XVIII
Asemblea Nacional
TESE DE ORGANIZACIÓN
CUESTIÓNS ORGANIZATIVAS
Analisarmos o modelo organizativo de que nos temos dotado os Comités
Abertos de Escola e Faculdade case vinte anos despois da nosa criazón
leva-nos a concluir que se trata, sen dúbida, de un modelo
inovador, diferente ao das organizacións ao uso e mesmo arriscado,
que se adapta no esencial ao princípio de auto-organización
do estudantado galego que nós sempre defendémos e
mais á realidade do noso sistema universitário e do
noso país. É un modelo que, desde o princípio,
procurou potenciar a democracia, a participación, o asemblearismo
e o pluralismo no seu seo e conxugar a autonomia dos cámpus
e comités coa unidade de acción. Ainda hoxe, os nosos
mecanismos organizativos son quen de permitir-nos un achegamento
directo e constante á máis directa e cotidiana realidade
do estudantado galego (a escola ou faculdade) e tamén que
demos resposta aos problemas que, realcionados co ensino, surxen
nos diferentes níveis (de centro, de cámpus ou nacional).
Eses mecanismos poden-nos servir para, através deles, achegarmos
ao estudantado á nosa organización e implicá-lo
no traballo pola mellora do ensino público galego desde o
plano máis próximo até, gradualmente, o máis
global.
Vermos en perspectiva estes vinte anos de andaina
nas aulas da Galiza, actuando con voz própria en defesa dos
direitos e intereses do estudantado e en clave nacionalista, permite-nos
tamén evidencial como, a dia de hoxe, existen certas eivas
na Organización e hai campos no plano organizativo en que
é necesário mellorar. Non poucas das eivas detectadas
producen-se por limitacións e erros humanos, mais hai-nas
que son estruturais. Sexa como for, é fundamental pórmos
as bases para corrixirmos na medida do posíbel os desaxustes
e as eivas e propormos solucións que afinen a nosa maquinária,
a fin de facermo-la funcionar a toda velocidade. Cumpre, salientar,
ainda que xa se teña dito noutras muitas ocasións,
que canto mellor for o funcionamento das nosas estruturas, maior
e mellor será a nosa incidéncia real entre o estudantado
e a nosa capacidade de resposta. Ambas as duas, por certo, resltan
máis esenciais do que nunca nun contexto tan hostil a todos
os níveis como o que vivemos; contexto ao que nos referiremos
na Tese Política con muita máis demora. Dito noutras
palabras: non nos podemos permitir nen erros nen retrasos diante
das graves agresións que o estudantado galego no seu conxunto
padece, de un tempo a esta parte mesmo con máis saña
e determinación do que en épocas anteriores.
Vinte anos após a nosa criazón, a
nosa organización segue a estruturar-se en Comités
de Centro, tal e como o noso nome indica. O Comité debe ser
en todo momento o cerne da nosa actividade xa que é a canle
através da cal podemos achegar-nos máis directamente
ao estudantado. Através do Comité debemos non só
desenvolver nas respectivas escolas e faculdades as actividades
e campañas que chegan do cámpus ou do Consello Nacional,
senón desenvolver tamén un auténtico traballo
de centro, tanto reivindicativo como dinamizador. A experiéncia
ten demonstrado que é o traballo de centro que o comité
desenvolve o que o estudantado máis soi perceber. De que
tamén canalice as demandas do estudantado, atenda á
solución dos problemas diários e procure estar ao
dia das inquedanzas da xente nas aulas, disto depende que as nosas
compañeiras/os non só perciban o que facemos, senón
que tamén o valoricen como útil e positivo.
Asi e todo, nos últimos tempos olla-se na Organización
unha tendéncia crecente a perder a dinámica do traballo
de comité que cumpre corrixir decontado. Debemos decatar-nos
non só das potencialidades que ten esta estrutura, senón
sobretodo de que é através dela como máis xente
podemos dar achegado ao noso proxecto e integrado na Organización.
Só na media en que haxa comités funcionando e transmitindo
o seu traballo ao estudantado os Comités Abertos de Escola
e Faculdade teremos futuro.
Durante o próximo período, desde o
Consello Nacional deberá facer-se un especial esforzo no
seguimento periódico da actividade dos comités de
cada cámpus e no apoio a todos os cámpus, con maior
intensidade nos máis febles. Un outro repto que non debemos
seguir demorando é o de darmos ampliado a nosa presenza a
aqueles centros onde ainda non a temos.
Contodo, debe ser desde os próprios cámpus
(Asembleas e, sobretodo, Consellos) desde onde se faga o esforzo
máis grande en consolidar o traballo nos centros, manter
os comités coesionados e coordenados e facer seguimento pontual
da sua actividade. Tamén lle corresponde fundamentalmente
aos cámpus axudar á revitalización dos comités
máis febles ou descolgados e garantir presenza máis
ou menos habitual nos centros onde non haxa comité.
Por muito que se desexar, unha organización
non é quen de funcionar nen de oferecer todas as suas posíbeis
potencialidades se non contar coa participación e implicación
activa de todas e todos os seus membros. Un dos grandes reptos organizativos
que nos debemos pór por diante é o de rematarmos coa
eiva do voluntarismo, vixente na nosa organización en muitos
níveis desde hai bastante tempo. Se ben é inegábel
que este problema é, en parte, debido ao relaxamento de muitas
das e dos integrantes da organización, non é menos
certo se torna inconscientemente promovido por nós próprias/os
por costumes adquiridos hai muito tempo: tendéncia a sobrecarregar
de traballo as persoas máis activas, mal aproveitamento das
potencialidades da xente, mal reparto do traballo, tendéncia
a deitar sobre determinados comités ou persoas o traballo
de cámpus ou outras "especialidades"...
Por unha parte, resulta fundamental asumir calquer
traballo como algo colectivo, cuxo éxito depende en grande
medida da implicación de todas e todos (unha mobilización,
o traballo institucional, a a representación dos CAF-CAEF
nunha plataforma social, etc). Por outra parte, cumpre pular por
unha integración real de todas e todos os membros en todos
os ámbitos do traballo; fundamentalmente, á xente
que fai traballo de centro no de cámpus e viceversa. Para
isto é fundamental a dinámica de participación
e traballo e o fomento do debate tanto en comités como en
asembleas de un xeito áxil e resolutivo, coa posibilidade,
se se estimar oportuno, de criar comisións que nos doten
de unha maior operatividade.
En calquer caso, debemos tamén asumir como
algo normal que non todo o mundo estexa disposto a traballar ao
mesmo nível e termos en conta a sobrecarga lectiva que muitas/os
membros dos CAF-CAEF padecen, o que lles impede realizar en boa
medida o traballo que quixeren.
Sermos unha organización estudantil de carácter
nacional implica actuarmos en base a un discurso e a unhas liñas
de actuación comuns nos sete cámpus acordadas democraticamente
(Unidade de acción ou Liña Única). Desde hai
vinte anos, os Comités Abertos de Escola e Faculdade temos
conxugado isto con un Princípio de Flexibilidade que nos
permite adaptar o noso discurso á realidade concreta de cada
cámpus sen alterar o esencial nos contidos.
Porén, nos últimos tempos percebe-se
unha tendéncia crecente a traballar e actuar de xeito mui
diferente en cada cámpus, producindo-se unha sensación
tamén crecente de estarmos diante de organizacións
distintas; tendéncia que debemos corrixir axiña se
queremos ser coerentes con nós próprias/os. Defenderemos
un mesmo modelo de Universidade pública, galega, democrática
e de cualidade implica facermo-lo co mesmo discurso e coas mesmas
liñas de traballo en todos os cámpus a un tempo (reaxustes
á parte), reforzando a nosa imaxe como organización
de carácter nacional.
O reforzamento dese carácter nacional da
nosa organización pasa necesariamente por tres condicións
indispensábeis:
1.- Homologación das estruturas orgánicas
de que nos temos dotado ao longo do tempo en todos os cámpus
do país: isto implica dar-lle aos comités a importáncia
que merecen e dar-lles unha periodicidade estábel mínima;
periodizar a celebración de Asembleas de Cámpus que
incluirán nas ordes de traballos os pontos mínimos
que se propuñan nos textos da anterior Asemblea Nacional;
constituir -onde o permitir a situación organizativa e os
recursos humanos- o Consello de Cámpus como órgao
básico de coordenación entre comités, seguimento
da execución prática dos acordos asembleares e resposta
áxil aos problemas ou cuestións imediatas; todos os
cámpus dotaren-se de unhas responsabilidades ou áreas
de traballo mínimas: Finanzas, Secretaria, Institucional
e Imprensa; garantir coordenación da actividade institucional
e a reunión periódica das e dos membros do Claustro
ou outros órgaos; dar-lle existéncia real ás
Asembleas de Universidade alén da dimensión só
institucional que muitas veces teñen, como foros de análise
de posíbeis problemas comuns aos distintos cámpus,
etc.
