| Transporte Universitario
na UdC
Desde hai anos os Comités Abertos de
Escola e Faculdade (CAF) levamos denunciando a suba desmedida do
custo do transporte universitario, e o recorte dos servizos, como
a desaparición dos buses de bairro, que chegaban ás
zonas mais afastadas do centro da cidade. Os CAF iniciamos por isto
neste cuadrimestre unha campaña pola mellora do transporte
universitario na que queremos contar coa forza de todo o estudantado.
Transporte na cidade da Coruña
A suba da todas as tarifas de Bus na cidade da Coruña
ten sido espectacular, sen relación coa suba do IPC: para
que os prezos do transporte público se correspondesen con
ela habería que conxelar o prezo por 15 anos! E todo isto
tendo en conta que falamos do transporte público, que debería
abaratarse, e que teoricamente se quere potenciar desde o Concello.
Se analisamos a situación concreta do transporte universitario,
atopámonos perante unha situación aínda pior,
como podemos ver comparando co resto das universidades do País:
tanto na Universidade de Santiago de Compostela, onde o Concello
asume a subvención dun Bono-Bus para os universitarios, como
na Universidade de Vigo onde tamén se dá a mesma situación.
Mentres, na Universidade da Coruña non existe un bono-bus
universitario universal, xa que o Concello estima que nen somos
un colectivo específico que requira esa atención nen
pensa que sexa unha medida que cadre coa súa suposta política
de “esquerdas”: así os universitarios temos que
usar o bono-bus xeral de 63 céntimos, mentres que só
un moi reducido número de estudantes desfrutan do bono-bus
subvencionado a 40 céntimos.
Ademais a actual equipa reitoral, logo de mais de dous anos, segue
sen cumprir as promesas que aparecían no seu programa eleitoral:
uns bonos de mes a 15 euros para todos os universitarios e outros
a 9 euros reducidos para rendas baixas.
Ante esta precaria situación os CAF exiximos as seguintes
medidas:
- Bono Bus universal para calquera universitario.
- Liñas ás zonas máis afastadas do centro da
cidade.
- Liña intercampus.
Transporte Comarcal
Os estudantes que moran na comarca da Coruña
están a sofrer uns servizos precarios e de alto custo, situación
que os CAF queremos mudar coas seguintes medidas:
- Que a UdC encabece o proceso de creación
dun servizo diario de baixo custo para os universitarios que viven
fora do termo municipal da Coruña.
- Liñas dende os concellos da Comarca directas aos Campus.
Transporte Ferrol-Terra
A comarca de Ferrol-Terra sofre tamén duns
servizos de transporte público sobre os que compre actuar,
os CAF exiximos medidas elementares como:
- Incremento das frecuencias.
- Rebaixa no custo
- Axeitamento dos horarios ás necesidades dos estudantes.
Transporte Nacional
Moitos dos estudantes da UdC proceden de diversos
pontos do País aos que retornan de xeito habitual. A pesar
diso, os universitarios non desfrutan de nengún desconto
específico para eles, polo que os CAF reclamamos:
- Tarifas especias, equivalentes ás do Carné
Xove, para os universitarios nos distintos transportes: autobuses
e transporte ferroviario especialmente.
|