Razóns para parar a LOMCE!

Os Comités anunciamos a convocatoria de folga estudantil para o vindeiro 6 de febreiro. Cremos que as razóns son máis que suficientes, pois se xa na pasada folga do 17 de outubro dixemos que estabamos perante un golpe de estado ao ensino público, esta contrarreforma dinos que estabamos no certo.

Con esta reforma educativa, o Partido Popular quere continuar coa privatización dos servizos públicos, como xa fixo coa sanidade, e evitar que que @s fill@s da clase traballadora poidan acceder a un ensino público e de calidade, e na lingua propia do seu país, porque a LOMCE ademáis do dito antes, é unha mostra máis do afán españolizador do PP, e unha continuación das medidas anti-galegas xa levadas a cabo pola Xunta de Galiza co decreto do plurilingüismo. Continuando a falar do ataque ás linguas propias,o ministro Wert, afirmou que un dos obxectivos desta reforma é españolizar ao alumnado catalán,polo que nos preguntamos se é que a nós, o alumnado galego, xa nos dá por españolizado. Demostrémoslle que non, e o vindeiro día 6 berremos ben alto que non, que nas nosas aulas queremos galego, queremos a nosa lingua na primeira división, e non na cuarta, como a LOMCE a quere pór.

Recuperaranse as inxustas reválidas do tempo do franquismo,que virán redactadas desde Madrid, na que somos unicamente avaliad@s polas nosas calificacións, e non por outros aspectos que poden influír á hora de nos poñer a nota, por culpa de que o exame de reválida será corrixido por profesorado alleo ao centro, descoñecedor da nosa situación.

Esta reforma, corredactada pola Conferencia Episcopal, significa tamén, unha maior confesionalidade do ensino, ao empurrar a unha maior porcentaxe de alumnado á asistencia a aulas de relixión, debido a que existirá unha optativa á mesma, que será avaliábel, o cal, conducirá ao alumnado á suculenta e fácil de conseguir, nota de relixión.

A LOMCE tamén significa unha auténtica perda de democracia nos nosos centros de ensino, xa que deslexitima ao consello escolar (aínda máis do que xa estaba) e dá plenas competencias á dirección, que por se xa fose pouco, será posta pola Administración.

É por isto, que o vindeiro día 6, non podemos ficar calad@s, temos que berrar ben alto que non queremos máis ataques á nosa lingua, que non queremos reválidas, que queremos unha aconfesionalidade do noso ensino e que queremos un ensino verdadeiramente democrático onde nós tamén teñamos lugar. En definitiva, que non queremos á LOMCE.