A respeito das anteditas responsabilidades individuais
a criar no seo dos Consellos de Cámpus, parece procedente
fixar as funcións mínimas que atinxirian a cada unha:
Finanzas: A encarregada/o desta
área terá por función básica a de levar
ao dia as contas da Organización no cámpus e executar
os acordos e xestións que a Asemblea de Cámpus acordar
ou lle encomendar. A/o responsábel de Finanzas dará
conta periodicamente do estado financeiro e representará
o cámpus na Comisión Nacional de Finanzas. Os cámpus,
cando asi o acordaren, poderán criar tamén equipas
de traballo próprias no terreo financeiro.
Secretaria: Son funcións
da secretária/o do cámpus recoller acta das Asembleas
e Consellos de Cámpus, encarregar-se do arquivo do cámpus
e de custodiar a documentación do mesmo e responsabilizar-se
da convocatória de Asembleas e Consellos, asi como da transmisión
aos comités de toda a información relativa á
actividade do cámpus.
Institucional: Corresponde-lle
á/ao responsábel a tarefa de coordenar a actividade
institucional dos CAF-CAEF nas distintas instituizóns universitárias
en que tivermos presenza, facer seguimento da que se desenvolver
tanto a nível xeral como nos centros, convocar reunións
periódicas das/os claustrais da Organización e transmitir
as liñas de actuación a seguir nos órgaos de
governo de que fagamos parte.
Imprensa: É tarefa esencial
da/o responsábel todo o referido ás nosas relacións
-necesariamente vivas e constantes- cos meios de comunicación.
Encarregará-se do envio de notas e da convocatória
das roldas de imprensa para transmitir a nosa posición sobre
as diferentes cuestións sobre as que quixermos pronunciar-nos.
Do mesmo xeito, compilará toda a información que aparecer
sobre os CAF-CAEF en imprensa para a trasladar ao arquivo.
2. Reforzamento do papel coordenador e planificador
do Consello Nacional, que é o órgao encarregado de
coordenar o traballo dos cámpus e facer seguimento do mesmo.
Isto pasa pola mellora xeral do funcionamento deste organismo, tanto
no que se refere á participación das suas e os seus
membros como no que é o reparto do traballo nacional e a
asunción das distintas responsabilidades individuais internas
de que se ten dotado. Cumpre non só encher de contido esas
áreas de traballo nacional, senón fomentar o intercámbio
de análises, debates e experiéncias entre os distintos
cámpus.
3. Mellora efectiva das canles de información
interna a todos os níveis entre o Consello nacional e os
cámpus; mais prioritariamente entre este órgao e os
próprios comités. Para alén de o Consello Nacional
ter a obriga de enviar pontualmente as actas e a información
dos acordos tomados, cumpre artellar unha canle de información
nova a fin de transmitir directamente ás e aos integrantes
dos Comités Abertos de Escola e Faculdade información
útil sobre eses acordos e mais sobre as campañas e
actividades nacionais, posicionamentos públicos...
Resulta mui importante que nos Comités de
Centro se estexa ao dia destas informacións, xa que poden
contribuir mui positivamente ao noso traballo diário e é
o mellor xeito de facermos-llas chegar directamente ás nosas
compañeiras/os de aulas. A ferramenta máis acaída
para levar á prática este obxectivo parece a edición
de un boletin periódico editado polo Consello Nacional que
se enviaria a todos os comités; boletin que teria á
vez unha dimensión informativa e formativa onde poder debullar
posicionamentos sobre temas de interese para o alunado, obxectivos
e prazos na planificación das campañas nacionais...
Un campo de traballo esencial para unha organización
como a nosa que temos descuidado desde hai muito tempo é
o formativo. Como organización estudantil nacionalista e
transformadora debemos ter, através das nosas actividades
e campañas, o obxectivo de transmitirmos-lle ao estudantado
as nosas análises e mesmo de criarmos consciéncia
nacional e social na Universidade. Para isto resulta fundamental
que traballar nos CAF-CAEF sexa, ao mesmo tempo, unha experiéncia
enrquecedora e formativa para quen o fixer.
Mais a formación non debe entender-se só
de un ponto de vista ideolóxico, senón tamén
no que atinxe a actuar no dia a dia. Para entendermo-nos, cumpre
saber o que hai que facer e como o facer. Como propostas de actuación
podemos citar as xornadas formativas, os boletins, os pontos dedicados
a debate en asembleas e comités...
Se falamos de reptos organizativos para un futuro
imediato, cumpre facer referéncia obrigada ao proceso de
constituizón da Organización unitária do estudantado
galego; un proceso polo que tanto os CAE como os CAF-CAEF temos
apostado desde hai anos e que, apesar de se tornar longo por veces,
axiña se ha tonrar unha realidade que, sen dúbida,
fará história. A este respeito, cumpre facer autocrítica
no sentido de aprobarmos na nosa última Asemblea Nacional
o modelo organizativo que habia de ter a nova organización;
en princípio, a derradeira das trabas que nos impedia a unificación
cos CAE.
Apesar de non sermos quen de levar acabo a constituizón
formal da nova organización neste período, o certo
é que de facto funcionámos xa como unha organización
única en múltiplas situacións e momentos, tendo-se
fortalecido notoriamente o contacto e a colaboración activa
cos Comités Abertos de Estudantes desde a anterior Asemblea
Nacional. É evidente que ainda resta muito por facer e que
os esforzos puderon ter sido sempre máis produtivos, mais
o certo é que todas as campañas e mobilizacións
que vivémos nesta etapa fixemo-las e defrontamo-las de xeito
conxunto e asi continua sendo.
Tras o último ataque que o ensino galego
sofreu do governo central, fai-se máis necesária que
nunca a unificación entre as duas organizacións. A
LOU, a LOCE e a Lei de FP non son máis que distintas caras
da mesma moeda. Supoñen o aataque definitivo a un ensino
democrático, público e galego, buscando non só
unha maior centralización das competéncias educativas,
senón tamén fomentando a competitividade entre o estudantado
para aceder aos estudos superiores, asi como a privatización
dos centros educativos, que son beneficiados en detrimento dos públicos.
A este ataque directo en todos os níveis do ensino debemos
responder-lle desde a unidade, somando todas as forzas aquelas e
aqueles que estamos por uns obxectivos comuns. Por iso, porque nos
parecia fundamental non adiar o proceso de unificación por
máis tempo, reiniciou-se o contacto e o traballo en conxunto
cos CAE para facermos de un soño unha realidade: estabelecermos
definitivamente un calendário que nos permita iniciar o curso
próximo funcionando xa a todos os efeitos como a verdadeira
organización do estudantado galego.
FINANZAS
Os recursos económicos con que conta unha organización
son peza clave para o funcionamento da mesma. Partindo desta premisa,
imos tentar analisar o funcionamento interno das finanzas e a xestión
das mesmas, repercutindo asi na mellora organizativa e na do noso
traballo político na universidade.
Imos comezar facendo un breve repaso ás fontes
de ingresos con que contan actualmente os Comités Abertos
de Escola e Faculdade. As subvencións universitárias
e as que concede a Xunta da Galiza por meio das suas consellarias
son as que aportan o groso dos nosos ingresos. Sendo os CAF-CAEF
unha organización con unha actividade fóra de toda
dúbida e estando implantados nos sete cámpus galegos
é de supor que non deberíamos ter problemas á
hora de aceder ás axudas universitárias; mais en muitos
casos non é asi, xa que son concedidas a organizacións
afins ao poder que non teñen actividade coñecida ou
secuestras, como no caso da Universidade da Coruña; acción
que responde claramente a unha deciisón política.
É necesário que o Consello Nacional
e o de Cámpus se preocupen en preparar seriamente estas axudas,
evitando que recaia todo nunha só persoa.
A edición de material, sexa para pór
á venda (camisolas, bonos-axuda...) ou non (autocolantes,
voceiros, cartaces...) é unha actividade que non só
responde a intereses económicos, senón que ten unha
función clara: espallar o nome dos CAF-CAEF e a sua liña
política entre o estudantado. Temos debatido muitas veces
sobre o problema do material que non se vende; ten-se dito, por
exemplo, que a culpa de que as camisolas non se vendan é
do deseño: mais ese non é o problema que temos para
a sua venda. Cando editemos calquer tipo de material (camisolas,
bonos-axuda, libros, cartaces, autocolantes...) debemos axustar-nos
á realidade organizativa de cada momento, tirando a cantidade
que podamos vender. Isto debe vir acompañado pola correcta
distribuizón a todos os cámpus, asi como a implicación
de cada Asemblea á hora de dar-lle saída e aproveitar
todos aqueles actos onde podamos colocar o material da nosa organización.
Hai que facer un esforzo na búsqueda de métodos que
permitiren os custos das nosas campañas, voceiros... seren
menores, como a impresión de publicidade onde for posíbel.
Muitas veces non utilizamos, simplesmente por descoñecimento,
os recursos que nos oferece a própria universidade por sermos
representantes na Xunta de Escola ou Faculdade, o que nos permite
utilizar material que empregamos constantemente.
Na mesma liña, é necesário
tomar o costume de facer -antes de tirar o material relativo a calquer
campaña ou actividade, quer nacional, quer de outro nível-
unha previsión do material que realmente precisamos e estamos
en condicións de distribuir. Isto permitirá-nos controlar
o gasto, ás veces excesivo, do noso material e evitar que
fique desaproveitado ou sen utilizar.
