Bono axuda fronte a represión da policía Moitas son as formas de criminalizar á mocidade e ao estudantado.
A nosa organización pode dar boa conta debido á represión sufrida pola policía.
Concordamos coa cita de Castelao, "Para moldear un pobo de barro, hai que luxarse as mans" polo que seguiremos a traballar e a estudar para liberar Galiza.Axúdanos a parar a súa represión coa túa solidariedade!
21/07/2010 Son moitas e moi variadas as formas de criminalizar á mocidade e ao estudantado. A nosa organización pode dar boa conta disto debido á represión sufrida pola policía neste curso por exercermos o dereito á libre expresión. Mais a represión económica coa que a policia multa á nosa organización non nos botará atrás na defensa do ensino público, galego, democrático e de calidade. Concordamos coa cita de Castelao "Para moldear un pobo de barro, hai que luxarse as mans". Por tanto, os membros dos Comités seguiremos a traballar e a estudar para liberar Galiza. Axúdanos a parar a súa represión coa túa solidariedade! Poderás mercar o bono axuda no Festigal, no teu centro de estudos dirixíndote aos membros do comité ou solicitándoo no correo nacional@comitesabertos.or
5 de maio / Non afundas con elas e con eles, embárcate connosco! Os Comités presentámonos, máis unha vez, ás eleccións ao Claustro Universitario da USC baixo o lema Non afundas con elas/es, embárcate connosco. Para seguirmos defendendo unha Universidade Pública, Galega, Democrática e de Calidade, o 5 de maio apoia os Comités!
20/04/2010 Este ano a comunidade universitaria temos unha cita importantísima o 5 de maio. Este ano hai eleccións á Reitoría máis ao claustro universitario. Os Comités só nos presentamos a estas últimas mais temos unha posición a respecto das primeiras.Consideramos que ningún/a dos e das sete candidatas a Reitor representa un modelo alternativo para transformar esta universidade. É por iso que che pedimos o voto en branco para non afundir con eles e con elas.
Aproveitando a conxuntura económica da USC leváronse a cabo políticas nocivas para as e os estudantes, que avanzaron nun modelo privatizado de universidade no que cada vez pagamos máis por estudar e en troques recortan as prestacións sociais que a universidade ofrece. Resulta imprescindíbel que as e os estudantes teñan voz propia no Claustro, unha voz que loite polo lexítimo dereito a que a USC sexa unha universidade verdadeiramente pública.
A nosa voz destaca sobre as demais levando a voz do estudantado ás institucións. Por iso che pedimos que te embarques connosco e lle votes aos candidatos e ás candidatas dos Comités, xa que é a mellor maneira de reforzar a loita por unha universidade pública, galega, democrática e de calidade.
Podes descargar e ler o resto do noso programa e o cartaz máis abaixo:
Residencia Pública Xa! A Universidade da Coruña é a única universidade do Estado Español sen residencia pública polo que os Comités sempre reivindicamos que se debera dotar de aloxamento público de calidade para o estudantado, como unha das condicións que se deben cumprir para garantir o acceso en igualdade de condicións ao ensino universitario.
15/03/2010 Os Comités sempre entendemos que a existencia dunha universidade
verdadeiramente pública pasaba pola existencia tamén de aloxamento
público de calidade para o estudantado. A vivenda pública é unha das
garantías para o acceso igualitario ao ensino universitario.
Tradicionalmente, a Universidade da Coruña careceu do máis mínimo
interese por unha política pública de aloxamento universitario. Isto
traduciuse, na etapa do reitor anterior, nun apoio aberto ás residencias
privadas dirixidas por grandes inmobiliarias e nun desprezo ás
necesidades das e dos estudantes. Como CAF, opuxémonos a estas posicións e defendimos nas aulas e na rúa alternativas públicas á situación dos campus da Coruña e de Ferrol.
O apoio do estudantado nas nosas alternativas tivo como consecuencia
que, en 2003, unha nova equipa reitoral asumise como compromiso
dotar a universidade de aloxamento público para os estudantes e que anos
máis tarde a Consellaría de Vivenda asinase un acordo coa Vicerreitoría
de Infraestruturas para a súa promoción. Porén, co cambio de goberno na Xunta de Galiza este proxecto fica paralizado e o seu futuro é máis que incerto.
Desde os Comités, chamamos a todo o estudantado do campus da Coruña á mobilización na defensa dos nosos dereitos porque aspiramos a que a Universidade sexa pública de verdade e reclamamos:
1. Que se desbloquee a área residencial da UdC e que se destine o diñeiro público necesario para que sexa unha realidade inmediata. 2. Que se xestionen publicamente as prazas de aloxamento e que primen os criterios económicos na súa concesión. 3. Que o estudantado participe directamente na definición dos usos, no reparto de espazos e na calidade das instalacións e do servizo.
