler non é unha definición de como
nos gustaría aos CAF que fose o Sistema Universitario de
Residencias (SUR), senón que é a propia definición
do SUR que se recolle no artigo segundo do regulamento do mesmo
(http://www.ti.usc.es/lexis/doc/regulsur_marco.htm). A priori parece
unha obviedade comentar isto, mais agora que xa falta menos para
que remate o curso é cando hai que lembrarllo con máis
énfase ao equipo reitoral, xa que sempre aproveitan estas
datas para aprobar a modificación das taxas e das cotas do
SUR.
No curso 2002-2003 subiron as taxas un 13%, o curso pasado subiron
un 7% e moi probablemente este curso volvan subir unha porcentaxe
moi similar. Estas constantes subas alonxan de xeito significativo
ao SUR da súa propia finalidade de ser un servizo para reducir
as desigualdades económicas. Tamén son bastante escuras
xa que os criterios empregados non se axustan aos que habitualmente
se empregan para a revisión de taxas de servizos públicos,
sendo por excelencia o IPC, que o curso pasado estaba moi por debaixo
do 7%, que foi a porcentaxe aplicada ás taxas do SUR.
Unha nova suba nas taxas do SUR significaría encarecer un
servizo que é básico para a comunidade universitaria,
polo que reivindicamos que para o próximo curso, como mínimo,
queden conxeladas as taxas do SUR.
Por outra banda, dende os CAF queremos denunciar que o propio equipo
reitoral xa non disimula a súa intención de atacar
ao SUR como un servizo básico. Recentemente publicou unha
guía do SUR onde se dicía textualmente que “poden
beneficiarse del tanto aquelas persoas que teñan unha renda
alta como as que a teñan baixa”(www.usc.es/estaticos/servizos/sur/pdf/guia2005.pdf),
contradicindo totalmente o propio regulamento do SUR (art.2).
Dende os CAF vemos con preocupación como o SUR está
dentro dunha dinámica que o alonxa do seu principal cometido
e que o achega cada vez máis a un proceso de privatización
que se reflicte nas constantes subas das taxas e na publicacións
de guías como a que acabamos de citar polo que agora máis
ca nunca é necesario que loitemos por un SUR público
e de calidade.
|