Existe unha outra forma de financiamento que en
nengun caso pode ser válida para nós como é
o cobro ás e aos estudantes que asisten a xornadas que organizamos
en que se ofertan créditos de libre configuración.
Temos de ter claro que os CAF-CAEF somos unha organización
nacional e que, independentemente de cada cámpus ter autonomia
á hora de tomar decisións sobre asuntos que afectaren
cada universidade, debemos homoxeneizar critérios, tendo
unha liña única en temas que afectan o conxunto da
Organización. A nosa función principal é a
da defesa do ensino público galego e a dos direitos do estudantado,
mais tamén é traballo dos CAF-CAEF tratar os temas
que interesan a este en calquer asunto de interese, abranxendo muitas
veces o traballo que deberia facer a administración universitária.
Ben é certo que non é problemático que os CAF-CAEF
realicen unhas determinadas xornadas e que polas suas características
se oferten créditos de libre configuración, mais non
que non podemos cair é en práticas amarelistas que
desvirtuen o papel que xogamos na Universidade.
A responsabilidade nacional de finanzas ten unha
série de funcións que son de vital importáncia
para o bon funcionamento dos CAF-CAEF . Hai que dicer, porén,
que a responsabilidade non recai nunha só persoa, xa que
as decisións sobre calquer asunto que atinxe ás finanzas
debe ser do Consello Nacional. Polo dito, a finción da/o
Responsábel Nacional de Finanzas é xestionar e facer
seguimento das finanzas nacionais, encarregando-se de aplicar os
acordos que na matéria tomar o Consello Nacional ou, coa
ratificación deste, a Comisión Nacional de Finanzas.
Mais non por isto debemos cair na minusvalorización do labor
da/o Responsábel, que muitas veces pasa do simplesmente burocrático
ao nidiamente político.
Un dos grande reptos que vai ter a Organización
no próximo proceso inter-asemblear e o de cada cámpus
asumir, en función das suas posibilidades, a co-responsabilidade
das finanzas a nível nacional. Asi, prévio saneamento
de todas as finanzas dos CAF-CAEF, porá-se en funcionamento
a Caixa Nacional, mecanismo que permitirá posuir uns fundos
nacionais estábeis -hoxe por hoxe inexistentes- e facer que
sexa o Consello Nacional (e non determinados cámpus) quen
asuma os custos das actividades e campañas nacionais e axude
os cámpus con unha pior situación económica.
Co mecanismo da Caixa Nacional cada cámpus aportará
periodicamente determinada porcentaxe dos seus ingresos en función
dos mesmos.
É óbvio dicer que as contas dunha
organización deben levar-se con claridade, realizando seguimento
das finanzas, elaborando informes periódicos e reunións
nacionais de finanzas cada certo tempo para analisar a situación
económica e asi poder planificar e axustar a nosa actividade
á realidade da Organización.
Temos de saber planificar ben os nosos gastos para
non se daren casos de unha má situación económica,
mais ter claro que debemos priorizar os nosos intereses como organización,
tendo en conta que os CAF-CAEF non temos como fin a consecución
de benefícios económicos, senón a auto-organización
do estudantado.
A actividade de unha organización non pode
estar por riba das suas posibilidades organizativas nen da sua conta
corrente. Non son os cartos parte sen a cal non podamos funcionar,
ainda que importante. Mais son as persoas as que forman a Organización
e realizan o trabllo mobilizador e informativo máis importante,
que é nas aulas. Non podemos depender dos cartos porque pode
ser que nalgun momento non teñamos ou que os retiren, como
o ano pasado en Compostela. Por iso debemos reforzar, antes de máis,
a nosa organización e saber actuar en calquer situación
que se apresente.
TESE POLÍTICA
INTRODUCIÓN
No contexto neoliberal en que vivemos as grandes poténcias
imperialistas, nomeadamente os EUA, xogan ao capitalismo selvaxe,
masacrando povos inteiros para monopolizar as suas riquezas naturais
e facendo-se co controlo xeoestratéxico de amplas zonas económico-culturais
titerizadas polas grandes multinacionais.
Galiza non é allea a este proceso, atopando-se
nunha situación de grave dependéncia colonial. Frente
a esta dependéncia asovalladora, o obxectivo dos CAF-CAEF
é a transmisión entre o estudantado da luita pola
soberania nacional.
AUMENTO DAS DESIGUALDADES
Vivemos nun mundo en que o 20% da populación controla o 80%
dos recursos, mentres que o resto dela morre de fame. O controlo
de recursos tan básicos como a auga, con un consumo excesivo
no mundo desenvolvido e unha preocupante escaseza en continentes
como a Ásia ou a África, desvela que os tempos da
sobre-explorazón de vastas extensións sob o imperialismo,
pondo-as ao servizo dos intereses económicos capitalistas
do Primeiro Mundo, non están tan lonxe. A cooperación
con países do Terceiro Mundo, proclamada repetidamente por
alguns do Primeiro, non deixa de ser unha falácia, xa que
o que dan en conceito de axudas é unha cantidade muito menor
ás débedas que non lles son perdoadas.
Xunto a isto, temos de aturar que todas estas cidadás
e cidadáns do mundo que sofren as consecuéncias da
política imperialista non sexan consideradas/os como indivíduas/os
con plenos direitos, submetidas/os á suspeita pola sua diferencialidade
racial; aglutinando-os baixo un fictício eixo do mal que
supón a ponta de lanza ideolóxica para a extensión
do capitalismo e, portanto, o aumento das desigualdades nos poucos
países resistentes.
É evidente que non é tratada/o igual
un/ha obreira/o europea/eu ou norteamericana/o, con todos os abusos
que sofren parte das empresas, do que un/ha traballador/a das minas
de Serra Pelada no Brasil, das de xofre do Peru, da Indonésia,
etc. Contodo, o mundo desenvolvido non é tampouco unha panacea:
o recorte dos gastos sociais, a temporalidade dos contratos e a
liberdade dos despedimentos, a violéncia de xénero,
a existéncia de bolsas de pobreza importantes nas grandes
cidades ou a sobre-vixiláncia policial fan-nos ver que esta
parte do globo en que vivemos non é o mundo de cores que
debuxan, ao servizo do poder, os meios de comunicación.
A INVOLUCIÓN DAS LIBERDADES
Tras o 11 de Setembro, coa excusa da luita contra o terrorismo,
produciu-se un recorte de liberdades e direitos adquiridos ao longo
da história polas luitas dos povos.
A resisténcia global artellada en Seattle
e os posteriores cúmios do capitalismo foi respostada coa
brutalidade policial e a perseguizón indiscriminada. Os meios
de comunicación, sempre ao servizo do capital, encarregaron-se
de amosar a realidade destas luitas deturpada. O seu obxectivo é
criar opinión pública favorábel ao proceso
globalizador, constituindo o povo nunha masa acrítica e asustada.
Máis en concreto, na Universidade, cargas policiais e axuizamentos
severos, que nos remontan a períodos históricos que
se crian superados, viron-se ignorados polos meios de comunicación
acadando o desánimo entre o estudantado.
No Estado español, o governo do PP está a lanzar desde
hai tempo unha brutal ofensiva neste terreo, que ademais se ceva
de xeito especialmente duro cos nacionalismos, demonizando-os e
perseguindo-os, empregando todo canto meio teña na sua man,
desde a manipulación através dos meios de comunicación
afins até as reformas legais anti-democráticas ou
a mera utilización dos corpos represivos do Estado, contra
a máis mínima manifestación de oposición
ás suas políticas.
MILITARIZACIÓN DA POLÍTICA INTERNACIONAL
No antedito amrco internacional as relacións entre os estados
fican reducidas á mera carreira armamentística, á
situación estratéxica das armas de destrución
masiva e á da saída co sector máis puxante
da economia do Governo que rexe de xeito ostentosamente imperial
os destinos do mundo.
A política internacional dirime-se en función
dos ataques efectuados sobre populación civil que sofre as
consecuéncias do xogo de forzas e intereses económicos
latentes dos distintos governos.
Cada vez máis, a máxima representación
do sistema capitalista reinante é o exercício da guerra
como via de solución das contradicións internas deste,
o esmagamento das vontades e dos direitos dunha ampla marxe da populación
para cobrir os obxectivos económico-estratéxicos marcados
polo citado sistema.
O governo do Estado atopa neste contexto internacional
a sua situación ideal. Submido ás decisións
autoritárias das grandes poténcias imperiais, non
dubida en somar-se aos arbitrários caprichos iánquis
de invasión de estados soberanos sen ter en conta a cidadania
e rachando coa "legalidade internacional", nomeadamente
a ONU, nunha liña de dependéncia absoluta a respeito
dos EUA.
O Estado español fica reducido nas relacións
políticas internacionais a simples títere dos EUA.
Nesta conxuntura o governo español retrata-se ante o mundo
como vasalo obediente de Bush, amosando-se compracente cos desígnios
americanos e autoritário coa cidadania crítica do
Estado.
IMPERIALISMO CULTURAL E MANIPULACIÓN INFORMATIVA.
A situación política retratada traduce-se na imposición
global da cultura ianqui, quer através de redes comerciais,
quer mediante a difusión de estereótipos nos meios
de comunicación postos ao servizo destes anteditos intereses
económicos. Mais para alén desta imposición
da cultura ianqui o povo galego tamén leva cinco séculos
suportando as imposicións culturais do imperialismo español.
