|
Os Comités recollemos a herdanza política-ideolóxica das organizacións estudantís nacionalistas que nos
precederon plasmada no obxetivo político dun ensino:
GALEGO: planificado desde Galiza e en función dos intereses do pobo galego. Inserido na realidade social e cultural
galega, e polo tanto cuns contidos orientados cara a transformación da nosa realidade socioeconómica e a potenciación
da cultura nacional galega. Consideramos de vital importancia a inversión do proceso de desgaleguización do ensino,
reivindicamos a adaptación dos currículos e da investigación ao noso país, reclamamos a existencia de estudos
especificamente relacionados coa nosa realidade e co desenvolvemento socioeconómico da Galiza, defenderemos a
estrita regulamentación do uso do galego para lograrmos a súa plena normalización.
PÚBLICO: financiado publicamente e suxeito a criterios que favorezan as maiorías sociais e as clases populares,
garantindo o acceso ao ensino en igualdade de condicións para todas as e os estudantes.
DEMOCRÁTICO: planificado en función dos intereses das maiorías sociais e con órganos de goberno verdadeiramente
democráticos nos que a presenza do estudantado teña unha incidencia real na toma de decisións.
DE CALIDADE: interdisciplinar e non memorístico que incorpore os avances da ciencia e da cultura, un ensino crítico e
científico que permita coñecer os distintos enfoques metodolóxicos e que permita a autoformación das e dos
estudantes. |