Na defensa do galego, nin un paso atrás! A defensa da lingua galega no ensino nunca antes precisara dun impulso tan forte como o que hoxe precisa. A posta en marcha de políticas lingüicidas e a aposta decidida por frear todos os avances para o idioma fan que hoxe teñamos que volver a saír a reclamar os nosos dereitos. 10/10/2009 Castelao deixou escrito no seu libro Sempre en Galiza que un idioma non nace pola vontade xenial dun grupo de seres humanos; nace pola predisposición psicolóxica dun pobo que, en condicións históricas favorábeis, crea unha cultura e a súa correspondente maneira de expresión e que o maior mal que se lle pode inflixir a un pobo é arrincarlle a súa língua: é aí o vehículo máis directo para exercer o dominio en calquera outro ámbito.
Falarmos de imposición do galego fronte ao español é tanto como dicir que as mulleres sufraxistas no século XX impuxéronlles aos varóns o seu dereito ao voto ou que os suraficanos que sofrían o Apartheid impuxéronlles aos brancos os seus dereitos civís.
Cómpre neste momento histórico de incansábeis e feroces ataques á nosa língua por parte dos sectores máis reaccionarios e españolistas da sociedade colocarse do lado do máis feble, do dominado, do galego. E que cada un de nós tomemos consciencia desta situación e nos convirtamos en auténticos axentes normalizadores, reclamando os nosos dereitos á hora de recibirmos as aulas en galego, de procurar material bibliográfico e apuntamentos na nosa lingua e a que os nosos exames estean redixidos en lingua galega.
O Decreto 124/2006 foi un dos pequenos avances que tivo o galego no ensino nos últimos anos e é, a día de hoxe, a única protección coa que contaba nos institutos do país. É agora o Partido Popular opta por seguir o pensamento “made in Madrid” e atacar a lingua galega pretendendo excluíla dos escasos lugares onde tiña presenza. A través de pseudoenquisas repletas de irregularidades pretendeuse dotar de lexitimidade unha medida que ninguén defende, pois sabemos que a maioría da comunidade escolar quere o mellor dos futuros para a lingua galega.
Se atendemos aos datos dos estudos sociolingüísticos realizados no Sistema Universitario Galego e ao informe de seguimento da Carta Europea das Linguas revélase que nas tres universidades galegas a porcentaxe de estudantes que nalgún ámbito da súa vida (familiar, afectivo, laboral ou nas aulas) empregan sempre o galego (ao redor dun 35%) e moi superior á porcentaxe de aulas que se reciben nesa lingua (apenas un 18,7%). É que pode haber estudantes que inicien os seus estudos en calquera das tres universidades galegas e os rematar sen cursar ningunha materia en galego.
Que non te CAPen co mestrado! 6 de maio, xornada contra o mestrado de secundaria que vemos como un grave retroceso do punto de vista da Universidade Pública por ser un elemento excluínte, segregacionista e elitista que vai limitar a posibilidade dos estudantes de encamiñar o seu futuro laboral cara a docencia. 03/05/2009
A Coruña / 12:00 h paro / 12:30 h concentración diante da facultade de CC da Educacion, enterro do CAP.
Compostela / 12:00 h paro / 12:30 h manifestación de porta faxeira até a Reitoría, enterro da universidade pública.
Ourense / 12:00 h paro / 12:30 h caceirolada antimestrado.
Pontevedra / Despregue de faixa desde a fachada de Comunicación Audiovisual ás 12 h.
Vigo / Despregue de faixa desde a fachada de Filoloxía ás 14 h.
Paremos as agresións ao galego! Contra estes ataques que nos queren negar a voz e os dereitos tamén é necesario que nos movamos. Digámoslles que a inmensa maioría das galegas e dos galegos desexamos para o galego o mellor dos futuros. Porque garantir o futuro da nosa lingua é garantirmos o noso propio futuro. 26/11/2008
Hai dous anos, houbo un paro xeral nos institutos para reivindicarlle á Consellaría de Educación que tomase medidas en defensa do galego no ensino. O éxito desa folga, coa participación de máis de 60.000 estudantes segundo datos oficiais, foi fundamental para que a Consellaría de Educación tivese que elaborar unha nova norma de galeguización do ensino, o decreto 124/2007.