O nível de ocultamento mediático dos
movimentos contestatários e alternativos asi como a presión
a que están submetidas as línguas e culturas diferenciais
ou o escaso recoñecimento das nacións sen estado son
a cada pouco meirandes, condenando ao ostracismo o diferente.
Cando non pode ocultar algun acontecimento debido á sua trascendéncia
social o ssitema, através basicamente dos meios de comunicación,
opta pola estratéxia de o terxiversar ocultando a sua verdadeira
natureza. Asi, por exemplo, tentar facer crer que todo o movimento
anti-globalización ten unha ideoloxia ácrata ou similar;
e doutra parte están os intentos de relacionar a Plataforma
Nunca Máis coa esquerda abertzale.
Do mesmo xeito, aplica-se o Pensamento Único
como un dogma a aceitar. Aqui xogan un papel importantísimo
os meios de comunicación privados, que son utilizados como
método de manipulación da opinión pública
e de clara imposición dese Pensamento Único.
A DESTRUCIÓN GLOBAL DO MEIO AMBIENTE
No contexto da globalización, onde os intereses económicos
e xeostratéxicos dominan por cima de todo, a falta de respeito
ao meio ambiente é unha constante: centrais nucleares, vertidos
tóxicos das grandes empresas, petroleiros... A isto hai que
engadir as consecuéncias para o meio do exercício
da actividade económica: cidades como México DF que
se converten en fervedoiros insalubres baixo a polución permanente,
a emisión de CO2 á atmosfera, as consecuéncias
disto sobre a capa de ozono e o cámbio climático,
etc.
Este tipo de situacións dan-se con maior
gravidade ma periferia económica do sistema, é dicer,
nos espazos colonizados economicamente pola xeira globalizadora
-tal é o caso da Galiza en datas ben recentes- debido a unha
explorazón dos recursos naturais por cima das necesidades
do ecosistema, mais ben atendendo ao benefício económico.
O desastre do Prestige nas costas galegas debe-nos facer reflexionar
sobre estas situacións, que se están a dar con alarmante
frecuéncia en todo o mundo. Dia tras dia xoga-se coas nosas
vidas e coa nosa saúde en base aos intereses económicos
duns poucos: caso paradigmático son os produtos transxénicos,
con consecuéncias descoñecidas para a saúde
humana; os pensos con que se alimenta o gando... que situan a populación
na incertidume a respeito do que consome.
Con isto, non queremos dicer que nos opoñamos
ao progreso da ciéncia, senón aos maus usos dos adiantos,
advogando por un desenvolvimento sustíbel e respeitoso co
meio ambiente.
Asi pois, pode-se dicer que o sistema capitalista
reinante é nocivo para o meio ambiente e pon en perigo a
sobrevivéncia do planeta, que pasa por un estádio
de insustibilidade grave.
A DISCRIMINACIÓN DAS MULLERES
As mulleres son un dos grandes sectores marxinados no proceso globalizador.
Mais non debemos pensar que isto é novo. Desde hai séculos,
debido ao patriarcado, a muller foi submetida ao home en todos os
sectores da sociedade (económico, cultural, político).
Co capitalismo e o pensamento burgués esta opresión
é levada até as últimas consecuéncias.
As loitas feministas acadaron grandes melloras, entre elas a igualdade
legal nos países do Primeiro Mundo. Mais non debemos deixar-nos
enganar. A legalidade teórica está moi lonxe da prática
e discriminacións tais como violéncia de xénero,
paro feminino ou os baixos salários están á
orde do dia. A dupla moral burguesa fai que a muller se vexa reducida
ao ámbito doméstico, apesar de potenciar (sempre en
teoria) o traballo da muller fóra da casa. O estado non estabelece
servizos tan básicos como gardarias ou xeriátricos
gratuitos, co que a muller só atopa atrancos á hora
de levar a cabo a sua vida laboral.
A imaxe que das mulleres dan os meios de comunicación
como bela e submisa provoca o rexeitamento por parte da sociedade
de determinadas mulleres que non cumpren o cánon feminino
que se espera. Deste xeito, enfermidades como a anoréxia
ou a bulímia seguen a facer estragos entre mozas máis
ou menos novas de todo o mundo.
Estas discriminacións aumentan a medida que
nos deslocamos do centro á periféria . Asi, as mulleres,
que constituen máis da metade da populación mundial,
desenvolven as duas terzas partes do traballo mundial e perceben
unha décima parte dos ingresos mundiais, posuindo tan só
un 1% da propriedade. Son as mulleres as principais afectadas pola
fame, as guerras, migracións, pobreza, analfabetismo, violéncia,
etc.
Por cima, cumpre salientar que en moitos países
nen sequer son recoñecidas legalmente en pé de igualdade
co home. Polo contrário, nos países do Primeiro Mundo,
mália o recoñecimento legal, as mulleres non son valorizadas
como suxeitos morais senón como unha iamxe bela e submisa
que situar acarón do produto que se vende.
Asi, humillacións tais como a burka ou a
abalación son padecidas polas mulleres acotio, amosando que
a muller é considerada como a posesión do home, un
obxecto ao que lle están vedados direitos tan básicos
como a educación ou desfrute da própria sexualidade.
A UNIÓN EUROPEA, PROXECTO DO IMPERIALISMO
O nacimento da UE estivo marcado por un duplo obxectivo: dunha parte,
facer frente á ameaza de extensión dos reximes de
democracia popular pola Europa da segunda posguerra mundial e, doutra
parte, constituir un bloco imperialista que pudese enfrentar-se
e competir coas outras duas superpoténcias. Porén,
a natureza da UE é radicalmente incompatíbel cun proxecto
de unidade europea que benefície á Galiza, é
dicer, un proxecto que baseado no respeito á soberania nacional
dos povos cunha humanización e planificación racional
e xusta das relacións económicas e de calquer outro
tipo.
Deste xeito, a UE constitui-se nun bloco económico
unitário ben definido que, xunto cos EEUU, se enfrenta de
maneira directa aos países orientais, sendo considerados
como inimigos culturais e, sobretodo, económicos.
Ante esta situación deixa de ter vixéncia o modelo
político da Europa dos estados, pois é incoerente
que pequenos estados de curta vida como Eslevénia -cunha
populación case que a metade da galega- pasen a ter uns direitos
superiores aos da Galiza en matérias como os direitos lingüísticos,
de recoñecimento da cultura nacional ou de representatividade
política nos organismos de decisión da Unión.
Mentres, a expansión imperialista da UE continua.
É un feito iminente a entrada no seu seo de Hungria, as repúblicas
bálticas ou Bulgária, entroutros estados.
Esta expansión aumentará a interdependéncia
entre os países segundo a sua condición de centro
ou de periferia da comunidade. Situación que indiscutibelmente
acrecentará a situación de periferia da Galiza, dado
o papel que se lle vén asignando desde por parte da UE e
da malchamada nación española.
Asi, pode-se observar nos meios de comunicación
o proxecto que nos teñen asignado para os vindoiros anos:
- Destrución progresiva da nosa agricultura
e gandaria, rebentando os prezos.
- Intento de retirar as axudas de tipo rexional.
- Redución progresiva e intencionada da construción
naval na nosa nación.
Todo isto está-nos a levar a unha situación
preocupante á cal hai que lle dar resposta desde distintas
frentes: é pois unha obriga para as universitárias/os
somar-se a este movimento.
Porén, o debate da construción europea
foi paralisado no Cúmio de Niza, facendo un reparto da representación
que benefícia de novo os grandes estados que rexeron e controlaron
os desígnios da Unión desde o início. Asi pois,
a UE é máis un axente de colonización e opresión
das nacións sen estado ás que, como Galiza, se lles
nega o direito de autodeterminación. Do mesmo xeito, é
un instrumento ao servizo do espallamento do capitalismo e do imperialismo.
A PRIVATIZACIÓN DOS SERVIZOS SOCIAIS
Os retrocesos sociais que se se veñen acelerando nos últimos
anos son moi evidentes na nova concepción dos servizos sociais:
un negócio cando é rendíbel e un despilfarro
cando se teñen de estender universalmente. Desenvolven-se
asi, ao máximo, os instrumentos de seguridade privada e achica-se
o Estado Social baixo a premisa de que o mercado o resolve todo
da mellor maneira posíbel. Porén, o Estado non desaparece,
como afirman os teóricos do neoliberalismo, senón
que desempeña un papel fundamental na dominación da
periferia, na defesa da hexemonia económica e no uso do poder
militar.
Os mecanismos que garanten a acumulación
de benefícios e que situan o mercado ao asalto da cidadania
son idénticos nos estados da Unión Europea: privatizacións,
tanto pola venda aos monopólios privados das empresas públicas
como pola privatización directa ou encuberta dos servizos
sociais básicos como a educación ou sanidade; redución
de custos por meio da redución de prestacións sociais
e de desemprego; reformas laborais que garantan a precarización
e limiten os direitos laborais, etc. Con este camiño os servizos
sociais estarán só da man de quen poda pagá-los
e o capital privado só atenderá a xestión dos
que sexan rendíbeis.
