á portada
á portada de de onde vimos?

á portada

envíanos un correo

imprimir

 

Iria Aboi
Responsábel Nacional de Organización

Castellanos de Castilla,
tratade ben ós galegos;
cando van, van como rosas;
cando vén, vén como negros.

Rescatándoa para esta conmemoración quixen comezar a miña intervención coas verbas límpidas, transparentes e inmorredoiras da nosa poeta Rosalía de Castro, unha das que aínda non nomeándose asistiu a aquel banquete de Conxo.

Compañeiras e compañeiros da Confederación Intersindical Galega e dos Comités Abertos de Escola e Faculdade, organizacións convidadas, amigas e amigos todos, hoxe conmemoramos o 150 aniversario do Banquete Democrático de Conxo, aló polo ano 1856 onde un grupo de estudantes universitarios e obreiros sentaron as bases de futuros encontros e colaboracións como a de hoxe.

150 anos daqueles que sobre aquel pequeno convivio puxeron en alerta aos sectores e poderes máis españolistas da Galiza do século XIX. Aquela Galiza que agromaba ante a profunda crise económica que padecía onde a rebelión polo pan, ante os abusos do goberno anunciaba a superación da represión dos movementos, daquela xa poderíamos consideralos nacionalistas de 1846, que culminarían nos tristes e tráxicos acontecementos da nosa historia vividos en Carral dos que antes falaba Mera.

Falabamos de que aquel xantar que reflectía os sentimentos de unidade das camadas sociais máis desfavorecidas que tamén se erguían por toda Europa, para reclamar o que por dereito e sentido lles era negado. Parece todo menos unha anacronía. Hoxe, aínda que nun sistema de democracia formal, os que conmemoramos, sen estar asediados coma eles, a aqueles que hai 150 anos se reuniron non hai moitos quilómetros de aquí seguimos os seus pasos e os seus mesmos sentimentos.

Aquel banquete deuse en chamar democrático non por caprichos da Historia, senón porque foron a defensa da democracia e da xustiza social como o son hoxe para nós. Non existe conxunción e simbiose máis nidia e xenuína da democracia e da xustiza social máis que a declarámonos nacionalistas galegos. Que é máis democrático e xusto que reivindicar o dereito do noso pobo a decidir como quere vivir e cal quere que sexa o seu futuro? Como quere organizarse, autoorganizarse e responsabilizarse dos seus propios asuntos e como quere relacionarse co resto de pobos do seu contorno? Que hai máis democrático e xusto que reivindicar o dereito a traballar na propia terra? Que reivindicar o dereito a definir o noso propio modelo de ensino adecuándoo á nosa realidade social, o dereito a estudar con dignidade no noso país? Que hai máis democrático e xusto que reivindicar non ser unha mera estatística cando morre un mozo, por exemplo nunha empresa do naval de Marín?

Non é romanticismo ou capricho da historia sermos nacionalistas, senón que é unha necesidade vital, de servizo vocacional ao país. Intrínseca e inseparábel do trato que se lle deu secularmente e se lle está a dar ao noso pobo.

Hoxe conmemoramos aquel primeiro banquete fraternal da historia do noso país, para reafirmarnos unha vez máis, para compartir o denominador común de todas as organizacións que estamos aquí hoxe e traballamos pola mudanza política e social da nosa nación.

Esas sinais de identidade indisolúbel que levamos as mulleres e homes que contribuímos ao proxecto nacionalista. Máis tamén estamos aquí para evidenciar se non ficara claro para algúns que así como a historia é imparábel, tamén o son os avances da sociedade e do nacionalismo galego, por moito que se pretenda atomizar, difamar ou desprestixiar a nosa opción política, confundir á nosa base social con mensaxes impregnadas de ficticio galeguismo ou perseguir o noso proxecto político por parte dos que, cubertos cun verniz democrático, intentan negarlle a Galiza como nación os nosos lexítimos dereitos.

Por moito que isto se pretenda todos e todas nós temos claro o que somos, o que fomos e o que queremos ser. Porque gozamos da perspectiva da memoria histórica da que outros carecen.

Sabemos que os que estaban no Banquete de Conxo ou posteriormente nas Irmandades ou nas Arengas da mocidade tiveron a importunidade de encarar procesos incómodos para o españolismo como que está a vivir o noso país non mirarían para outro lado.

Porque todos somos partícipes do traballo feito e do que o nacionalismo galego ten conseguido, mais todos somos responsábeis e importantes para que o noso proxecto avance e mellore as condicións de vida da nosa xente.

Para que as nosas nenas e nenos poidan aprender galego e así continuar as mil primaveras máis para a nosa lingua.

Para que os traballadores das ambulancias melloren as súas condicións de traballo ou para que os nosos mariñeiros poidan seguir faenando.

Para que a memoria de Bóveda e dos outros mártires sexa restituída ou para que a nosa danada Rosalía sexa recoñecida non como unha chorona senón como unha das grandes iniciadoras da recuperación da nosa literatura publicando o primeiro dos libros editados en galego do que antes vos lía un fragmento.

Por iso hoxe estamos aquí, por iso celebramos este dous de marzo, con fachenda e orgullo do que nos honra de sermos galegas e galegos. Como celebraremos tamén os próximos 8 e 10 de marzo e todas as datas sinaladas da nosa historia. Porque recordamos un pasado de loita e porque recordamos que aínda seguimos loitando por unha Galiza Ceibe e Popular.

Nada máis e a seguir celebrando máis aniversarios.