á portada
á portada de de onde vimos?

á portada

envíanos un correo

imprimir

voltar

XVIII Asemblea Nacional

Os Comités Abertos de Escola e Faculdade celebramos os dias 22 e 23 de Marzal a nosa decimoitava Asemblea Nacional, en Compostela. Baixo o lema “20 anos de Maré Estudantil”, aludindo á celebración do noso vixésimo aniversário, que demostra graficamente a consolidación do movimento estudantil nacionalista na Galiza, e ao mesmo tempo fan referéncia á capacidade de autoorganización da sociedade galega, que tan ben se articulou en resposta á incompeténcia dos responsábeis da maré negra.

O estudantado galego, organizado en estruturas próprias, ten desempeñado un papel importante neste movimento social, participando activamente nas mobilizacións populares e organizando convocatórias próprias de gran éxito, como o paro xeral do 18 de decembro, secundada na rua por máis de 20.000 estudantes de ensino superior e meio en toda a Galiza, ou o máis recente contra a guerra en Iraq.

Os CAF, analisamos no máximo órgao de debate e decisión da organización a actualidade e os retos do movimento estudantil, caracterizado nos últimos anos por respostas extraordinárias como o movimento anti-LOU ou a alta participación nas mobilización sociais e laborais. Os CAF, que contan con presenza nos sete cámpus do país, temos como obxetivo aumentar a nosa implantación e incidéncia nos centros universitários de todo o país. Por último, os CAF renovamos o noso Consello Nacional até a próxima Asemblea Nacional.

Dentro desta Asemblea Nacional tamén se pretendeu facer unha leitura histórica da evolución do movimento estudantil, fundamental na conformación do nacionalismo galego moderno, e asi lembrou-se tamén a traxectória da organización Estudantes Revolucionários Galegos (ERGA). Precisamente 20 anos despois, o movimento estudantil nacionalista pode volver a dotar-se dentro de pouco dunha organización unitária para Universidade e centros de Ensino Meio, xa que está prevista a unificación dos CAF cos Comités Abertos de Estudantes (CAE).

Finalmente, coincidindo esta asemblea coa invasión imperialista dun povo tivo especial releváncia a denúncia da política dos estados que non dubidan en poñer a unha nación no paredón de fusilamento para quedar-se cos seus recursos naturais e abrir mercados nunha zona que se lles resistia. O non á guerra! escoitou-se várias veces no salón do pleno.

· As fotos da Asemblea
· Documentos consensuados