Na UE, a Declaración de Bologna, asinada
por 29 estados, abriu o camiño cara a unha converxéncia
das políticas educativas que teria como proxecto a criazón
dun espazo europeu do ensino superior no cal predomine a competitividade.
Xa o Tratado de Mäastricht incluía o sistema educativo
dentro das competéncias da UE e, portanto, dentro das políticas
comunitárias.
Esta pretensa integración, que pretende pór
en comun sistemas educativos de estados e nacións moi distintos,
non equilibra, porén, o investimento público que se
destina ao ensino; mais si que impulsa, en todos os estados, recortes
nos orzamentos educativos, privatización de servizos nas
universidades, suba nas taxas e reformas estruturais de espírito
semellante ao da Lei Orgánica de Universidades (LOU).
No Estado español os proxectos económicos
e sociais do neoliberalismo aplican-se á perfeizón:
asistimos a un contínuo proceso de recortes laborais (especialmente,
o abaratamento dos despedimentos, a consolidación das ETT´s,
a temporalidade ou a precarización) consolidados nas distintas
reformas laborais impostas e a unha privatización contínua
da educación, a sanidade, o transporte e as comunicacións.
Ao mesmo tempo, aplica-se o "pensamento único"
como un dogma que hai que aceitar: o mercado como único centro
da vida, o modelo neoliberal como o único posíbel...
e quen discrepe destas ideas submete-se á demonización
e á perseguizón ideolóxica. No caso das reformas
educativas, a cuestión nacional no Estado español
explica a recentralización, acorde cun modelo estratéxico
de estado unitário, negador da diversidade.
ANÁLISE DO ENSINO
O ensino na sociedade capitalista persegue a función de adoutrinar
as persoas desde nenas nas ideas do sistema e tamén a de
formar elites por unha parte e man de obra máis ou menos
cualificada pola outra. Desde os CAF-CAEF defendemos, por contra,
un sistema educativo que forme cidadás e cidadáns
con consciéncia crítica e dote as persoas dun saber
técnico especializado segundo as necesidades do país,
sen que iso implique nengun tipo de diferenciación social.
Como temos explicado, a privatización da
educación, alvo fundamental da crítica do estudantado,
é máis unha consecuéncia da política
neoliberal de destrución dos servizos públicos que
tan duramente atinxe á mocidade. No noso país, a auséncia
dun sistema educativo próprio, a dependéncia económica
e a submisión política agravan o deterioro do ensino
submetido non só á lóxica do mercado, senón
á da centralización, que introduz novas trabas noa
aceso e óbvia a nosa realidade económica, introducindo
uns contidos alleos á realidade nacional.
O Partido Popular aproveitou a sua maioria absoluta
para levar a cabo un fundo proceso de reformas estruturais do ensino
público, ignorando a todas e todos os afectados e impondo
reformas elitistas, privatizadoras e centralizadoras. Estas contra-reformas
educativas veñen acelerar os procesos máis regresivos
que afectaban o xa deteriorado ensino público galego, considerando
o ensino como un proceso selectivo e non un direito para toda a
sociedade. A sua aprobación é explicábel en
virtude do despotismo e da maioria absoluta do PP no Parlamento
español. Na vez de diálogo, o PP escolleu o autoritarismo,
ignorando ou demonizando a vontade expresa do estudantado e da imensa
maioria da comunidade educativa, claramente expresada nunha resposta
mobilizadora masiva e continuada.
A Lei Orgánica de Universidades (LOU) foi
o máis agresivo proxecto de destrución da Universidade
pública promovido polo governo central do Partido Popular
e aceite submisa e benevolamente pola Xunta da Galiza, apesar de
supor unha clara invasión das suas competéncias en
matéria educativa. A escusa ideolóxica que xustificou
esta reforma do marco lexislativo do ensino superior xirou arredor
da "modernización" e a "integración
europea", ambíguos conceitos que nada dician da realidade
da reforma e que tampouco foron quen de enganar a nengun sector
da comunidade universitária.A LOU agachaba unha das máis
abafantes agresións dos últimos anos contra esta universidade
pública, criando un novo modelo á medida da política
educativa promovida e desenvolvida polo Partido Popular até
o de agora. O magnífico movimento estudantil que espertou
esta reforma, cheo de dinamismo e imaxinación, non se teria
orixinado se a contra-reforma educativa non contivese un trasfundo
tan reaccionário; á vez, este movimento testemuña
a capacidade do estudantado de analisar en clave própria
o papel do sistema educativo e a sua capacidade de auto-organización.
Do mesmo xeito, o autismo do Ministério español de
Educación, que ignorou o masivo NON Á LOU e aprobou
finalmente o texto, dá boa conta do espírito de diálogo
e consenso que caracteriza ao Partido Popular en matéria
educativa.
A LOU foi criada para servir de marco onde desenvolver
a Declaración de Bologna, polo que continua o espírito
desta. Asi, estamos ante unha reforma que promove a competitividade
entre universidades derivada do Distrito Único. Isto busca
unha división de universidades en primeira e segunda orde
sempre dependente do nível de vida das Comunidades Autónomas
en que estexan ubicadas e do prestíxio que posuan. Asi, o
ataque ao noso sistema universitário é patente, sendo
agravado pola proba de aceso persoal, estabelecida en último
tempo pola universidade. Isto vai provocar o caciquismo na entrada
aos estudos superiores, primando valores non estudantis tais como
a conta corrente. Non hai que esquecer que a suba das taxas e o
recorte das bolsas provoca xa unha pre-selección que se verá
agravada coa total aplicación da LOU. Mais a implicación
do mercado na universidade tamén vén dada pola entrada
nos órgaos de governo da empresa privada. Deste xeito, o
saber atopará-se en mans do libre mercado primando aquelas
carreiras e matérias que teñan unha realización
material consonte cos valores e necesidades do sistema capitalista
en expansión.
O PP non só entregou o sistema educativo
en mans do mercado; aproveitou para utilizar unha instituizón
socializadora como ferramenta españolizadora ao servizo da
sua concepción estratéxica do Estado, dentro dunha
ofensiva recentralizadora que atinxe a moitos máis ámbitos.
Deste xeito, e seguindo o afán unitário
e totalizador do governo central, o ensino primário e secundário
están a sofrer a LOCE (Lei Orgánica de Cualidade do
Ensino), que reitera os riscos máis negativos da LOU: a concepción
obsesivamente unitária de calquer ámbito e un sistema
educativo clasista, elitista e privatizador, baseado na selectividade
económica encuberta de promoción académica.
A Lei de Cualidade, que invade de novo as competéncias das
Comunidades Autónomas, homoxeniza o sistema de ensinanzas
médias do Estado. Esta reforma tivo tamén unha fraca
cobertura ideolóxica: o fracaso escolar como pretexto e a
intención de corrixir os defeitos da LOXSE. A Lei de Cualidade
promove, por contra, os valores máis negativos, como a competitividade,
elimina os trazos máis positivos da lexislación anterior
e ignora, ao igual que a LOU, o financiamento público.
A terceira característica fundamental das
contra-reformas educativas é o agravamento das défices
democráticas e os recortes nos direitos. Non é só
unha cuestión de representación estudantil, certamente
reducida, senón de políticas autoritárias dirixidas
contra a sociedade: xa na tramitación da LOU a resposta xeral
do PP foron as cargas, a investigación policial, a demonización
da mobilización social e os procesos xudiciais. Na Universidade
cuestiona-se o exercício de direitos básicos como
o de folga ou manifestación.
As primeiras consecuéncias destas reformas
poden comezar a ser percebidas de imediato polo estudantado en matérias
como a suba das taxas, a redución das bolsas, a promoción
dos "créditos brandos", a competitividade como
norma xeral dentro do sistema, a desaparición de matérias
ou a introdución de novas carreiras e segundos ciclos segundo
cámbios motivados polo mercado, etc.
A LOU comeza-se a aplicar na adaptación dos
Estatutos das universidades galegas e na criazón dunha nova
Lei do Sistema Universitário da Galiza, dous procesos ante
os cais o estudantado debe permanecer atento, de xeito que os aspectos
máis regresivos da lexislación sexan aminorados. A
participación, a mobilización e a información
son as ferramentas fundamentais para actuar e iniciar a inversión
deste proceso, en defesa do investimento público, a galeguización
ou a democratización. É preciso sermos conscientes
das limitacións existentes nas tres universidades, asi como
das diferenzas e matices que apresentan entre si.
A partir deste ponto, os CAF-CAEF defenderemos alternativas
concretas nas tres universidades que teñan como cerne unha
análise nacional cunha proposta ideolóxica de fundo,
o sistema educativo público galego, que supere en moito o
actual marco. Obviamente, o noso modelo educativo precisa neste
momento de grandes mudanzas políticas e sociais no noso contorno
para ser viábel. É tamén labor do estudantado
galego propiciar esta alternativa de transformación, tan
necesária e evidente despois do último grande desastre
ecolóxico e económico que vén de sofrer o noso
país.
A ALTERNATIVA DO ESTUDANTADO GALEGO.
