Todos os graos teñen dereito a existir! 200 estudantes en Filoloxía!

http://www.comitesabertos.org/wp-content/uploads/2013/02/IMG-20130227-WA0005.jpg

Máis de 200 estudantes da Facultade de Filoloxía da USC rexeitan a posíbel desaparición dos Graos de Lingua e Literatura Galega e de Filoloxía Clásica.

Esta foi a primeira mobilización que hai en Galiza contra o Decreto 222/2011 da Xunta de Galiza que establece liñas e criterios para unha nova ordenación do Sistema Universitario Galego e que establece un número mínimo de estudantes de novo ingreso nos graos. Os Comités denunciaron, na mañá de hoxe, que este decreto establece un número mínimo de 50 estudantes nos graos dos campus da Coruña, Vigo e Santiago e de 40 nos de Ourense, Lugo, Ferrol e Pontevedra como tamén establece mínimos de 20 estudantes para calquera master e de 10 para calquera doutoramento. Trátase de simplificar a universidade e de convertela en simples números como se fora unha simple mercadoría.

Na mañá de hoxe denunciamos unha mudanza da ordenación universitaria socialmente inxusta e que poderá supor a desaparición de moitas titulacións universitarias na Galiza. Todo aquel grao que no curso 2015/16 non chegue a un mínimo de 50 ou de 40 estudantes, en función do campus, terá tres anos para captalos ou será sometida a un Plano de Viabilidade que pode rematar coa supresión da titulación determinada.

Desde os Comités rexeitamos esta unha nova ordenación do Sistema Universitario Galego amplamente restritiva e encamiñada a unha ampla redución da oferta educativa e que terá unhas repercusións moi negativas nos vindeiros anos. Desde a nosa organización facemos un chamamento ao conxunto dos órganos de goberno de Facultades e de Universidades galegas a rexeitar, desde este momento, o Decreto 222/2011.