Comezado un novo curso, vemos con preocupación como se esfarelan as boas expectativas que había sobre a aplicación deste decreto. A realidade é que:
Na maior parte dos centros non se cumpre coa lexislación; a Consellaría de Educación aínda non fixo públicos datos nin avaliacións reais sobre o grao de aplicación do decreto no curso pasado (malia o propio decreto indicar que ten que facerse); seguen sen pórse en funcionamento as medidas e os medios demandados desde a comunidade educativa. Todos os adiantos experimentados pola nosa lingua foron sempre froito da reivindicación, moitas veces protagonizada pola xente nova. Visto que é a saída que nos deixan, chamamos a parar as aulas o vindeiro 26 de novembro. Pararemos a inactividade da Consellaría de Educación. Pararemos as agresións ao idioma de Galiza.
Preocúpanos moito tamén a vaga de declaracións e accións contra a lingua do país que se están producindo case a diario desde os sectores máis reaccionarios. Teledirixidos por poderosos grupos económicos, políticos e mediáticos de fóra de Galiza, din defender cinicamente o “bilingüismo” e a “liberdade” cando na realidade só pretenden seguir marxinando o noso idioma, mantelo desamparado e, finalmente, facelo desaparecer.
Pararemos os institutos para dicirlle a eses grupos que os estudantes de Galiza defendemos o noso idioma. Falemos castelán ou falemos galego, queremos que se tomen medidas de apoio a un vínculo que nos une como galegas e galegos, que é unha riqueza común e un patrimonio para a humanidade.
Contra estes ataques que nos queren negar a voz e os dereitos tamén é necesario que nos movamos. Digámoslles que a inmensa maioría das galegas e dos galegos desexamos para o galego o mellor dos futuros. Porque garantir o futuro da nosa lingua é garantirmos o noso propio futuro.
Na defensa da universidade pública galega, Folga Estudantil o 19 de novembro Os Comités vimos de convocar para o próximo 19 de novembro unha Folga estudantil nos 7 campus galegos para reclamar un novo plano de financiamento para as universidades galegas que as defenda fronte Boloña e que nos garantice a todas e todos unha universidade verdadeiramente pública e ao servizo da sociedade galega. 20/10/2008
+ diñeiro público A día de hoxe, a porcentaxe de investimento da Consellaría de Educación na educación universitaria é o 0,75% do P.I.B de Galiza; mais agora temos que crer que vai chegar ao 1,5 en 2015, cando nun primeiro momento o obxectivo da Consellaría era chegar ao 1% en 2010. Porén, os Comités entendemos que o investimento público no ensino universitario non debe ser inferior ao 1,5% do P.I.B galego no ano 2010.
- taxas Na actualidade, a porcentaxe de participación do estudantado a través das taxas no financiamento universitario supón: na UdC o 13,81%, na USC o 18,21% e na Uvigo o 10,29%. Nós apostamos pola redución da porcentaxe de participación das taxas no financiamento das universidades até o 5% no ano 2010, non producíndose ningún perxuízo económico para as universidades e beneficiando a moitas e moitos.
+ bolsas Só o 17% dos estudantes da Galiza están bolsados polo Ministerio de Educación e Ciencia (MEC), primando os criterios académicos sobre os económicos e producindo que unha parte importante do estudantado non teña acceso a unha bolsa que necesita. Consideramos que é necesario en 2010 pasar do 17% ao 33% os estudantes beneficiaros de Bolsas de Axuda ao Estudo, e elevar do 17% ao 50% os estudantes que teñen exención de taxas por criterios de renda. Alén da asunción da política de bolsas por parte da Xunta a fin de axeitala ás nosas características socioeconómicas propias.
+ aloxamento público Para garantir un aloxamento público abondo faise necesaria a creación dun ente público composto polas tres universidades galegas, a Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria e a Consellaría de Vivenda e Solo para a xestión do aloxamento universitario, que convirta todas as prazas concertadas, subvencionadas e concesionadas en prazas públicas antes do ano 2010. Así como a elaboración dun plano plurianual de aloxamento público universitario que garanta cando menos acceso ao 15% dos estudantes matriculados en cada campus.
+ coordinación Un apoio económico decidido será imprescindíbel para a xestión integral necesaria do Sistema Universitario Galego (SUG) no que ten a ver coas infraestruturas, aloxamento público universitario, matriculación, investigación, mapa de títulos, promoción...
- despilfarro Coidamos que para que os cartos de todas e todos nós non os desbalden uns poucos é completamente necesaria a fiscalización e control orzamentario por parte da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria.