O resurximento do poder imperial, caracterizado polo domínio
euroamericano da economia, o poder militar e o imperialismo cultural,
non contou até agora no mundo cunha oposición xeneralizada
capaz de lle facer frente. Nos últimos anos comezan a desenvolver-se
constantemente en todo o mundo novas respostas populares, en ocasións
de curta duración e noutras a partir de diversos movimentos
sectoriais. Estas novas alternativas confluen coa tradición
de resisténcia anterior, como o movimento nacionalista.Podemos
dicer que as formas de protesta contra o imperialismo se atopan
nun novo ciclo nesta etapa histórica, caracterizadas pola
diversificicación e inovación á vez que a conxunción
coas tradicións que impulsaron as conquistas sociais. As
alternativas sociais aparecen signadas pola participación,
por unha profunda democratización dos movimentos sociais
e por práticas renovadoras. Algunhas das experiéncias
máis interesantes contra o neoliberalismo nascen nestes últimos
anos de América Latina: alternativas como as do Movimento
dos Trabalhadores Rurais Sem Terra do Brasil (MST) e a democracia
participativa impulsada polo Partido dos Trabalhadores (PT) neste
mesmo país, a revolución bolivariana en Venezuela,
o Frente Amplo uruguaio, o zapatismo ou os emerxentes movimentos
indíxenas que resurxen en todo o continente. Todos desafian
o neoliberalismo desde tácticas moi diversas, mais reclamando
un controlo da economia, a redistribuizón da riqueza e unha
democracia participativa máis ampla que os sistemas vixentes.
A vitalidade do movimento antiglobalización
foi quen de cuestionar o "governo dos poderes" e amplificou
unha realidade ben coñecida: a estrita funcionalidade das
instituizóns económicas internacionais respeito das
compañias transnacionais dos EEUU e Europa. Despois de Seattle
as protestas intensificaron-se e trasladon-se a todos os continentes,
desde Xaneiro até Decembro e desde Davos a Bangkok, Washington,
Bologna, Xenebra, Cancun, Xénova, Okinawa, Melbourne, Praga
e Niza; cenários de masivas manifestacións frente
aos cúmios da OCDE, ONU, FMI, BM e G-7.
O Fórum Social Mundial permitiu localizar no tempo e no espazo
centos de ideas, propostas e movimentos que cuestionan o neoliberalismo.
Ainda sen concretizar as alternativas ao domínio do mundo
polo mercado, dada a diversidade de movimentos que confluiron en
Porto Alegre, o FSM si aponta á necesidade da construción
dunha sociedade centrada no ser humano, ese "outro mundo posíbel".
O FSM ocupou un importantísimo espazo na história
da Humanidade, se ben nunca redixiu conclusións nen tivo
carácter deliberativo: é un espazo plural de encontro
e debate.
A vitória contra o imperialismo só
é posíbel a partir dunha rehumanización das
relacións económicas, do recoñecimento da soberania
dos países e do direito de autodeterminación, da soberania
e pluralidade cultural e lingüística no mundo. A loita
está en desacelerar e reverter a carreira cara a unha catástrofe
social, económica e ecolóxica.
Os CAF-CAEF, como organización integrante
do movimento nacionalista, actuamos en clave antitética ao
imperialismo. Defendemos a consecución dun ensino público
e galego e a emancipación da nosa nación como as melloras
achegas e exemplos que lle podemos oferecer á humanidade.
O nacionalimo é a única garantia para os povos, construído
todos os dias como alternativa antagónica á inxustiza.
Na Galiza, o nacionalismo traballa nun contexto hostil e demonizador
ante o cal debe seguir a apostar polo traballo nas organizacións
sociais, polo activismo social constante e pola coeréncia
na sua mensaxe, na defesa dos direitos da Galiza e da cidadania.
Dentro da rebeldia xuvenil do mundo o estudantado
desempeña un importante papel como suxeito activo de protesta.
Frente á concepción habitual do movimento estudantil
como unha experiéncia que aparece e reaparece en refluxos
irregulares, a experiéncia dos CAF-CAEF demonstra que é
posíbel e plenamente válida a transmisión de
coñecimentos e experiéncias e a constante evolución
de acordo ás transformacións do sistema educativo.
Co movimento anti-LOU pareceu reaparecer a iconografia da rebeldia
estudantil, mais unha interpretación exacta da história
recente revela-nos que na Galiza existen estruturas auto-organizadas
ininterrompidamente desde hai trinta anos, se ben con distintos
níveis de incidéncia.
As universidades seguen a ser un espazo privilexiado
de socialización da mocidade. As modificacións nas
estruturas económicas, sociais e educativas tiveron o seu
contrapeso en novas dinámicas reivindicativas caracterizadas
pola democracia e o asemblearismo no funcionamento interno, pola
coeréncia entre os meios e os fins e pola orixinalidade e
novidade nas formas de protesta, apoiadas na tradición anterior.
O movimento estudantil coesiona un arco-da-vella de reivindicacións,
desde a defesa dos direitos históricos da Galiza, os valores
sociais, do ecoloxismo ou do feminismo até as demandas máis
concretas que denúncian os crecentes procesos de privatización
e centralización dos sistemas educativos. É labor
dos CAF-CAEF compor un horizonte equilibrado entre estas reivindicacións,
partindo da realidade máis concreta sen deixar de analisar
a perspectiva global.
TESE DE ACCIÓN ESTUDANTIL
As análises feitas tanto na Tese Política
como na de Organización son fundamentais para o bon funcionamento
dos CAF-CAEF. Delas e do relatório de Acción Estudantil
dependerá que o traballo dos Comités Abertos nesta
etapa actual que abordamos nesta Asemblea Nacional sexa frutífero
e siga a consolidar-nos como a única organización
que defende os intereses do estudantado galego.
Como xa se ten discutido na Tese de Organización
a homologación das nosas estruturas orgánicas é
primordial, mais tamén o é a homologación do
noso traballo en todos os campos, a homologación da nosa
acción.
É moi importante que todas e todos os compañeiros
compreendan a necesária unidade que debe ter o noso traballo.
En non poucas ocasións cai-se no erro de considerar, por
exemplo, que o traballo institucional é competéncia
exclusiva das e dos representantes nun órgao determinado
ou que a xestión dunha área (Finanzas, Gráfica...)
lle corresponde en exclusiva á sua ou seu responsábel.
Independentemente de que por motivos simplesmente
práticos haxa que nomear compañeiras ou compañeiros
que se encarreguen de coordenar os distintos campos de acción,
a elaboración ou execución colexiada da nosa liña
política é unha característica esencial inerente
á natureza dos CAF-CAEF e, de ser descoidada, pode dar pé
á aparición de sérios problemas na coesión
da Organización.
Traballo institucional e traballo mobilizador: eis
aqui os piares da nosa acción de que dependerá a nosa
iniciativa política e a nosa capacidade mobilizadora.
En calquer caso, cumpre aclarar que traballo mobilizador
e traballo institucional son de todo complementares e non compreensíbeis
o un sen o outro. Os CAF-CAEF sempre entendémos, e asi segue
a ser, o traballo mobilizador como o fundamental da nosa actuación
e o institucional como unha dimensión imprescindíbel
do mesmo.
A división que entre un traballo e outro
se fai na tese só debe ser entendido a efeitos de ordenación
da mesma.
TRABALLO INSTITUCIONAL
O traballo institucional dos CAF-CAEF ten como obxectivo a dinamización
e democratización da Universidade. Mais tamén hai
que ten en conta que a planificación rigorosa das iniciativas
a apresentar é vital para facermos das instituizóns,
alén da rua, a caixa de resonáncia das nosas reivindicacións.
Para avanzarmos neste sentido é necesário
analisarmos as eivas detectadas durante este tempo tanto na falta
de coordenación como de unidade, continuidade e mesmo seguimento
do noso traballo e deixar claro o papel fundamental que cumprimos
nas instituizóns, levando a voz do estudantado.
O primeiro andar canto ao que órgaos de governo
se refere son as Xuntas de Escola e Faculdade, os Consellos de Departamento
e as comisións delegadas; tamén son, pois, os órgaos
de governo da Universidade máis próximos ao estudantado,
que ainda que limitados nas suas funcións e poder de decisión
non están carentes para nós de rendimento político.
Os CAF-CAEF, na maior parte dos casos, estivemos ausentes ou, ainda
estando, non soubemos actuar debidamente, obviando ou infravalorizando,
simplesmente, as suas psoibilidades, onde se deciden cuestións
tan importantes como os planos de estudo ou o de normalización
lingüística.
Ë fundamental tamén explicar a utilidade
de os CAF-CAEF se apresentaren aos comícios universitários
e sairen eleitos como forza maioritária da Galiza, ainda
sabendo as nosas limitacións nos órgaos de governo
(baixa porcentaxe de representación estudantil) e a deturpación
que sofren as eleizóns pola idea de inutilidade ou mesmo
surdeira das instituizóns na resolución dos problemas,
por estaren governadas por intereses alleos ao noso país.
Tamén é prioritário que todas
e todos os membros dos Comité participen e se impliquen no
traballo institucional para canalizar a problemática de cada
centro e para que a importáncia dentro da nosa organización
da apresentación ás eleizóns da Universidade
non resida só en conseguir un local para axudar a desenvolver
o noso traballo político nen na obtención dunha subvención
segundo o grau de representatividade, senón nun compromiso
claro e inamovíbel de defesa dos intereses do estudantado
galego.