+ calidade Unha universidade de calidade pasa pola progresiva eliminación da limitación de prazas nas titulacións, nos graos e nos posgraos, a eliminación das probas específicas para as titulacións, a redución das proporcións profesor/alumno. Do mesmo xeito cómpren melloras substanciais tanto en materiais como en infraestruturas.
súmate na defensa da universidade pública galega!
Que non xoguen co ensino. Está nas nosas mans! Os Comités é unha organización estudantil que nace co obxectivo de impulsar e imprimirlle un novo ritmo ao movemento estudantil galego, recollendo e asumindo a herdanza ideolóxica e práctica das organizacións estudantís nacionalistas e dando resposta conxunta e coordinada de todo o estudantado aos ataques que sofre o noso ensino. 01/10/2008
Un ensino GALEGO, planificado desde Galiza e en función dos intereses do pobo galego. Inserido na realidade social e cultural galega, e polo tanto cuns contidos orientados cara a transformación da nosa realidade socioeconómica e a potenciación da cultura nacional galega. Consideramos de vital importancia a inversión do proceso de desgaleguización do ensino, por iso reivindicamos o rigoroso cumprimento do Decreto 124/2007 de promoción do galego no sistema educativo así como o cumprimento dos Plans de Normalización Lingüística das tres universidades galegas e que todas as prazas de profesorado creadas no Sistema Universitario Galego tiveren perfil lingüístico. Ademais apostamos pola adaptación dos currículos e da investigación ao noso país e reclamamos a existencia de estudos especificamente relacionados coa nosa realidade e mais co desenvolvemento socioeconómico de Galiza.
Un ensino PÚBLICO, financiado publicamente e suxeito a criterios que favorezan as maiorías sociais e as clases populares, garantindo o acceso ao ensino en igualdade de condicións para todas e todos os estudantes. É por isto que reivindicamos a integración dos centro privados e de carácter especial na rede única de ensino público, a gratuidade dos libros de texto en todos os niveis ou o estabelecemento de axudas aos estudantes para os servizos complementarios (transporte, comedor...). Apostamos ademais pola libre incorporación á educación universitaria sen atrancos académicos como a selectividade, as probas de acceso, ou o límite de prazas en graos e posgraos. Na universidade, un verdadeiro ensino público pasa a conxelación das taxas cunha progresiva diminución da participación do estudantado no financiamento universitario. Ademais exiximos a elaboración dun Plano de Financiamento para as universidades galegas que as dote suficientemente investindo unha cantidade non inferior ao 1,5 do P.I.B de Galiza. Mais para garantir un acceso igualitario ao ensino superior é fundamental a creación dunha bolsa galega de axuda ao estudo (onde primen os criterios económicos sobre os académicos, se recoñezan as profesións especificamente galegas, se incrementen tanto o número como a cuantía das bolsas, se adianten os prazos de concesión e pagamento evitando os retrasos así como o mantemento do pago fraccionado caso de que a solicitude for denegada) e a creación de suficientes prazas de aloxamento público para estudantes universitarios nos sete campus galegos que garanta cando menos acceso ao 15% dos estudantes matriculados nese campus.
Un ensino DEMOCRÁTICO, planificado en función dos intereses das maiorías sociais e con órganos de goberno verdadeiramente democráticos nos que a presenza do estudantado teña unha maior incidencia real na toma de decisións. Reivindicamos a democratización dos órganos de goberno e xestión escolar asegurando a representación estudantil paritaria cos demais sectores en todos os niveis, incluído o Consello Escolar de Galiza e demandamos o recoñecemento, no ensino medio, dos dereitos democráticos dos estudantes: realización de asembleas, folgas etc.
Alén a democratización do ensino tamén supón a inclusión nos planos de estudo do papel das mulleres na historia, na cultura, na ciencia, e en todas as diferentes áreas de coñecemento e a garantía de termos un ensino laico sen adoutrinamento relixioso.
Un ensino de CALIDADE, interdisciplinar e non memorístico que incorpore os avances da ciencia e da cultura, un ensino crítico e científico que permita coñecer os distintos enfoques metodolóxicos e que permita a autoformación das e dos estudantes. Demandamos a renovación dos actuais sistemas de avaliación e verificación do desenvolvemento formativo do estudantado, que suprima os actuais exames, a reciclaxe do profesorado e o control da docencia. Ademais exiximos que as prácticas, tanto de FP como universitarias, sexan remuneradas e controladas para evitar situacións de explotación laboral encubertas.
Estes son os problemas que fan parte do ensino e as solucións que propoñemos para resolvelos. De todo isto ti podes participar, QUE NON XOGUEN CO ENSINO ESTÁ NAS NOSAS MANS!
Organízate por un ensino galego e público, únete aos COMITÉS!