O Claustro Universitário, o Consello de Governo
e as suas correspondentes comisións delegadas son o segundo
andar no traballo institucional a desenvolver na Universidade polos
Comités Abertos de Escola e Faculdade. É aqui onde
levamos feito o traballo máis importante, mais non carente
de erros. A falta de coordenación entre cámpus é
un problema habitual nos CAF-CAEF ao que debemos facer frente recuperando
a liña única de acción que caracteriza unha
organización como a nosa a nível nacional e a coeréncia
própria do nacionalismo na defesa do estudantado galego.
Para isto é necesário que, alén de facer seguimento
por parte dos órgaos de cámpus do traballo que se
desenvolva, se crie a responsabilidade institucional a este nível,
asi como a realización de reunións entre claustrais,
asembleas de cámpus e de universidade para unha toma conxunta
de decisións por parte de toda a organización. Para
isto, ademais, é fundamental a coordenación a nível
nacional através da responsabilidade criada para tal efeito,
que fará seguimento tanto das iniciativas como das campañas
nas tres universidades galegas, facilitando os critérios
e liñas xerais de actuación e a información
clara e fluída do traballo nos diferentes cámpus.
Á hora de fixar e executar as campañas
é primordial fixar-se uns obxectivos concretos e un calendário
o máis pormenorizado posíbel das actividades de que
constará a campaña. É importante tamén
avaliar a nosa capacidade humana para levá-la a cabo e delimitar
con antelación, sempre que for posíbel, as campañas
aos distintos níveis (de centro, de cámpus ou nacionais)
para asi cumprir os obxectivos marcados, non deixar as cousas a
meio facer e non cair no simples "activismo", entendendo
este como actividade propagandística sen unha finalidade
clara.
As instituizóns non universitárias
son un outro lugar de traballo dos CAF-CAEF. É necesária,
como en calquer outro órgao ou foro de debate sobre a política
universitária, a nosa intervención na defesa do estudantado
galego, nomeadamente nas instituizóns da Xunta ou do Estado
español (Parlamentos, Valedor do Povo) através das
organizacións que conforman o movimento nacionalista galego.
É óbvio que a nosa intervención
fará de altofalante para trasladar a problemática
do estudantado a toda a sociedade, como ocorreu moi recentemente
coa LOU, ademais de servir para facermos seguimento da política
universitária tanto do governo central como do galego.
O Consello da Xuventude da Galiza (CXG) é
outra das instituizóns non universitárias onde tamén
os CAF-CAEF desenvolvemos o noso traballo. Durante alguns anos este
órgao supostamente consultivo da Xunta, reflexo do nível
do asociacionismo xuvenil na Galiza, estivo amordazado e censurado
pola mesma proxección de forzas que o Parlamento Galego.
Actualmente, os CAF-CAEF participamos da iniciativa de reactivación
deste órgao conxuntamente coas organizacións do movimento
xuvenil nacionalista, facendo del unha instituizón aberta
e participativa ao conxunto da sociedade e do asociacionismo xuvenil,
atendendo os problemas da mocidade e posicionando-se sobre eles.
Como consecuéncia de todo o dito anteriormente
desprende-se o ponto sen o cal o traballo institucional dos CAF-CAEF
non teria sentido: a sua transmisión ao estudantado.
Primeiramente, a preparación e planificación
das campañas é fundamental, como tamén o o
son a marcaxe duns mínimos políticos e a cobertura
institucional que lle pretendemos dar.
O avanzo das nosas iniciativas virá dado
da explicación clara e concisa, didáctica e constante
dos nosos posicionamentos e do consecuente grau de conscienciación
e mobilización entre o estudantado.
Para todo isto é vital a presenza masiva
dos Comités nas aulas, tanto gráfica como fisicamente.
O paso por aulas, coa aparición e intervención das
e dos membros dos CAF-CAEF eleitos nos órgaos da Universidade,
proporcionará unha transmisión da información
máis nítida, directa e focalizada.
A edición de boletins, follas informativas
e outro material, alén da presenza nos meios de comunicación,
concretizarán máis polo miúdo, con extensión
e matices, aspectos non menos importantes das nosas campañas
e actividades.
Para alén de todo isto, a a convocatória
de asembleas informativas abertas sempre foi un recurso moi utilizado
polos CAF-CAEF para dar maior cobertura a determinadas campañas
e para a recolla das aportacións do estudantado, facendo-o
asi partícipe do noso traballo.
Por último, cumpre sinalar que moitas veces
hai condicionantes endóxenos e exóxenos nas instituizóns
universitárias que provocan que en determinados momentos
isolados se fagan propostas conxuntas, sobretodo co resto de organizacións
nacionalistas, para o avanzo de iniciativas de interese para o estudantado.
En todo caso, é óbvio que sempre terán de ser
analisadas con anterioridade e explicadas abertamente ao estudantado,
nese compromiso de facer abertas, transparentes, democráticas
e participativas as instituizóns universitárias para
as pór, como é o noso obxectivo, ao servizo do povo
e tendo de ser nós o exemplo a seguir en abertas/os, transparentes,
democráticas/os e participativas/os no noso traballo.
TRABALLO MOBILIZADOR
Como xa se nomeou ao comezo desta tese, o traballo mobilizador é
un dos piares básicos da nosa acción, isto é,
a extensión do noso proxecto polas aulas das universidades
da Galiza. Mais tamén é o xeito de o facer. Non é
a condición única para sermos a referéncia
que os CAF-CAEF sexamos nacionalistas, senón que o xeito
en que analisemos a realidade e a nosa metodoloxia de traballo teñen
de ratificar a nosa utilidade para o estudantado. É prioritário
proxectarmos a nosa condición ideolóxica através
de actuacións da nosa política prática diária
para esta ser percebida polo estudantado.
A homologación do noso traballo, como xa
se ten analisado, a unidade de acción própria dunha
organización única e unitária a nível
galego, a planificación concreta das campañas atendendo
tanto a critérios intrínsecos como extrínsecos...
serán fundamentais para a conscienciación do estudantado
e a soma de máis brazos no noso proxecto por un ensino público,
galego e de cualidade.
- TRABALLO MOBILIZADOR DE CENTRO
O comité é o núcleo básico na estrutura
organizativa dos CAF-CAEF. É este, pois, o lugar de traballo
máis próximo ao estudantado de cada centro, fundamental
para a realización das campañas tanto nacionais como
de cámpus ou propriamente de escola ou faculdade. O desenvolvimento
dun traballo útil dirixido cara á resolución
dos problemas do centro será o traballo máis perceptíbel
para o estudantado, que se dará conta da utilidade que temos
os comités dia a dia.
Asi mesmo, o desenvolvimento das campañas
nacionais ou o traballo de cámpus corresponden-lle en grande
medida ao comité por ser o elemento da nosa estrutura máis
próximo ás aulas e o que posui unha proxección
do noso traballo máis ampla entre o estudantado.
No traballo de todo comité, alén do
material gráfico, é importantísima a nosa presenza
nas aulas por dar unha imaxe de forza en primeira persoa ao estudantado
e para dar tamén unha focalización concreta e directa
das e dos membros dos CAF-CAEF. Sermos, asi, referéncia tanto
individual como colectiva. Este paso por aulas é de rigorosa
realización nas campañas de apresentación de
princípio de curso sendo sintomático, moitas veces,
do noso traballo o resto do ano e do grau de incorporación
de novos activos ao comité.
A publicidade das convocatórias de reunión
do comité nas aulas máis do que unha formalidade significa
a constatación de sermos abertos e a vontade de que todo
o estudantado se some ao noso proxecto, participando en maior ou
menor medida e facendo chegar as suas propostas e suxestións.
É fundamental a consecución dun local
en cada centro en que teñamos presenza, posto que un lugar
físico real non só facilita a dinámica de traballo
e reunión, senón que tamén dá ao estudantado
unha visión de acesibilidade a respeito dos CAF-CAEF. Nos
centros onde contarmos cun local debemos pular por converté-lo
nun lugar aberto e dinámico onde as e os estudantes podan
aceder a nós, formando-se unha idea de organización
real e transformadora.
É necesário pórmos tamén
en coñecimento do estudantado o noso traballo, criando as
canles de información e comunicación que consideremos
máis axeitadas (voceiros, boletins, páxina webb...),
asi como utilizar os meios de comunicación para trasladar
a problemática do estudantado ao conxunto de toda a sociedade,
cunha linguaxe clara e pedagóxica.
A acción cultural será, por outra
parte, un outro dos piares fundamentais do traballo dos CAF-CAEF
sempre encadrado na defesa das nosas coordenadas ideolóxico-políticas.
Para o desenvolvimento de todo o citado anteriormente
é necesária a participación, información,
especialización no traballo e formación de todas e
todos os membros dos CAF-CAEF, aproveitando as potencialidades de
todo o capital humano de que dispomos, ainda sabendo que non todas
e todos os membros dos comités poden traballar ao mesmo nível,
para que a nosa acción cumpra as espectativas marcadas.
O coñecimento da realidade do centro por
parte de todas e todos os membros dos CAF-CAEF e os posicionamentos
da organización a respeito de calquer problema permitirán-nos
incidir no estudantado, dotar dun maior realismo as campañas
e sermos referentes. Ademais, é necesário lembrar
o papel dos "contactos" e simpatizantes, que ainda non
sendo membros dos CAF-CAEF desenvolven unha actividade moi importante
de espallamento do noso traballo entre o estudantado.
Moitas veces o número baixo de membros do
comité condiciona o seu traballo, mais non o pode reducir
nen mermar, pois sempre que se faga na dirección correcta
co suporte e seguimento dos órgaos a nível de cámpus
estará á altura das circunstáncias e conseguirá
o afortalamento do comité e das posturas que defendemos.
- TRABALLO MOBILIZADOR DE CÁMPUS
Os órgaos a nível de cámpus, tanto a Asemblea
como o Consello, son de vital importáncia tanto no traballo
organizativo como no mobilizador.
A fixación, concreción e desenvolvimento
das campañas de cámpus serán fundamentais para
dotarmos de unidade o traballo dos comités, mais tamén
o seguimento dos acordos e campañas decididas colectivamente.
A coordenación co resto dos cámpus através
dos organismos nacionais, a homologación do traballo, a rigorosidade
e realismo no tratamento das campañas, a axilidade, flexibilidade
e capacidade de resposta da organización diante de calquer
problemática, a priorización de campañas, a
interlocución co movimento asociativo...son factores que
moitas veces non foron tidos en conta nas análises sobre
as campañas a nível de cámpus e puderon ser
os implicados nun menor ou maior éxito do noso traballo.
Asi, a información que debemos trasladar
ao estudantado da nosa acción en todos os frentes debe ter
a máxima cobertura posíbel para que ninguén
no cámpus descoñeza o noso traballo. Un bon suporte
para ela son os voceiros ou outro material gráfico que mesmo
permiten informar do traballo próprio dos comités.
Mais é necesário que os comités
interactuen, alén de realizando o seu traballo, realizando
tamén o de cámpus e que non fechen o abano de posibilidades
de traballo da nosa acción e, como consecuéncia, a
nosa capacidade reivindicativa en cada un deles.
- TRABALLO MOBILIZADOR NACIONAL
Como ben se viu no analisado anteriormente, non é o traballo
mobilizador a nível nacional o menos importante.
Como funcións do Consello Nacional que vimos
de analisar na Tese de Organización están entroutras
a unidade, o seguimento e a homologación da Organización,
mais tamén a elaboración de campañas que respondan
tanto á unidade de acción própria dunha organización
nacional como ás particularidades de cada unha das tres universidades
galegas.
A fixazón das liñas políticas
básicas e o seguimento dese traballo en cada cámpus
marcarán o decorrer das campañas elaboradas polos
órgaos nacionais. A criazón de estado de opinión
favorábel ás nosas campañas, xunto coa capacidade
mobilizadora, serán mostra do grau de vitalidade, de vida
política da nosa organización.
O máximo expoente mobilizador das nosas campañas
son as manifestacións como resposta contundente ás
agresións que sofren o noso país e o estudantado galego.
A nosa resisténcia e contestación ao longo destes
vinte anos permiten que sempre se agarde algun tipo de resposta
por parte dos CAF-CAEF como organización de referéncia
do estudantado galego. O artellamento a nível nacional deste
tipo de respostas permite ver os CAF-CAEF como a única organización
que chega a todo o país e que é quen de pór-se
á cabeza da mobilización estudantil. É este
carácter nacional o que nos diferenza das demais organizacións
e o que nos permite dar unha única resposta que abranxa cun
mesmo berro o sentir de todo o estudantado galego.
Para isto é necesário o fortalecimento
da nosa liña de acción única e a homologación
do traballo en todos os cámpus dentro das coordenadas ideolóxico-políticas
da nosa organización. A coordenación entre os cámpus,
o seguimento do traballo, a rigorosidade na sua elaboración,
a axilidade de resposta do córpus organizativo, a capacidade
de comunicación e traslado de campañas ao estudantado
son, entroutros, alguns dos factores que cumpre mellorar cualitativamente
e os que fan, a diferenza de outras organizacións, que sexamos
a dia de hoxe os únicos capaces de criar consciéncia
suficiente entre o estudantado e ilusión, tanto interna como
externa, para afrontar tanto os reptos que nos temos marcado como
as agresións que sofre o noso país.
PLATAFORMAS SOCIAIS
Hai que destacar a importáncia do traballo dos CAF-CAEF nas
plataformas sociais en que nos implicamos, boa mostra da vitalidade
da Organización, da sua capacidade de reacción e contestación
e da criazón dunha resposta comun a calquer agresión
que sofrer o país.
A Plataforma Galega pola Defesa do Ensino Público
ou a Plataforma Nunca Máis, de máis recente criazón,
son boa mostra da nosa implicación na problemática
do estudantado e da sociedade en xeral; símbolo do lugar
que deberia ocupar a universidade galega diante de calquer conflito
como vangarda da sociedade.
Foi sempre obxectivo dos CAF-CAEF a interlocución
con todo o abano de organizacións que forman o tecido asociativo
do noso país fose cal for o seu ámbito de actuación
e a sua cor política. Mais tamén é ben certo
e lóxico que as ligazóns entre os CAF-CAEF e o resto
das organizacións do movimento nacionalista galego sexan
moito máis fortes e frutíferas, sobretodo cos Comités
Abertos de Estudantes (CAE), organización irmá coa
que temos unha especial relación que xa vimos de analisar
na Tese de Organización.
Froito disto nace a participación en plataformas
sociais onde as organizacións que conforman o movimento nacionalista
galego teñen un peso, unha iniciativa e un traballo insubstituíbeis
do ponto de vista político, polo seu maior compromiso na
solución dos problemas do noso país, e nomeadamente
os CAF-CAEF na defesa do estudantado galego.
ASEMBLEAS DE ESTUDANTES
Como xa se dixo anteriormente, os CAF-CAEF temos botado moitas veces
man da convocatória de asembleas informativas de estudantes
para facer máis partícipe ao estudantado das nosas
campañas e iniciativas; mais desde o pasado ano a proliferación
de asembleas estudantis anti-LOU a nível de centro ou de
cámpus en todo o país converteu-se nun símbolo
de auto-organización de todo aquel movimento, do que cumpre
analisar as suas posteriores repercusións; iniciativas das
que o estudantado se serve en situacións de emerxéncia
nacional e de ataques contra o país, como pode ser máis
recentemente a catástrofe do PRESTIGE.
Foi grazas ao noso traballo prévio, constante
e coerente ao longo deste tempo, que abrollaron as asembleas de
estudantes, ainda que a nosa chegada a elas tarde, mal e a rasto,
ás veces, como di a popular cita galega, deixou ver erros
importantes na participación dos CAF-CAEF nestas asembleas,
debido en grande medida á inexperiéncia que posuíamos
neste ámbito. De todos os xeitos, os erros foron sendo subsanados
e, co tempo, os CAF-CAEF chegámos a ser referentes no seo
destas asembleas, mantendo iniciativas e realizando un traballo
real.
É importante aprendermos da experiéncia
do movimento asemblear para a nosa futura participación neste
tipo de organismos. En primeiro lugar, estas asembleas dan-se en
momentos de participación masiva perante ataques moi concretos,
mais pola sua própria natureza teñen unha duración
moi limitada no tempo. Para pulsar o ambiente que hai a respeito
delas cumpre que as e os membros dos CAF-CAEF estexan integradas
e integrados na vida diária do centro, pois só asi
saberemos se responden a un extenso desexo de participación
ou, por contra, a outros intereses. En segundo termo, os CAF-CAEF
debemos participar dun xeito planificado, tentando facer propostas
axeitadas e pondo os nosos grandes recursos materiais e humanos
ao servizo do estudantado, sen renunciarmos nunca á nosa
identidade como organización e co obxectivo, unha vez esmorecido
o proceso que provocou o movimento asemblear, recabar para os CAF-CAEF
os seus mellores activos e o prestíxio entre o estudantado
en xeral de sermos unha organización combativa.
Ben é certo que os ataques e as intencións
do sistema son mermar a capacidade das organizacións nacionalistas,
nomeadamente na Universidade a dos CAF-CAEF, como canalizadoras
da resposta social. Asi, queren e quixeron reducir a representatividade
e contestación das asembleas, a necesidade dunha resposta
galega conxunta e e a necesidade das organizacións nacionalistas
como motor de avanzo desa resposta.
É a ollada amiga con que os CAF-CAEF participamos
nas asembleas, garantindo que sexan plenamente democráticas,
desenmascarando os causantes dos problemas do estudantado e facendo
propostas planificadas e asumidas pola maioria, o que fai que o
arriquecimento que nos proporcionan sexa moi positivo tanto persoal
como colectivamente.
De aí que sigamos a ser a organización
máis respeitosa para con elas e que a dia de hoxe, após
un período político carregado de turbuléncia
e con vinte anos ás costas, sigamos a ser a organización
refencial tanto na teoria como na praxe para o estudantado galego
pola nosa vocación de servizo ao país.
Non é máis do que responsabilidade
nosa facé-lo cumprir polo ben noso, da nosa organización
e do noso país.
|